martes, 1 de abril de 2008

AGACA cumpre XX anos

Xa o apunta o dito: volver a vista atrás só para coller impulso. Todos os esforzos que está a desenvolver AGACA, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, van orientados de cara ao futuro, ao desenvolvemento dun cooperativismo agrario innovador, actualizado, fresco, con iniciativa…un cooperativismo que se sitúe como eixo de referencia. Por iso non adoita a mirar para atrás, ao pasado, senón de cara a adiante. Somos partidarios de mirar ao futuro, aínda que nesta ocasión procede mirar para atrás e avaliar o conseguido. Este ano 2008 AGACA cumpre 20 anos. É unha entidade aínda nova, aínda con moitas esperanzas e propostas de futuro pero xa cun bagaxe propio, cunha mochila cargada de experiencias.
O 12 de febreiro de 1988 un grupo de directivos de cooperativas, a maioría agricultores e gandeiros, celebran a Asemblea Constituínte de AGACA. Atrás quedan xa numerosas reunións entre promotores e impulsores da idea coa finalidade de definir obxectivos, sumar vontades, coñecerse e coñecer as potencialidades das cooperativas, evitar suspicacias, unir esforzos e limar diferenzas. Once cooperativas de viño, horta, flor, leite, abastecementos e servizos son as que, previo acordo dos seus Consellos Reitores, deciden emprender o camiño. Páctase o obxecto social de AGACA: representar e defender os intereses comúns do movemento cooperativo agrario de Galicia de todos os sectores e actividades, así como o fomento e promoción do cooperativismo agrario, para o que prestaría todo tipo de servizos técnicos e especializados que as cooperativas poidan necesitar.
Pasaron 20 anos e nada hai que cambiar do obxecto social da Unión. Unha boa mostra do pleno acerto que os cooperativistas constituíntes tiveron é a plena actualidade desa visión sobre a organización que creaban.
AGACA nace coa vontade de representar, defender e dar o soporte necesario ás entidades socias, nun intre en que os efectos da incorporación do noso campo á Unión Europea comezaban a pasar factura a un agro cada vez máis empobrecido e avellentado. A pesar dos múltiples avatares empresariais, políticos e sociais, o cooperativismo consolida o seu valor fundamental como redistribuidor do valor engadido e dos recursos xerados na actividade agraria, así como unha eficaz ferramenta de carácter social. Pasado o reto da incorporación á Unión Europea, atopámonos en plena inmersión no mercado global que volve a obrigarnos a un maior esforzo cooperativo. Neste contexto, as cooperativas están obrigadas a captar o valor engadido xerado nos procesos de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios vinculando a produción directamente ao consumo, ante un consumidor esixente en prezos, calidades e seguridade alimentaria.
Cómpre seguir mirando ao futuro, adiantarnos á demanda e acadar novos retos, Farémolo xuntos e festexarémolo xuntos. Para nós, este é ano de conmemorar. Estamos de aniversario e como todo aniversario, merece unha celebración e habémola de facer.
Estades convidados.