martes, 18 de enero de 2011

Organización de Produtores: así non

EDITORIAL

O 9 de decembro, o Colexio de Comisarios
aprobou o chamado “paquete lacteo” que
articula as principais conclusions do Grupo
de Alto Nivel (GAN) que leva mais dun
ano estudando a durisima crise lactea que
sofren os gandeiros da Union Europea (UE).
Estamos, por tanto, nun momento moi
importante para o futuro do sector lacteo
que tamen incidira nos sistemas publicos
de regulacion doutros sectores agrarios e
gandeiros xa que desenara politicas xerais a
seguir pola UE e os estados membros.
Un dos elementos claves das conclusions do
GAN e a posta en marcha das Organizacions
de Produtores (OPs) como xeito clave para
reequilibrar a cadea de valor mediante
o fomento da concentracion da oferta e
unha mellor organizacion economica da
producion e, en particular, das cooperativas.
Poren, a definicion tan particular de OPs que
deu a Comision no paquete lacteo, nin son
empresas, nin dan eficiencia, nin nada que
se lle pareza. O que propon e, nada mais
nin nada menos que a aceptacion de carteles
de “medio pelo” que aos unicos que
beneficiaria son aos que buscan montar un
chiringuito e botan a culpa do mal funcionamento
do mercado, e outros males, aos
demais. Coas propostas do GAN pensamos
que estabamos dando un importante paso
adiante e vemos que se estan a punto
de desestruturar e desandar, caminos xa
paseados.
AGACA defende unhas OPs de caracter
empresarial, como as cooperativas, que
integren economicamente aos produtores
e que conten cunha dimension relevante,
tanto en volume como en numero de
produtores asociados, que lles permita
rendibilizar os seus investimentos, acadar
economias de escala e reequilibrar a sua
capacidade de negociacion. So se son controladas
polos propios produtores lograran
mellorar a sua posicion na cadea alimentaria,
achegar valor engadido as materias
primas entregadas polos seus socios e
mellorar a eficiencia en todo o proceso
produtivo, transformador e comercializador.
As OPs que propon a Comision da UE
non requiren da integracion economica dos
gandeiros nun proxecto empresarial comun,
nin sequera certa dimension. Tratase basicamente
dunha excepcion ao Dereito da
Competencia a fin de permitir a un grupo
de produtores individuais negociar de forma
conxunta sen que haxa obriga de entregar
unha cantidade de leite nun prazo e a un
prezo determinado. Ademais, seria a primeira
vez que se permite a constitucion de
OPs sen que tenan caracter empresarial. En
todos os paises da UE onde as cooperativas
lacteas exercen unha posicion de liderado,
a pesar da depresion do mercado, os seus
gandeiros acadaron os mellores prezos para
o leite.
Este tipo de OPs que se propon desenvolver
a UE, lonxe de resolver a dificil situacion
dos gandeiros no mercado, facilitara a
entrada de intermediarios cuxo unico papel
sera a recoleccion de firmas para unha
contratacion colectiva, cunhas condicions
pactadas que terian mais que ver cos seus
propios intereses, ou cos da industria privada,
que cos da defensa da rendibilidade
dos produtores. Por este camino da organizacion
do mercado do leite non vai chegar
a eficiencia nin permitira avanzar na cadea
agroalimentaria e captar valor engadido
en beneficio dos produtores. Deste xeito,
os contratos obrigatorios no sector poden
converterse nunha trampa que reste estruturacion
e coherencia ao sector.
A UE reconece que o sector agrario esta
sumido nunha profunda crise que leva a que
a renda dos produtores, en termos reais, se
reducira a niveis de 1995. A eliminacion das
ferramentas de xestions dos mercados, a
liberalizacion dos intercambios e a integracion
da demanda a traves da gran distribucion
organizada foron elementos decisivos
nesta caida da rendas, ponendose de manifesto
que o pago unico desacoplado non foi
capaz de compensar as reducions inducidas
nos prezos en orixe. Limitar a PAC as axudas
directas non serve para manter a renda
de agricultores e gandeiros. Agardamos
do Ministerio e da Conselleria unha clara
vontade de comprometerse a estruturar e
organizar o sector lacteo de cara a modelos
de eficiencia, xa demostrada en paises mais
desenvolvidos da UE, pois o obxectivo prioritario
e inmediato so debe ser a mellora da
posicion dos gandeiros no mercado.

