viernes, 4 de septiembre de 2009

Tractoradas e acordo

As cooperativas e os gandeiros do sector lácteo levamos moito tempo solicitando apoio das administracións, expoñendo a situación do sector e reivindicando solucións. Ninguén acudiu en axuda coa axilidade necesaria, porque non se sabe, ou non se quere, solucionar o problema, ou non hai vontade de rematar coa debilidade dos gandeiros. As administracións deberon escoitar as reivindicacións ó principio do problema e adoptar medidas limitando e condicionando un mercado abastecido de produtos doutros países a prezos por debaixo dos custes de produción.
Cando hai un problema, sempre hai solucións. Hóuboas para os fabricantes de coches, para os bancos, os fabricantes de motos...¿Por que non imos ter solucións no sector gandeiro?. ¿Por que é máis difícil axudar ós gandeiros que ós banqueiros, ou ós do automóbil? Para as cooperativas, as tractoradas non son un acto lúdico. Para a sociedade non deben ser menos importantes que si fosen coches de luxo. As tractoradas representaron a todos os gandeiros galegos solicitando a solución dun problema moi grave, xa que son un piar básico da nosa economía.
Coas tractoradas chegou o Acordo de Madrid. Con independencia de que nos gustaría que o prezo pactado fose maior (prezo mínimo), ou calquera outra característica, cremos que o importante é que, con este acordo, podemos empezar a dispoñer dun marco de relación profesional no sector que nos permita desenvolver pactos que faciliten a sostibilidade do mesmo: dos gandeiros, das cooperativas, da industria e do consumidor. Levamos moitos anos sen ningún prezo de referencia do sector, ¿por que vai ser malo ter un prezo obxectivo superior ó que hoxe cobran os gandeiros?
Pese a que asinamos o acordo, o habitual no sector lácteo é ser escépticos sobre o seu cumprimento sobre a xeneralidade do sector (industria, administracións e distribución). Levamos décadas intentando comprometernos co sector industrial en acordos que nos doten de profesionalidade e transparencia. Por iso, non existen en España experiencias positivas de cumprimento dos acordos de prezos no sector lácteo, como por exemplo en Francia. ¿Cambiou o sector tanto como para que agora se cumpran?. Ás cooperativas gustaríanos pensar que si, que as cousas cambiaron, e imos facer todo o posible para que así sexa.
Claro está, que nun sector tan acostumbrado ás actuacións unilaterais da industria resulta necesario dispoñer de algúen que garanta o cumprimento do acordo, parpel que corresponde ó Ministerio e ás consellerías do ramos con competencia na materia. Sen lugar a dúbidas, consideramos extraordinariamente positivo que participaran as asociacións da distribución na sinatura do acordo, xa que tamén se comprometen na aplicación do mesmo. Por tanto, estes son os novos elementos para cambiar a traxectoria dos acordos anteriores: compromisos das administracións e da distribución. Todo fará falta para controlar un sector que viviu permanentemente na especulación e atropelo dos produtores. Veremos se son suficientes.
Por suposto, queda moito traballo e moita negociación por diante: este acordo non coloca ás explotacións lácteas na rendibilidade, estimada nun prezo de 0,34 €/litro. Porén colócanos na senda da supervivencia, sobre otodo a aquelas explotacións que cobraban menos de 0,24 €/litro, e que están a descapitalizarse de xeito moi rápido durante estes meses de prezos ruinosos. Estamos ante un acordo distinto ós anteriores, cuxa alternativa era quedar como estabamos, sen ningún pacto e sen ningunha previsión.
Dende as cooperativas leiteiras consideramos que a práctica desaparición dos mecanismos públicos para a xestión dos mercados está provocando que aqueles países da UE máis vertebrados e mellor organizados se autoregulen e utilicen o mercado español como destino de boa parte dos seus excedentes cando, polas razóns que sexan, non os poden colocar no internacional. Só os países e comunidades máis organizadas van poder regular o mercado ante a ausencia de ferramentas públicas de regulación dos mesmos. Neste senso, consideramos que, en Galicia, a veces seguimos mirando ó pasado, xa que a intervención pública pública deixou paso á intervención privada. Debemos organizarnos e non deixar que o mercado sexa ordeado por outros de fóra, e para iso necesitamos que as cooperativas sexan moito máis apoiadas, tal e como sucedeu no norte de Europa.