jueves, 3 de mayo de 2012

Onde está a saída?


No mes de decembro do ano 2008, nesta mesma páxina, adiantábamos os principais efectos que se ían producir, no complexo agroindustrial,  ante a inminente entrada dun período de recesión económica. Naquelas datas era previsible vaticinar a crise da eco- nomía xeral dados os enormes desaxustes que apreciabamos −especialmente no ámbito inmobiliario−,  aínda que a sociedade negábase a aceptala despois dun longo período de crecemento.

O modelo financeiro impulsado coa liberalización dos movementos de capitais facilitou  o libre intercambio mundial de grandes sumas de diñeiro na busca de rendementos rápidos e doados, moitas veces orientados de cara a actividades especulativas, provocando que a economía financeira deixara de lado á economía real e á produtiva. Pasados varios anos, moitos pregúntanse, ¿onde está a saída desta situación de crise?

Non cabe dúbida de que ante o crack do sistema financeiro, a economía real e, espe- cialmente, a produtiva, ían soportar todo o custo da desfeita producida durante os anos anteriores. Despois de varios anos nesta encrucillada, posiblemente poidamos dicir que a crise é máis que económica, vai máis aló de tales ou cales decisións no ámbito econó- mico e da propia codicia dos banqueiros e dos brokers das bolsas. Pero iso non vamos tratalo agora.

A decisión dos países da Unión Europea de adoptar unha moeda común parece agora unha imprudencia  de difícil  solución, especialmente  para España, onde o camiño de recuperar competitividade para os sectores produtivos está resultando altamente trau- mático, tanto a nivel empresarial como laboral e social. Coa nosa moeda (a peseta), a depreciación da mesma permitíanos competir de inmediato, con menor custo empresarial e social. Agora, iso non é posible; hai que axustarse e competir sen axuda da deprecia- ción da moeda. Isto provoca moita máis crispación e resulta moito máis difícil de facer; e, ademais, nunca o fixemos antes.

Chegada esta situación, non cabe dúbida de que as administracións  deben afrontar  os problemas de déficit e endebedamento e vense obrigadas a poñer en práctica medidas de considerable austeridade fiscal durante varios anos. No camiño quedan numerosos pro- gramas, axudas e incentivos á economía real. A crise está facendo pasalo mal ao conxun- to da sociedade pero cremos que xa é hora de experimentar con ideas novas e intentar encontrar entre todos unha saída. O malestar  social débese canalizar co obxectivo de cambiar o actual sistema económico de cara a outro máis competitivo e sempre, centrado nos sectores produtivos.  En qué sectores e actividades  podemos ser máis competitivos?. Que debemos facer para logralo?. Pois iso, no noso agro e na nosa agroindustria  debería- mos poñernos a traballar canto antes para dar resposta ás preguntas e achegar, a pesar da crise fiscal, apoios públicos para lograr os obxectivos que actúen de palanca sobre a economía do conxunto dun sector.

Se estamos ante recursos públicos escasos, o apoio ao asociacionismo económico- empresarial debe ser prioritario: esixindo efectividade, profesionalidade e capacidade de xestión.   Neste senso, consideramos que un obxectivo inmediato debe ser desenvolver unha integración das entidades asociativas para dotalas dunha maior eficacia e competi- tividade fronte ao poder das industrias, dos intermediarios e, sobre todo, da distribución. No agro galego e, en moitas das súas cooperativas, o eido pendente segue sendo a comercialización. Moitas das vendas das cooperativas continúan a ser a granel, sendo a porcentaxe dos produtos comercializados con marca propia, moito máis baixo. O reto é a concentración da oferta agrogandeira e a integración  das cooperativas. Os orzamentos para logralo  son reducidos. O efecto agardado para o sector é unha clara mellora  das rendas dos agricultores  e gandeiros en todos os ámbitos  produtivos  que actuarán  de palanca do agro en xeral. Debemos poñernos en marcha.