miércoles, 17 de noviembre de 2010

COOPERACIÓN GALEGA, imos polo número 100



EDITORIAL

Cooperación Galega, imos polo número 100

100 números. Centos de artigos, reportaxes, entrevistas… Como xa terán comprobado, este é un número un tanto especial, de celebración. E non podía ser doutro xeito, xa que para unha publicación como a nosa, entregada ao contorno rural e agrogandeiro e aos valores do cooperativismo, o 100 é un número simbólico, de consolidación, de garantía de que o noso esforzo resulta de interese para moitos lectores.

Xa pasaron 20 anos dende que aparecía impreso o número 0. Saía con ilusión, con esperanzas de asentarse no medio e coa incerteza do que deparaba o futuro, un futuro que agora xa é presente e que confirmou o acertado da iniciativa.

Cooperación Galega pretende achegar á sociedade o cooperativismo, unha forma distinta de facer empresa, de facer país, asentada en valores como a solidariedade, a transparencia, a axuda mutua, con perspectiva comercial e mercantil. Amparando ao primeiro elo da cadea produtiva, fomentando a formación, o investimento en investigación e innovación, procurando mostrar unha imaxe digna, dun agro sen complexos, capaz de competir nun mercado capitalista dende unha base responsable e de compromiso.

Número a número tratamos de promover a interrelación entre as cooperativas, a conveniencia de procurar unións, fusións e colaboracións estreitas que favorezan un equipo máis forte, con maior capacidade de negociación e de expansión. Sinxelamente cremos nas cooperativas.

E posto que de celebración estamos falando, sería inxusto non lembrar a cantos teñen estado ao noso lado ao longo de todos estes anos. Ante todo, aos nosos lectores, pola súa fidelidade dende o mesmo momento da nosa aparición, alá polo mes de maio de 1990; aos nosos colaboradores e investigadores, polas súas suxestións e axuda; a todos os que nos teñen informado e conducido polo apaixonante mundo do cooperativismo; aos anunciantes por confiar nunha revista como a nosa; aos numerosos técnicos que teñen pasado e aos que aínda seguen na Asociación; aos directivos que apostaron pola promoción do cooperativismo, aos xornalistas que traballaron e puxeron as bases para conseguir facer de Cooperación Galega unha publicación de referencia no sector e, en definitiva, a todos aqueles que estiveron e seguen vinculados dalgún xeito a AGACA.

Agardamos contar co voso apoio e seguir atopándovos a todos número a número, ano tras ano.

viernes, 6 de agosto de 2010

A comercialización das cooperativas a debate

Xa no final desta primeira década do século XXI e inmersos nunha dura crise económica, as cooperativas agroalimentarias afánanse no deseño de novas estratexias de comercialización. Vivimos sometidos a fortes tensións provocadas pola globalización mundial fronte á deslocalización, pola falta de definición da Política Agraria Comunitaria (PAC), condicionados pola conservación do medioambiente fronte ao desenvolvemento do medio rural, pola alta concentración da demanda e unha endémica atomización da oferta, coa necesidade de equilibrar o valor da produción agraria fronte ao proceso industrializador e ante a gran distribución agroalimentaria, que fixa as marxes comerciais quedándose coa súa maior parte.

Neste contorno convulso as empresas enfróntanse a enormes retos. O primeiro é a redución do consumo familiar, polo aumento do paro e a falta de confianza do consumidor. O segundo, son os prazos e os problemas de cobro aos que se enfronta a cooperativa, difíciles de abordar nun sector onde os ciclos de produción son moi longos (fase agrícola ou gandeira, industrial e comercial con stocks) e aos que se unen os problemas de cobro polas rebaixas dos límites de riscos que aplican as compañías aseguradoras. Finalmente, enfrontámonos a outro reto enorme: os prezos moi baixos, tanto agrícolas como gandeiros, algúns ao mesmo nivel que hai 30 anos.

