lunes, 3 de junio de 2013

Camiña ou reventa

Así de duro parece que é o futuro que nos marcan as empresas agroalimentarias. Neste intre estamos ante unha demanda interna de consumo de alimentos estancada, ou en claro retroceso nos alimentos que precisan dun maior nivel adquisitivo, polo que parece que a única alternativa que nos queda é intentar vender os nosos produtos nos mercados exteriores. Por tanto, para as cooperativas con produtos alimentarios no mercado, a exportación non é unha virtude, converteuse nunha obriga para sobrevivir. Resulta que o medio rural non só é un refuxio para momentos de crise, senón unha das principais ou a principal, baza exportadora da nosa deteriorada economía, xa que está a xerar superávits comerciais ano tras ano.

Coma sucedeu con outras melloras competitivas, achegámonos á exportación de alimentos obrigados polas circunstancias, con escasa formación, planificación, programación e recursos. Ademais, séguenos custando moito cooperar entre as propias empresas cooperativas de xeito que as sinerxías posibiliten unha redución de custes e unha potenciación e aproveitamento das oportunidades. Pero, por outra banda, as cooperativas comproban como non resulta imposible acadar maiores cotas de desenvolvemento comercial consolidando e ampliando logros en novos mercados. Cremos que é posible incrementar os produtos a exportar e os países de destino das nosas exportacións, pois dispoñemos de alimentos de calidade contrastada: produtos de horta de primor, queixos de interese para o consumidor entendido, leites especiais, meles con derivados de prestixio, viños de gran calidade e variedade, carnes de todo tipo (coello, polo, vacún e porcino).

Dende AGACA levamos anos apoiando e animando a cooperar na exportación ás cooperativas socias. Tratamos de impulsar un pequeno cambio de mentalidade nas mesmas, xa que para competir nestes novos mercados con certas garantías resulta imprescindible acadar dimensión, que podemos lograr agrupando ás cooperativas e ofrecendo calidade e trazabilidade. Hoxe os mercados exteriores poden ofrecernos unha boa diversificación do risco de operar nun único mercado, mellorar a imaxe empresarial, compensar a crise do mercado interno e continuar crecendo, a pesar da situación de crise económica na que vivimos.

Neste intre en que a xestación nas Cortes da Lei de Mellora do Funcionamento da Cadea Alimentaria parece deixar de lado a dotación de ferramentas áxiles e útiles para defender os custes de produción dos agricultores e gandeiros fronte ós grandes e poderosos oligopolios da Gran Distribución, fortemente protexidos pola Comisión Nacional da Competencia baixo unha mal entendida liberdade de mercado, poucos camiños quedan que non sexa a exportación. Ó leite, engádese a carne de polo coma produto reclamo dos supermercados, afundindo as granxas de polos nunha profunda crise que empuxa ó abandono a moitos granxeiros empobrecidos por estas prácticas. Os criadores de polos están a vender a carne ó oligopolio con perdas alarmantes, menos para os señores da Comisión Nacional da Competencia. Probablemente algún día a sociedade e os consumidores botarán de menos a estes gandeiros de polo e de leite.


Desprotexidos nos nosos mercados tradicionais ante a espiral suicida de loita de prezos da Gran Distribución que diante dos constantes reclamos comerciais ó consumidor final destrúe o valor engadido do sector agroalimentario, básico para calquera economía moderna, queda esforzarnos en vender fóra das nosas fronteiras e dar valor á produción agraria e gandeira, agrupándonos e complementándonos para ser eficientes e competitivos.