viernes, 5 de febrero de 2010
Mercados agroalimentarios e cooperativas
Estes abusos de posición dominante da gran distribución e dalgunha agroindustria de corte capitalista (especialmente no sector lácteo) provoca un clamoroso desequilibrio da competencia. A maioría dos agricultores e gandeiros encóntranse nunha situación de desequilibrio negociador fronte ós compradores e a gran distribución. Este desequilibrio do poder de negociación non tería importancia se a colleita estivese en mans de cooperativas fortes con peso negociador (como sucede no norte de Europa), o que significa que se terían en conta os intereses dos produtores. Pero aquí non temos grandes cooperativas e a colleita está en mans da industria capitalista ou pequenas cooperativas con escasa profesionalización e capacidade de negociación.
No mes de xullo acadouse en Madrid un acordo de prezos no leite entre produtores, cooperativas, industria e distribución cuxa finalidade era loitar contra a crise do sector. Este acordo tomaba como referencia os prezos pactados en Francia máis o transporte, como prezo indicativo para o leite producido en España. Só con contratos a medio/longo prazo, definindo volumes, primas, prezo e condicións de calidade, deberiamos dar a relevancia necesaria ós produtores, cooperativas, pequenos comercializadores e industria transformadora para que poidan ter maior previsibilidade dos seus ingresos, dos seus subministros e dos seus custos, fronte á gran distribución. Se un acordo de prezos de cotización de todos os actores a nivel nacional é contraria ó dereito da competencia, o extremo oposto, é dicir, a negociación de cada transformador con cada produtor limita brutalmente os beneficios agardados da contratación en termos de restauración do poder de negociación dos mesmos.
O lóxico é que as negociacións coa industria e coa distribución sexan levadas a cabo por medio dunha oferta conxunta das organizacións produtoras baixo un modelo cooperativo que inclúa a transferencia do produto e a orde de ser comercializado. Pero, o pequeno tamaño das cooperativas impide esta negociación entre iguais. Por tanto, urxe introducir cambios normativos no dereito da competencia que posibiliten contratos sectoriais para estabilizar os prezos de produción e limitar a volatilidade, apuntalando o poder no mercado dos produtores con contratos que fixen volume, prezo, primas e calidades.
Con ou sen cambios na normativa, é de interese dos produtores agruparse en cooperativas o suficientemente fortes -incluso ata a fase de procesamento-, comprendendo a transformación no desenvolvemento de produtos de calidade ou marcas de distribución que estean menos suxeitos á competencia internacional. O apoio e potenciación das cooperativas debe ser unha medida de política de desenvolvemento rural imprescindible para reforzar a posición negociadora dos agricultores e gandeiros. A Comisión Europea así o sinala en comunicacións dirixidas aos estados membros, pero seguimos agardando apoios económicos e políticos firmes e decididos nesta dirección.
martes, 3 de noviembre de 2009
E agora qué facemos
Plenamente mergullados nunha profunda crise económica e do sector agroalimentario, xorden repetidas preguntas dos dirixentes das cooperativas sobre cómo saír deste pozo económico no que temos ó sector. Pois ben, en AGACA e dende a perspectiva cooperativa, cremos que as cooperativas agroalimentarias constitúen unha ferramenta fundamental no sector e unha engrenaxe básica para o desenvolvemento da actividade económica nas comarcas rurais galegas. Porén, as cooperativas agroalimentarias, ó igual que outras empresas do sector, atravesan un período moi complexo, non só pola conxuntura económica actual, senón pola existencia dun mercado cada día máis globalizado, concentrado e menos regulamentado e, por tanto, moito máis liberalizado.
A volatilidade dos prezos, ante a total ausencia dos mecanismos de intervención pública, convértese en algo habitual, polo que debemos prepararnos para iso. Como exemplo, en 2007 o leite chegaba a liquidarse a máis de 0,46 €/litro ó gandeiro e dous anos despois, moitos gandeiros recibían liquidacións inferiores ós 0,23 €/litro. A dimensión é un dos retos máis importantes da industria agroalimentaria e das cooperativas, non só condicionado pola concentración dos nosos provedores e clientes, senón pola necesidade de realizar investimentos que precisan economías de escala para poder ser viables.
As alianzas estratéxicas entre empresas cobran especial importancia para aproveitar as oportunidades dun mercado cada día máis globalizado, sempre que estas empresas compartan obxectivos e modelos de negocio compatibles. Por outra banda, debemos ver a globalización como un proceso irreversible, o que nos obrigará a tomar posicións máis ofensivas e non limitarnos a defender un mercado que, hoxe por hoxe, xa se encontra practicamente aberto.