Neste intre de dificultades somos máis conscientes de que os clientes das cooperativas están en procesos de concentración en empresas de tamaño monstruoso. Pero tamén o están os nosos principais provedores de adubos, sementes, carburantes... e sobre todo, presenciamos a enorme concentración dos nosos competidores internacionais. Basta con saber que unha soa cooperativa concentra a industrialización e comercialización da maior parte do leite de que se produce en Dinamarca e Suecia. Un proxecto de concentración semellante no noso contorno é impensable en termos políticos, sociais e empresariais. Porén, debemos traballar nese obxectivo.

Ante este contorno comercial caben varias estratexias: o control ou redución dos custes, a diversificación de actividades, as alianzas para acadar tamaño, o peche de ciclos produtivos (produción, industrialización, consumo), o investimento en I+D+I e a apertura de tendas. A verticalización da cadea prolongándose dende os produtos dos agricultores e gandeiros ata os consumidores é clave para deixar todo o valor engadido na cooperativa e nos socios, e ofrecer ao mercado produtos innovadores e diferenciados. Por outra banda, imponse a necesidade de integrar cooperativas en proxectos viables coa finalidade de concentrar oferta e reducir custes. En definitiva, gañar tamaño.

Pola nosa experiencia, consideramos que a integración e/ou fusión de cooperativas é o medio máis eficaz e barato. Si, hai que facer esforzos para superar os conflitos persoais, os medos e as diferenzas de cultura, pero a integración xera sinerxías de mercado e presenza nel, aforro en compras e economías de escala para implantar tecnoloxías, masa crítica para especializar persoal e realizar políticas de xestión de recursos humanos acordes cos tempos actuais, e poñer coñecementos en común. Dende AGACA seguimos apostando pola formación e fomento do espírito da cooperación, tanto dos directivos das empresas coma dos seus socios e agardando a que o contorno político e social acabe abrindo as mentes a esta realidade e nos apoie con decisión.

viernes, 21 de mayo de 2010

Tendencias agro-alimentarias

A situación económica provoca desconfianza e medo no consumidor, xerando necesidade de seguridade. Hoxe, afórrase máis e contrólase o gasto incrementando o consumo no fogar con moita maior sensibilidade aos prezos e con cambios nos hábitos de compra (máis pequena, establecementos de proximidade en supermercados e discount). Isto fai que as marcas líderes aguanten mellor a crise pero, avanzan as marcas brancas a forte ritmo asociadas a prezos baixos, mentres que as demais marcas son as que máis sofren (algunhas marcas de fabricante teñen os prezos máis baixos do mercado). En definitiva, o consumidor é moito máis racional, consume menos alegremente e intenta optimizar ao máximo os recursos dos que dispón.

Só un de cada dous consumidores considera que as marcas de fabricante son mellores que as marcas de distribución. Unha vez pasada a crise, agardamos que o consumidor estea disposto a pagar un diferencial polas marcas de fabricante, que son as que xeran emprego, innovación e riqueza. É previsible que, como xa ocorreu con anterioridade, a maioría dos consumidores volveremos a comportamentos de compra habitual pero, posiblemente, máis racionais que en anos anteriores. Algúns descubriron o consumo optimizando rendas e seguirán mercando produtos baratos. Por iso, para o sector primario, só a dimensión, a diferenciación ou a internacionalización poden dar competitividade ao noso sector.

A distribución reaccionou marcándose como obxectivo ser os máis baratos para atraer ao consumidor, o que xerou unha enorme tensión cos fabricantes e entre eles. Baixaron todos os prezos dos produtos e incrementaron as promocións, desenvolveron marcas brancas, ampliaron e transformaron os formatos comerciais de baixo custe, cambiaron envases e embalaxes,… ata desencadear guerras de prezos entre elas que acaban afectando directamente ao produtor primario. O gran problema do sector agro-alimentario é que por moito que se baixen os prezos non vai animarse máis o consumo nin reequilibrarse a demanda e a oferta. A distribución traslada a crise a outros elos da cadea. Para as cooperativas é interesante traballar coas cadeas que queiran promocionar e potenciar os nosos produtos e que permitan elixir e servir ao consumidor.

