lunes, 6 de agosto de 2012

Unirse ou desaparecer


O sector lácteo está sometido a unha crise de prezos e de mercados dende hai catro anos, que provoca que a renda real dos gandeiros sexa semellante  á de mediados dos anos 90. A perda de renda ten a súa orixe no desequilibrio  da cadea de valor e na alta volatilidade  dos prezos das materias primas, sen que existan mecanismos de regulamentación públicos que corrixan as tensións do mercado.

A cadea de valor está caracterizada pola atomización do sector produtor e a con- centración da gran distribución.  (Exemplo: 12.000 gandeiros galegos producindo,
50 cooperativas gandeiras galegas que agrupan o 40% do leite, 10 industrias importantes que operan en Galicia e 5 grandes da distribución  que concentran o
62% do comercio minorista ¡de España!). Ante este desequilibrio, desestrutura- ción e desorganización do sector, os gandeiros e cooperativas non son capaces de defender o prezo e unhas condicións de contratación  rendibles. En épocas de crise, como a actual, a distribución concentra toda a súa estratexia comercial na oferta de prezos baixos, trasladando a presión á industria e ó elo máis prexudi- cado, o produtor.

A desregulación dos mercados desenvolvida ao longo das sucesivas reformas da PAC fixo que as axudas directas  desvinculadas por si soas sexan insuficientes. A falta de rendibilidade provoca a falta de relevo xeracional e pon en perigo un sector estratéxico para Galicia. Ante esta situación, os 12.000 gandeiros deben ser capaces de estruturarse e organizarse, concentrando a oferta e mellorando a comercialización para reequilibrar así a cadea de valor, que resultará clave para defender as rendas actualmente e, sobre todo, no futuro.

Por iso, dende AGACA solicitamos  e apoiamos a posta en marcha dun plan de integración cooperativa e a concentración da oferta que axude a mellorar a posición negociadora dos produtores e a reequilibrar  a cadea de valor sectorial. As Organizacións de Produtores contempladas na lexislación poden ser unha ferramenta de integración comercial da produción sempre que estean formadas por produtores e controladas por eles, teñan apoios suficientes e se promovan coma figuras empresariais profesionais e eficientes, con dimensión relevante no mercado, en condicións de defender prezos e contratos dos socios.

As administracións deben usar todas as ferramentas posibles, comunitarias, estatais e autonómicas para impulsar un plan de integración e concentración a través de medidas incentivadoras para os gandeiros, eliminando aquelas que van en sentido contrario. No sector agroalimentario, en xeral, e no sector leiteiro, en particular, urxen programas deste tipo para afrontar unha restruturación que lle permita facer fronte aos mercados actuais e para cumprir coas demandas que a sociedade nos esixe en termos de seguridade alimentaria,  calidade, medioambiente e mantemento da actividade económica nas comarcas rurais. 

jueves, 3 de mayo de 2012

Onde está a saída?


No mes de decembro do ano 2008, nesta mesma páxina, adiantábamos os principais efectos que se ían producir, no complexo agroindustrial,  ante a inminente entrada dun período de recesión económica. Naquelas datas era previsible vaticinar a crise da eco- nomía xeral dados os enormes desaxustes que apreciabamos −especialmente no ámbito inmobiliario−,  aínda que a sociedade negábase a aceptala despois dun longo período de crecemento.

O modelo financeiro impulsado coa liberalización dos movementos de capitais facilitou  o libre intercambio mundial de grandes sumas de diñeiro na busca de rendementos rápidos e doados, moitas veces orientados de cara a actividades especulativas, provocando que a economía financeira deixara de lado á economía real e á produtiva. Pasados varios anos, moitos pregúntanse, ¿onde está a saída desta situación de crise?

Non cabe dúbida de que ante o crack do sistema financeiro, a economía real e, espe- cialmente, a produtiva, ían soportar todo o custo da desfeita producida durante os anos anteriores. Despois de varios anos nesta encrucillada, posiblemente poidamos dicir que a crise é máis que económica, vai máis aló de tales ou cales decisións no ámbito econó- mico e da propia codicia dos banqueiros e dos brokers das bolsas. Pero iso non vamos tratalo agora.

A decisión dos países da Unión Europea de adoptar unha moeda común parece agora unha imprudencia  de difícil  solución, especialmente  para España, onde o camiño de recuperar competitividade para os sectores produtivos está resultando altamente trau- mático, tanto a nivel empresarial como laboral e social. Coa nosa moeda (a peseta), a depreciación da mesma permitíanos competir de inmediato, con menor custo empresarial e social. Agora, iso non é posible; hai que axustarse e competir sen axuda da deprecia- ción da moeda. Isto provoca moita máis crispación e resulta moito máis difícil de facer; e, ademais, nunca o fixemos antes.