Sen lugar a dúbidas, debemos aproveitar as marxes de manobra que contempla a actual Política Agrícola Comunitaria (PAC) para deseñar unha política estatal que complemente á autonómica e que permita o desenvolvemento de grandes proxectos e iniciativas de gran dimensión e impacto. Temos que abrirnos máis aló dos límites autonómicos porque necesitamos que a capacidade exportadora das cooperativas (que hoxe desenvolven varias cooperativas de viño, Coren, Cogal,…) aínda sendo importante, estea concentrada en poucos sectores e poucos países. Temos necesidade de ampliar os nosos destinos e non limitarnos á especialización para conseguir unha verdadeira implantación.
Temos que orientar a estratexia cara á excelencia, tanto nos procesos coma nos produtos, cuestión que deberá ser convenientemente valorada polos consumidores e acompañada por unha mellora dos controis cualitativos das importacións de terceiros países. Finalmente, está claro que en varios sectores, especialmente no lácteo, as cooperativas deberán facer un esforzo para mellorar a súa posición no mercado. Neste senso, o bo aproveitamento das oportunidades de integración e articulación empresarial a través de iniciativas para a transformación industrial do leite das cooperativas debería orientar as decisión tanto das cooperativas como das administracións.
viernes, 4 de septiembre de 2009
Tractoradas e acordo
Cando hai un problema, sempre hai solucións. Hóuboas para os fabricantes de coches, para os bancos, os fabricantes de motos...¿Por que non imos ter solucións no sector gandeiro?. ¿Por que é máis difícil axudar ós gandeiros que ós banqueiros, ou ós do automóbil? Para as cooperativas, as tractoradas non son un acto lúdico. Para a sociedade non deben ser menos importantes que si fosen coches de luxo. As tractoradas representaron a todos os gandeiros galegos solicitando a solución dun problema moi grave, xa que son un piar básico da nosa economía.
Coas tractoradas chegou o Acordo de Madrid. Con independencia de que nos gustaría que o prezo pactado fose maior (prezo mínimo), ou calquera outra característica, cremos que o importante é que, con este acordo, podemos empezar a dispoñer dun marco de relación profesional no sector que nos permita desenvolver pactos que faciliten a sostibilidade do mesmo: dos gandeiros, das cooperativas, da industria e do consumidor. Levamos moitos anos sen ningún prezo de referencia do sector, ¿por que vai ser malo ter un prezo obxectivo superior ó que hoxe cobran os gandeiros?
Pese a que asinamos o acordo, o habitual no sector lácteo é ser escépticos sobre o seu cumprimento sobre a xeneralidade do sector (industria, administracións e distribución). Levamos décadas intentando comprometernos co sector industrial en acordos que nos doten de profesionalidade e transparencia. Por iso, non existen en España experiencias positivas de cumprimento dos acordos de prezos no sector lácteo, como por exemplo en Francia. ¿Cambiou o sector tanto como para que agora se cumpran?. Ás cooperativas gustaríanos pensar que si, que as cousas cambiaron, e imos facer todo o posible para que así sexa.
Claro está, que nun sector tan acostumbrado ás actuacións unilaterais da industria resulta necesario dispoñer de algúen que garanta o cumprimento do acordo, parpel que corresponde ó Ministerio e ás consellerías do ramos con competencia na materia. Sen lugar a dúbidas, consideramos extraordinariamente positivo que participaran as asociacións da distribución na sinatura do acordo, xa que tamén se comprometen na aplicación do mesmo. Por tanto, estes son os novos elementos para cambiar a traxectoria dos acordos anteriores: compromisos das administracións e da distribución. Todo fará falta para controlar un sector que viviu permanentemente na especulación e atropelo dos produtores. Veremos se son suficientes.
Por suposto, queda moito traballo e moita negociación por diante: este acordo non coloca ás explotacións lácteas na rendibilidade, estimada nun prezo de 0,34 €/litro. Porén colócanos na senda da supervivencia, sobre otodo a aquelas explotacións que cobraban menos de 0,24 €/litro, e que están a descapitalizarse de xeito moi rápido durante estes meses de prezos ruinosos. Estamos ante un acordo distinto ós anteriores, cuxa alternativa era quedar como estabamos, sen ningún pacto e sen ningunha previsión.