A industria agro-alimentaria repercutiu inmediatamente as reducións de prezos ao sector primario, xerando unha situación de enorme gravidade, especialmente no lácteo e no cárnico. Só as cooperativas sólidas poden obter vantaxes competitivas ante unha crise coma esta. Por iso é necesario avanzar nos procesos de diferenciación de produtos, en alianzas e no desenvolvemento de tecnoloxías propias apoiándose no I+D+I. As cooperativas fallamos claramente na comercialización, mentres mantemos moitos debates de tipo persoal, territorial,... Temos que ser capaces de crear empresas dimensionadas, capaces de responder a retos que van dende a forza na comercialización, á promoción e á innovación.

¿Que podemos facer? De xeito resumido, as cooperativas deberán mirar máis cara ao mercado, coñecer aos clientes e consumidores; temos que xestionar de forma competitiva ás empresas, con sensibilidade cara aos custes, innovación e recursos humanos; dotemos aos nosos produtos da máxima seguridade alimentaria, certificacións, trazabilidade e diferenciación. Busquemos dende a diferenciación e a dimensión unha maior colaboración e entendemento coa distribución abordando unha negociación das marxes comerciais máis racionais cos apoios das administracións; e, finalmente, para facer todo isto, debemos dispoñer de reitores implicados e formados que gobernen a cooperativa e motiven e impliquen aos socios, xunto con profesionais moi formados e motivados que xestionen eficientemente a cooperativa. E se unha cooperativa non pode ter bos profesionais por falta de tamaño, que se fusione ou chegue a acordos de colaboración con outras cooperativas ata dispoñer dunha boa xestión.

miércoles, 7 de abril de 2010

O paradoxo do ano 2010

Por un lado, parece que neste ano imos albiscar o final do túnel, con probable crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) no segundo semestre. Pero, por outra parte, este ano vai ser o ano máis difícil da crise: o paradoxo do ano 2010. A capacidade de resistencia das empresas comeza a esgotarse. A morosidade seguirá crecendo, marcando tendencias máis lentas. O paro vai seguir aumentando e enfrontámonos a menores volumes económicos en xeral. Esta crise está a requirir das empresas unha forte reconversión no tecido produtivo, ata acadar empresas eficientes e innovadoras para poder sobrevivir.

Como principal efecto da crise apréciase unha quebra xeral de valores: a corrupción, a fraude, o abuso, a desigualdade, a inxustiza e a desconfianza son de tal magnitude que teremos que reconstruír unha política do ben común que reduza as desigualdades, fomente a fraternidade e o sentimento de xustiza e sirva de ligazón entre os que teñen e os que non teñen. Mentres o lado “chanchulleiro” do sector financeiro (especulación en bolsa) volve ser enormemente lucrativo, a parte da banca que realmente importa (os préstamos que alimentan os investimentos e a creación de emprego) segue totalmente estancada. A reactivación económica será lenta porque a crise financeira non se resolveu tan satisfactoriamente como se supón.

Máis da metade dos activos agregados do sistema bancario español están vinculados directa ou indirectamente aos de natureza inmobiliaria, quedando as empresas e os sectores produtivos sen o correspondente soporte de financiamento. E o que é peor, nunca foi tan explícita a vinculación entre a saúde do sistema bancario e a do emprego. En medio de todo isto, a tesourería das empresas treme a causa da negativa a renovar as liñas de crédito por parte das entidades financeiras. Pero, non sempre denegan o crédito, senón que limitan o financiamento ó aplicar os seguintes ingredientes: encarecen os créditos, recortan o seu importe e aumentan as garantías. En definitiva, pola burbulla inmobiliaria, as familias e as empresas están altamente endebedadas co seu sistema bancario, e este, a súa vez, co exterior: xeramos un sobre-endebedamento insostible que agora temos que reducir.