Chegada esta situación, non cabe dúbida de que as administracións  deben afrontar  os problemas de déficit e endebedamento e vense obrigadas a poñer en práctica medidas de considerable austeridade fiscal durante varios anos. No camiño quedan numerosos pro- gramas, axudas e incentivos á economía real. A crise está facendo pasalo mal ao conxun- to da sociedade pero cremos que xa é hora de experimentar con ideas novas e intentar encontrar entre todos unha saída. O malestar  social débese canalizar co obxectivo de cambiar o actual sistema económico de cara a outro máis competitivo e sempre, centrado nos sectores produtivos.  En qué sectores e actividades  podemos ser máis competitivos?. Que debemos facer para logralo?. Pois iso, no noso agro e na nosa agroindustria  debería- mos poñernos a traballar canto antes para dar resposta ás preguntas e achegar, a pesar da crise fiscal, apoios públicos para lograr os obxectivos que actúen de palanca sobre a economía do conxunto dun sector.

Se estamos ante recursos públicos escasos, o apoio ao asociacionismo económico- empresarial debe ser prioritario: esixindo efectividade, profesionalidade e capacidade de xestión.   Neste senso, consideramos que un obxectivo inmediato debe ser desenvolver unha integración das entidades asociativas para dotalas dunha maior eficacia e competi- tividade fronte ao poder das industrias, dos intermediarios e, sobre todo, da distribución. No agro galego e, en moitas das súas cooperativas, o eido pendente segue sendo a comercialización. Moitas das vendas das cooperativas continúan a ser a granel, sendo a porcentaxe dos produtos comercializados con marca propia, moito máis baixo. O reto é a concentración da oferta agrogandeira e a integración  das cooperativas. Os orzamentos para logralo  son reducidos. O efecto agardado para o sector é unha clara mellora  das rendas dos agricultores  e gandeiros en todos os ámbitos  produtivos  que actuarán  de palanca do agro en xeral. Debemos poñernos en marcha. 

domingo, 4 de marzo de 2012

A ONU declarou o 2012 como o Ano Internacional das Cooperativas


Este feito supón un recoñecemento ao papel das cooperativas que promoven a máxima participación  posible de todas as persoas no desenvolvemento económico e social. A Declaración  alenta  a todos os Estados Membros,  así como ás Nacións Unidas, a que aproveiten este ano para promover as cooperativas e aumentar a conciencia sobre a súa achega ao desenvolvemento económico e social, xa que se trata de empresas comerciais e sociais que poden contribuír ao desenvolvemento sostible,  á erradicación da pobreza e á creación de medios de vida en diversos sectores económicos das zonas urbanas e rurais.

A Resolución da ONU insiste aos gobernos en que tomen medidas apropiadas para crear un contorno propicio e favorable ao desenvolvemento das cooperativas, entre outras cousas, establecendo unha asociación efectiva entre os gobernos e o movemento coope- rativista mediante consellos consultivos ou órganos asesores conxuntos, e promovendo e aplicando mellor lexislación, investigación, intercambio de boas prácticas, capacitación, asistencia técnica e fomento da capacidade das cooperativas, especialmente nos ámbi- tos de xestión, auditoría e técnicas de comercialización.

Paralelamente, o Ano Internacional  das Cooperativas quere aumentar a conciencia da sociedade, en xeral, sobre a contribución  das cooperativas á xeración de emprego e ao desenvolvemento socioeconómico. Dado que as cooperativas son empresas con cualida- des e formas de traballar  únicas, que ofrecen un enfoque de crecemento económico a longo prazo. Nas cooperativas traballamos xuntos, compartimos coñecementos e ofrece- mos oportunidades que non poderían achegar as sociedades por accións. As cooperativas son un motor da economía que responde aos cambios sociais; son resistentes á crise económica global e son empresas de éxito que crean empregos sostibles en todos os sectores, e non nos deslocalizamos.

Nas cooperativas, os nosos socios toman as decisións de forma democrática, son os donos do negocio cooperativo, controlan as ganancias e deciden en qué reinvestir.  Por iso, a nosa prioridade é que nos centramos nas necesidades, benestar e solidariedade dos nosos socios. E máis dun século e medio de historia demostrou a capacidade das coo- perativas para superar os problemas económicos e sociais, adaptarse e ofrecer resposta, así como solucións ás novas necesidades.

Os organismos da ONU promoverán o desenvolvemento  das cooperativas  agrícolas a través de diversas actuacións, como o desenvolvemento de iniciativas  para entender mellor  ás cooperativas e avaliar o seu impacto no desenvolvemento socioeconómico, e para aumentar a concienciación sobre o seu papel e efectos na vida dos pequenos campesiños. A ONU apoia ás cooperativas para formar redes que permitan aos pequenos produtores reunir os seus activos e competencias para superar as barreiras dos mercados e outras limitacións, como a falta de acceso aos recursos naturais.

Os organismos  da ONU pretenden  axudar aos responsables  das políticas  a deseñar e apli- car políticas e proxectos que teñan en conta as necesidades e preocupacións dos peque- nos campesiños -homes e mulleres- e creen un ambiente axeitado para o crecemento das cooperativas agrícolas, e fortalecer  o diálogo e a cooperación entre os gobernos, cooperativas agrícolas, a comunidade internacional de investigadores e os representan- tes da sociedade civil para analizar as mellores condicións para o desenvolvemento das cooperativas en todo o mundo.