Dende as cooperativas leiteiras consideramos que a práctica desaparición dos mecanismos públicos para a xestión dos mercados está provocando que aqueles países da UE máis vertebrados e mellor organizados se autoregulen e utilicen o mercado español como destino de boa parte dos seus excedentes cando, polas razóns que sexan, non os poden colocar no internacional. Só os países e comunidades máis organizadas van poder regular o mercado ante a ausencia de ferramentas públicas de regulación dos mesmos. Neste senso, consideramos que, en Galicia, a veces seguimos mirando ó pasado, xa que a intervención pública pública deixou paso á intervención privada. Debemos organizarnos e non deixar que o mercado sexa ordeado por outros de fóra, e para iso necesitamos que as cooperativas sexan moito máis apoiadas, tal e como sucedeu no norte de Europa.
lunes, 18 de mayo de 2009
As desfeitas do lobo e o xabaril
Os reiterados ataques que especies como o xabaril e o lobo están a exercer sobre o gando e os cultivos sitúan a estes animais no punto de mira continuo de ecoloxistas, agricultores, gandeiros, cazadores, administración, etc.
Hai un debate xerado en torno á excesiva e incontrolada poboación de ambas especies que provoca malestar en todos os sectores. Parece lóxico pensar que calquera gandeiro ou agricultor é un amante da natureza, convive con ela, vive dela, coida dela, polo tanto aí non hai espazo para a dúbida. Como tal, non ten nada en contra da proliferación de lobos ou xabarís. É doado contemplar con benevolencia dende a distancia. Porén, a situación cambia cando un esperta pola mañá e se atopa cunha vaca estragada , ou unha ovella, ou toda unha finca esnaquizada despois dunha visita salvaxe nocturna. Aí cómpre tomar medidas.
Non hai moito dicíase que o porco bravo se asustaba do home, de feito, colocar unha radio a todo volume transmitindo seguido, empregar lanternas, espantallos, ou o ladrar dos cans parecían ser artimañas efectivas no intento de mantelo afastado das fincas, agora nin radios, nin sequera valados, por non dicir que nin a propia presenza do home preto, desanima a este animal na procura de alimento.
Trátase dun animal robusto, cun sentido do oído e o olfacto altamente desenvolvidos, descansa de día, amósase activo pola noite e está dotado dunha extraordinaria capacidade reprodutiva: a xestación dura catro meses e a femia pare entre dúas e dez crías. Estas circunstancias, xunto coa práctica inexistencia de depredadores naturais e o afán por buscarse un alimento fácil, introducíndose no medio das plantacións e arrasando co que atopa ó seu paso, lévao a converterse nun inimigo para o home, polo menos do home que vive do traballo na terra.
Outro tanto acontece co lobo. De acordo en que se trata dun elemento de importancia no patrimonio natural de Galicia, pero está a atacar ó gando. Actualmente non figura no catálogo de especies ameazadas e a normativa é rigorosa: só se autoriza a súa caza unha vez constatados os danos. En 2008, a Xunta tramitou 382 expedientes por danos ocasionados polo lobo e 1.482 expedientes relacionados co xabaril; máis de 109.000 euros e preto de 700.000, respectivamente, en axudas. Cantidades que non cobren as perdas reais. De feito, o importe máximo nas axudas por danos do xabaril é de 1.500 euros e só se admite unha denuncia por ano.
¿Somos culpables os gandeiros ou os agricultores dos danos ocasionados polos animais en liberdade? ¿por que sempre temos que tragar con todo o que nos pase? ¿tomaríanse as mesmas medidas se estes animais, ou outros, fosen quen de entrar nas oficinas e desfixesen en anacos os informes, resumos, artigos, etc. elaborados nos meses pasados polos seus empregados, botándose a perder todo o traballo realizado durante horas e horas?, ¿vale menos o traballo do produtor que inviste horas, días e meses en obter produtos de calidade que se converterán no noso sustento? Administración, sociedade, cazadores, seguros, afectados, todos temos que tomar parte na solución. É o xusto.
miércoles, 25 de marzo de 2009
Co leite na caluga
Sabíamos que 2009 era o ano da crise e así o explicamos no editorial do número anterior de Cooperación Galega. Nestes primeiros meses do ano á crise está a mostrar a súa cara máis crúa co sector gandeiro, especialmente no sector leiteiro. Estamos ante un rápido deterioro dos mercados de consecuencias imprevisibles para a produción de leite, para as cooperativas e para a nosa industria láctea. Era de agardar. A maioría das nosas industrias son de capital francés ou portugués e as de capital español están profundamente desunidas entre si; boa parte das grandes superficies de distribución son francesas ou alemás e están nunha carreira coas de capital español para ver quen vende os produtos agroalimentarios máis barato, importando os alimentos que noutros países máis organizados sobran.
