viernes, 8 de agosto de 2008

A Agrupación Láctea Cooperativa

Dende fai tempo, rolda polas cabezas dos dirixentes cooperativos a idea de poñer en marcha unha actuación empresarial conxunta das cooperativas leiteiras galegas encamiñada a acadar unha mellor posición no mercado do leite producido polos gandeiros socios. Ninguén quere apresurarse e avalíase en cada alternativa empresarial a viabilidade dunha actuación conxunta. Todos acordan pactar que calquera decisión sexa baseada en planificacións empresariais e sociais realistas e viables.

Despois de debates e reunións púxose en marcha a creación da Agrupación Láctea Cooperativa que referendaron as asembleas xerais de socios do pasado mes de xuño. Sería desexable que os autonomeados defensores do cooperativismo respectaran a iniciativa e a deixaran á marxe de intereses oportunistas de todo tipo. Non existen os facedores de cooperativas esóxenos, xa que ninguén mellor que os propios interesados poden comprometerse na solución empresarial e social dos problemas que lles afectan. Todos debemos estar alerta para vixiar e procurar que así sexa.

Nos últimos tempos os cambios producidos na comercialización dos derivados lácteos fan crer que a actual estrutura transformadora industrial vai tender a mudar. Non podemos someter aos produtores e consumidores de derivados lácteos a unha constante “montaña rusa” de prezos e variacións, case que mensual, sen que a demanda e oferta se resinta. Vivir no conflito permanente, no medio de mensaxes contraditorias, con altas doses de manipulación interesada non conduce a unha necesaria estabilidade para o desenvolvemento económico do sector. Mentres, nalgúns mercados, os consumidores xa mercan habitualmente leite líquido francés, á parte de todo tipo de derivados lácteos do mesmo país. O sector leiteiro de España estase a quedar sen valor engadido no proceso transformador e dando “paus de cego” no mercado lácteo, só preocupado por manter as marxes de rendibilidade aínda que sexa a costa doutros elos da cadea.

¿Alguén cre que o sector leiteiro deixará pronto de estar tan desorganizado? Para albiscar un sector leiteiro con futuro necesitamos acordos e pactos sectoriais que na práctica o racionalicen, cousa improbable a medio prazo. As cooperativas demandan rigor nas relacións no sector, maior transparencia e maior confianza e compromiso entre os operadores. Pero non chega con que as cooperativas queiran implantar estes valores cando, coa lei da selva e sen transparencia, hai unha parte do sector que parece estar acomodada. Esta actitude é a que anima ás cooperativas a acadar unha maior capacidade para decidir e ter algo que pintar no sector leiteiro.

A Agrupación Láctea Cooperativa está encamiñada a buscar pactos e acordos baixo un comercio libre e xusto coa industria, polo que pode xerar maior estabilidade e seguridade ao sector. Isto permitiría aos gandeiros unha planificación e orientación na xestión técnico-económica das explotacións na busca de mellorar as reducidas marxes de rendibilidade dos mesmos.

Non é fácil chegar a un comercio transparente que estabilice ao sector. Na medida en que a industria rexeite transparencia e acordos, a Agrupación Láctea Cooperativa verase obrigada a incrementar a súa capacidade empresarial e de negociación, ata que se logre un certo equilibrio no mercado. ¿Vai supoñer asumir novos sacrificios?. Os reitores, os directivos e socios non deben ver na Agrupación Láctea Cooperativa un sacrificio, senón un apoio empresarial do que agora non dispoñen. Saben que o máis importante é xerar confianza entre todas as cooperativas implicadas, que é necesario comprometerse pouco a pouco, dando pasos firmes, seguros, sen erros, creando mecanismos que estreiten as relacións entre todos. Só nun momento de déficit de leite, ou de medo a perder o abastecemento, a industria achegouse ás cooperativas.

As cooperativas non poden, nin deben estar no mercado para recibir educadamente os comunicados de prezos mensuais da industria. Hai que recuperar capacidade de negociación para as cooperativas no mercado do leite. Só sen inxerencias externas, con criterio empresarial e profesionalidade, autonomía, valentía e determinación, os gandeiros e as cooperativas leiteiras lograremos unha relación comercial moderna e transparente que recoñeza o papel de todos os compoñentes deste sector.