Por outra banda, o consumidor é máis racional ca nunca: pasamos da economía do benestar á compra vencellada ó aforro e á limitación argumentada na razón. O consumidor pasou de pensar en abundancia a pensar en necesidades. Nesta situación, todos saben que é moito máis difícil recuperar a un cliente perdido que mantelo con rebaixas. O reto é lograr que o consumidor entre no supermercado e aproveite as promocións. Dende a perspectiva das empresas, a realidade implica prudencia e orde interna como vías para superar con éxito esta crise. Sen lugar a dúbidas, aquelas empresas que conten coa internacionalización, a innovación, a flexibilidade e as contas saneadas serán as mellor preparadas para afrontar estes anos de dificultades. Na medida do posible é recomendable non ter tódolos ovos na mesma cesta, buscar novos mercados ou innovar nos modelos de vendas e aluguer, así como atopar novas fontes alternativas de financiamento mediante novos socios ou sistemas de franquías.

Necesitamos que as cooperativas innoven, xa que a innovación ten que ser un puntal do cambio de modelo produtivo. Diante nosa temos a revolución verde, á que temos que facerlle fronte, que vai dende o cambio climático ata o desenvolvemento sostible, englobando áreas como as enerxías renovables, a xestión medioambiental, e a administración eficiente e responsable da biodiversidade. Temos que preparar aos directivos e socios para medrar ante a adversidade, vendo os problemas e conflitos como oportunidades de aprendizaxe e mellora. Hai que mellorar moito o traballo en equipo, o traballo cooperativo, deixando ó lado o individualismo, promovendo a cooperación e a sinerxía. Esta crise devolve o protagonismo á persoa, e precisamente as cooperativas somos sociedades de persoas.

viernes, 5 de febrero de 2010

Mercados agroalimentarios e cooperativas

Estamos sumidos nunha situación onde os fortes descensos dos prezos en orixe, combinados cun espectacular incremento dos custes da produción agraria provocan unha brutal falta de rendibilidade dos produtos agroalimentarios, que fan caer as rendas dos agricultores e gandeiros a niveis por debaixo da mera subsistencia. Nestas condicións resulta moi difícil a devolución dos préstamos, a incorporación de mozos que impida o despoboamento do rural e abordar os necesarios investimentos produtivos. A cadea de distribución agroalimentaria preme cara abaixo os prezos ó produtor, retrasa os pagos no tempo, forza as importacións, devolve inxustificadamente produtos,... favorecendo marxes abusivas ó longo da cadea agroalimentaria. En definitiva, a distribución agroalimentaria impón as súas condicións de oligopolio organizado e impide o normal desenvolvemento do mercado.

Estes abusos de posición dominante da gran distribución e dalgunha agroindustria de corte capitalista (especialmente no sector lácteo) provoca un clamoroso desequilibrio da competencia. A maioría dos agricultores e gandeiros encóntranse nunha situación de desequilibrio negociador fronte ós compradores e a gran distribución. Este desequilibrio do poder de negociación non tería importancia se a colleita estivese en mans de cooperativas fortes con peso negociador (como sucede no norte de Europa), o que significa que se terían en conta os intereses dos produtores. Pero aquí non temos grandes cooperativas e a colleita está en mans da industria capitalista ou pequenas cooperativas con escasa profesionalización e capacidade de negociación.

No mes de xullo acadouse en Madrid un acordo de prezos no leite entre produtores, cooperativas, industria e distribución cuxa finalidade era loitar contra a crise do sector. Este acordo tomaba como referencia os prezos pactados en Francia máis o transporte, como prezo indicativo para o leite producido en España. Só con contratos a medio/longo prazo, definindo volumes, primas, prezo e condicións de calidade, deberiamos dar a relevancia necesaria ós produtores, cooperativas, pequenos comercializadores e industria transformadora para que poidan ter maior previsibilidade dos seus ingresos, dos seus subministros e dos seus custos, fronte á gran distribución. Se un acordo de prezos de cotización de todos os actores a nivel nacional é contraria ó dereito da competencia, o extremo oposto, é dicir, a negociación de cada transformador con cada produtor limita brutalmente os beneficios agardados da contratación en termos de restauración do poder de negociación dos mesmos.