Solicitar que non quede un litro de leite sen recoller parece unha demanda desaxeitada para un país que consume máis leite do que produce, máis o desastre de desunión e escasa visión da realidade do conxunto dos actores do sector lácteo español fai que -a día de hoxe- sexa unha prioridade. Pero, ¿será suficiente para reaccionar e organizar este sector?. Posiblemente necesitaremos estar coa auga na caluga varios meses ata comprender varios aspectos básicos: que algo temos que facer, unido e conxuntamente todo o sector (produtores, cooperativas, industria e administracións) pois individualmente non vamos a ser capaces máis que de alongar a agonía; que debemos actuar inmediatamente sobre o mercado español (que segue a ser, e seguirá sendo, un mercado deficitario); ou, pola contra, o sector lácteo vai camiño da súa rápida desaparición. Só fai falla vontade por parte de todos os actores do sector para querer saír desta situación e que as administracións asuman o liderado para levalo a cabo.
É evidente que houbo grandes cambios no papel dos “primeiros compradores”. A actitude da industria láctea cos “primeiros compradores” mudou neste intre de crise pola completa falla de xestión das importacións de leite. Evidentemente, a solución pasa por cambiar o status dos “primeiros compradores” cara as novas regras de xogo para que sexan útiles e necesarias (social e economicamente falando) nun mundo lácteo aberto, con moitas turbulencias. Urxe impulsar a cooperación empresarial entre as cooperativas e de estas coas industrias. Hai un exceso de prácticas de xestión tradicionais e funcionamos só por reacción ante os cambios, cando ademais nos atopamos con altas doses de conformismo, falta de enfoque de mercado e insuficiente colaboración entre as mesmas cooperativas.
As cooperativas necesitan un novo marco de actuación e xestión (un novo modelo) para a xestión do leite ante o cambio dos mercados lácteos, cun claro enfoque de mercado, redimensionándose para lograr competitividade e un novo posicionamento na sociedade. É certo....., pese a todo, para moitos colaborar non é evidente, xa que, en primeiro lugar, non sabemos, nin estamos acostumados. Colaborar tampouco é gratis (hai custes de coordinación, custes sociais de explicación, hai que xerar confianza...). Colaborar non é fácil xa que todos tendemos a defender ó noso fronte ó dos demais. Porén, a colaboración permite xerar sinerxías, orixina aprendizaxe nos que non saben, permite comprobar e innovar, e é necesario para ter un tamaño competitivo. Agora que temos a auga na caluga, ou mellor dito, o leite, temos que facer un gran esforzo por interiorizar o máis axiña posible, estes novos ámbitos da colaboración. Colaboración entre as propias cooperativas e colaboración entre todos os actores do sector leiteiro para sacar adiante a un sector en grave risco de desaparecer, non por falta de competitividade, senón por completa falta de organización. Urxe poñerlle lóxica e xestión ó mercado lácteo de España, antes de que sexa moi tarde.
viernes, 2 de enero de 2009
Tempos de Crise
Os prognósticos dos expertos falan dunha caída xeneralizada de prezos no 2009. Se a poboación asume a austeridade e se lanza a comprar produtos baratos, estamos ante unha caída de prezos descoñecida no noso contorno. Ademais, todo parece indicar que os cidadáns reducen o consumo e os investimentos pola expectativa de que os prezos poidan baixar. Algúns afirman que é cuestión de tempo que vexamos taxas do Índice de Prezos ó Consumo (IPC) moi reducidas. Co espectacular incremento de consumo das marcas brancas nestes últimos meses, abandónase o consumo de produtos máis luxosos, ou de maior prezo, e incluso podemos comezar a importar alimentos baratos de terceiros países, algúns de moi dubidosa seguridade alimentaria.
Ante esta situación, hai que instaurar unha nova cultura de xestión empresarial nas cooperativas. Os directivos deben pensar na prosperidade da empresa a longo prazo, e abandonar a miras a curto. Nestes tempos, vai a ser difícil que un Consello Reitor sensato aprobe novos gastos e investimentos, obrigando a que o autofinanciamento sexa a clave para abordar novas iniciativas na cooperativa. En épocas de crise é necesario, sobre todo, eliminar os erros do pasado e evitar males maiores. É preciso que os directivos identifiquen os problemas fundamentais da empresa para cambiar o comportamento en consonancia coa análise feita e tomar decisións rápidas.
A maioría de cooperativas comprenderá a imperiosa necesidade que temos de gañar competitividade, isto é, producir máis calidade a menor custo. A clave é actuar rapidamente eliminando o que non sexa rendible, abandonar as políticas tendentes a incrementar as vendas a toda costa e aumentar a eficiencia en todos os aspectos da actividade para asegurar liquidez a curto prazo. É un erro grave ser lentos na toma de decisións. Ás veces hai que reducir a capacidade operativa da empresa na medida en que baixan as vendas facendo aquilo que se sabe facer e abandonando o resto, no que non somos competitivos. O talento, a formación e a experiencia continuarán sendo reclamados polas empresas que desexen facerse máis competitivas nestes tempos de dificultades.
Sen lugar a dúbidas, ningún directivo de cooperativas debe esquecer cales son os principais factores detectados que inflúen na competitividade da mesma. Temos que dispoñer do persoal máis cualificado e mellor formado posible, polo que é necesario captar ós mellores e dispoñer de recursos para poder facelo. Todos sabemos que temos unhas cooperativas demasiado pequenas en relación coas empresas coas que nos relacionamos comercialmente e competimos, e tamén, coas cooperativas doutros países da Unión Europea. É necesario incrementar o tamaño empresarial das mesmas se queremos competir. Necesítanse, xa, procesos de integración e fusión de cooperativas para acadar dimensión e tamaño empresarial competitivo. Por último, todos sabemos que as cooperativas deben investir máis en tecnoloxía e innovación. Estes son os consellos básicos para saír fortalecidos desta crise a que nos enfrontamos.
viernes, 14 de noviembre de 2008
As cooperativas somos empresas de persoas, ao servizo das persoas e, por tanto, non só debemos centrarnos no beneficio económico, xa que tamén debemos ter presente os obxectivos sociais que nos axudan a apuntalar a nosa estrutura organizativa. Os compromisos sociais deben axudarnos a incrementar a confianza de todos os socios no proxecto empresarial da entidade. Precisamente estes dous ámbitos de actuación das cooperativas esixen aos nosos equipos directivos dispoñer, por un lado, dun bo equipo de xestión empresarial, e por outro, dun líder que dispoña de reitores comprometidos para dirixir -con principios cooperativos claros-, a toma de decisións que contribúa o benestar profesional dos socios. Basicamente solo sobre estes valores e principios podemos incrementar a capacidade competitiva da nosa empresa no mercado.
Nestes tempos de crise existen máis probabilidades de que algunhas cooperativas, no medio do desconcerto e da desorientación, atravesen dificultades empresariais. Agora convén facer esforzos na procura da eficiencia empresarial, afondar no coñecemento das necesidades e intereses dos nosos clientes e consumidores, reorientar a produción dos socios de cara a esas novas necesidades, e todo, cun liderado claro e comunicativo asentado nunha estratexia completamente asumida e na que, socios e todo o equipo directivo deben involucrarse. Como calquera outro proxecto empresarial, as cooperativas necesitamos líderes, xente con capacidade de asumir riscos, de rodearse de bos profesionais da xestión e velando sempre polos principios cooperativos. Agora coa crise necesitamos emprendedores con ideas, con capacidade de deseñar plans de cambio e mellora e de facelos cumprir.
Dende AGACA gústanos traballar apoiando aos cooperativistas e dirixentes que saben cara onde queren ir, que teñen unha ruta empresarial e social definida e marcada, colaborar para que poidan desenvolver os seus proxectos e aptitudes en toda a súa amplitude e dimensión. Necesitamos dispoñer de dirixentes cooperativos con ilusión e con capacidade de ilusionar, capaces de crear e rodearse de bos equipos de profesionais, que teñan presente os principios cooperativos e con disposición para conducir con éxito as empresas nun sector tan complicado como o agroalimentario.
Desgraciadamente, non andamos sobrados de líderes incansables e apaixonados das empresas cooperativas. Neste intre, temos no recordo a dolorosa perda do cooperativista José Joaquín Pérez de Obanos, presidente da Confederación de Cooperativas de España que nos deixou no accidente aéreo de Barajas este mes de agosto. Vaia para José Joaquín o noso recoñecemento cooperativo, e para todos os nosos líderes cooperativos galegos, moitas veces altruístas e vocacionais, o noso ánimo para afrontar con éxito a lectura dos cambios que a economía e os mercados actuais nos presentan.