O lóxico é que as negociacións coa industria e coa distribución sexan levadas a cabo por medio dunha oferta conxunta das organizacións produtoras baixo un modelo cooperativo que inclúa a transferencia do produto e a orde de ser comercializado. Pero, o pequeno tamaño das cooperativas impide esta negociación entre iguais. Por tanto, urxe introducir cambios normativos no dereito da competencia que posibiliten contratos sectoriais para estabilizar os prezos de produción e limitar a volatilidade, apuntalando o poder no mercado dos produtores con contratos que fixen volume, prezo, primas e calidades.

Con ou sen cambios na normativa, é de interese dos produtores agruparse en cooperativas o suficientemente fortes -incluso ata a fase de procesamento-, comprendendo a transformación no desenvolvemento de produtos de calidade ou marcas de distribución que estean menos suxeitos á competencia internacional. O apoio e potenciación das cooperativas debe ser unha medida de política de desenvolvemento rural imprescindible para reforzar a posición negociadora dos agricultores e gandeiros. A Comisión Europea así o sinala en comunicacións dirixidas aos estados membros, pero seguimos agardando apoios económicos e políticos firmes e decididos nesta dirección.

martes, 3 de noviembre de 2009

E agora qué facemos

Plenamente mergullados nunha profunda crise económica e do sector agroalimentario, xorden repetidas preguntas dos dirixentes das cooperativas sobre cómo saír deste pozo económico no que temos ó sector. Pois ben, en AGACA e dende a perspectiva cooperativa, cremos que as cooperativas agroalimentarias constitúen unha ferramenta fundamental no sector e unha engrenaxe básica para o desenvolvemento da actividade económica nas comarcas rurais galegas. Porén, as cooperativas agroalimentarias, ó igual que outras empresas do sector, atravesan un período moi complexo, non só pola conxuntura económica actual, senón pola existencia dun mercado cada día máis globalizado, concentrado e menos regulamentado e, por tanto, moito máis liberalizado.

A volatilidade dos prezos, ante a total ausencia dos mecanismos de intervención pública, convértese en algo habitual, polo que debemos prepararnos para iso. Como exemplo, en 2007 o leite chegaba a liquidarse a máis de 0,46 €/litro ó gandeiro e dous anos despois, moitos gandeiros recibían liquidacións inferiores ós 0,23 €/litro. A dimensión é un dos retos máis importantes da industria agroalimentaria e das cooperativas, non só condicionado pola concentración dos nosos provedores e clientes, senón pola necesidade de realizar investimentos que precisan economías de escala para poder ser viables.

As alianzas estratéxicas entre empresas cobran especial importancia para aproveitar as oportunidades dun mercado cada día máis globalizado, sempre que estas empresas compartan obxectivos e modelos de negocio compatibles. Por outra banda, debemos ver a globalización como un proceso irreversible, o que nos obrigará a tomar posicións máis ofensivas e non limitarnos a defender un mercado que, hoxe por hoxe, xa se encontra practicamente aberto.

Sen lugar a dúbidas, debemos aproveitar as marxes de manobra que contempla a actual Política Agrícola Comunitaria (PAC) para deseñar unha política estatal que complemente á autonómica e que permita o desenvolvemento de grandes proxectos e iniciativas de gran dimensión e impacto. Temos que abrirnos máis aló dos límites autonómicos porque necesitamos que a capacidade exportadora das cooperativas (que hoxe desenvolven varias cooperativas de viño, Coren, Cogal,…) aínda sendo importante, estea concentrada en poucos sectores e poucos países. Temos necesidade de ampliar os nosos destinos e non limitarnos á especialización para conseguir unha verdadeira implantación.

Temos que orientar a estratexia cara á excelencia, tanto nos procesos coma nos produtos, cuestión que deberá ser convenientemente valorada polos consumidores e acompañada por unha mellora dos controis cualitativos das importacións de terceiros países. Finalmente, está claro que en varios sectores, especialmente no lácteo, as cooperativas deberán facer un esforzo para mellorar a súa posición no mercado. Neste senso, o bo aproveitamento das oportunidades de integración e articulación empresarial a través de iniciativas para a transformación industrial do leite das cooperativas debería orientar as decisión tanto das cooperativas como das administracións.