lunes, 30 de diciembre de 2013

Non esquezamos ao vacún de carne


As organizacións, as institucións e as persoas tendemos a centrarnos naquelo que reclama a nosa atención no cotián empurrando á nosa memoria, a esquecer aqueloutras que non están no quefacer diario. Ven isto a conto da importancia que historicamente tivo para Galicia, o vacún de carne.

Hai máis de medio século, Galicia xa tiña longa experiencia cooperativa na comercialización dos xatos vivos das explotacións dos seus socios mediante o tren (dispoñendo incluso de fincas propias en Castela para alimentar o gando na súa viaxe de varios días de cara ao Centro e ao Levante), ou mediante vía marítima (chegando a realizarse exportacións de animais vivos a Gran Bretaña, entre outros lugares).

Un fito histórico para o vacún de carne foi a posta en marcha da IXP Ternera Gallega, a finais dos anos oitenta, unha marca de calidade que viña a restaurar e recuperar, para o agro, a imaxe dun sector renovado e punteiro que ofrece e garante calidade ao consumidor final. Chegamos á IXP despois de que moitos gandeiros de vacún de carne abandonaran —nos anos sesenta e setenta—, este subsector por unha produción láctea máis rendible e competitiva. Na súa gran maioría, as explotacións lácteas naceron como consecuencia da transformación de explotacións de vacún de carne en explotacións de leite; incluso durante moitos anos, compartindo ambas dedicacións.

Os estudos oficiais sobre as tendencias da demanda dos alimentos aseguran que en Europa e no resto do mundo hai unha demanda crecente de carne de vacún a cubrir. De confirmarse esta previsión, parece axeitado que os gandeiros galegos, as súas organizacións, industrias, cooperativas e institucións públicas impulsemos máis esta produción. Nesta tarefa, os gandeiros de leite teñen un importante papel realizando, sempre que poidan, cruce industrial con razas de aptitude cárnica contempladas na IXP Ternera Gallega e impulsando a comercialización organizada dos xatos mediante as cooperativas (tanto de cara a cebadeiros, coma de cara ao matadoiro, segundo sexa o caso). Non parece lóxico que os gandeiros de vacún de leite viren as costas a este sector realizando cruces con razas non contempladas no Regulamento da IXP.  

Non cabe dúbida de que é un esforzo moi necesario a realizar por todos; intentar que ningún produtor de vacún de carne quede sen acollerse á IXP Ternera Gallega por estar “protexido” por un único cliente para o seu gando. Pero iso, tamén é labor das cooperativas de vacún de leite que deberían reincorporar e prestar servizos cooperativos aos gandeiros que abandonaron a produción láctea. As cooperativas necesitan repensar e redefinir servizos para estes novos gandeiros de vacún, organizar a produción e a comercialización para buscar os máximos rendementos posibles das explotacións, asesorando ás mesmas na produción de vacún de carne, facilitando xovencas e xenética axeitada, aconsellando e orientando.

Contemplando como medra, desenvolve e compite co sector lácteo galego, cometeriamos un erro enorme ao esquecer ao vacún de carne, e ás complementariedades e sinerxías que entrambos poden desenvolverse e beneficiarse.

Esquecer, esquecémonos rápido. Pero, sería grave que algún día lembremos o que puido ser e non foi, polo abandono de todos: gandeiros, cooperativas, administracións públicas...
Editorial Cooperación Galega, nº 116 Decembro 2013

lunes, 28 de octubre de 2013

Unha actitude a mellorar

No Libro Branco do Cooperativismo en Galicia maniféstase que “nos tempos de  recesión  económica,  nos  tempos de crise e reestruturacións empresariais, a tendencia das cooperativas é xustamente a contraria e rexístranse significativas cifras porcentuais de crecemento do emprego cooperativo”. Defínese  á  cooperativa  coma un modelo de empresa “anticíclico”, que navega mellor que outras formas empresariais en épocas de crise, que destaca pola súa adaptabilidade ás novas condicións económicas e sociais. É certo que, na súa gran maioría, a crise colleu ás cooperativas operando na “economía real”, tal como manifestou un destacado dirixente cooperativo galego, lonxe das economías virtuais que moveron a moitas empresas nos dez primeiros anos deste século.
Pero, temos que recoñecer que as cooperativas poderiamos facer máis nestes tempos convulsos, e non podemos dar mostras de satisfacción mentres non logremos progresar a maior ritmo, con criterios  de  máxima eficiencia,  baixo os principios de profesionalidade e rigor.  Podemos caer na soberbia, que pode converterse nunha verdadeira, destrutiva e persistente enfermidade contaxiosa entre os cadros dirixentes das nosas empresas. Nos acontecementos cooperativos dos últimos anos, vemos como a soberbia se apodera de dirixentes cooperativos, pero tamén de partidos políticos e gobernos nas súas actuacións coas cooperativas e cos seus proxectos.
A soberbia, “pecado capital”  emparellado dende tempos remotos coa ira, a gula, a luxuria, a avaricia, a preguiza e a envexa, móstrase baixo unha máscara de retórica de sinxeleza e de modestia. Non  só  é  un  “pecado  capital”   para os cristiáns, senón que nas cooperativas os soberbios amósanse coma servidores do colectivo social, pero resultan sumamente individualistas,  a veces, ata a paranoia. Hai dirixentes que descoñecen a humildade, saben pouco do respecto ós seus propios socios, ós seus propios compañeiros de responsabilidades directivas.

Vivimos tempos difíciles nos ámbitos económicos, sociais e agrarios, onde miles   de   persoas   e   de   empresas o  pasan  mal  ou  desaparecen.  Non son momentos de egocentrismo e narcisismo,    senón    de    compaixón e comprensión. Non son épocas de autoloanzas, vaidade e desprezo polos que  non  souberon/puideron   superar as  dificultades.   Pero,  tampouco  é  o intre axeitado  para  agardar sentado. Son tempos para poñerse en contacto cos dirixentes doutras cooperativas irmáns (do contorno, do sector, de valores,...), dialogar, intercambiar perspectivas  e proxectos, mirar  cómo se pode potenciar e fortalecer ás cooperativas conxuntamente, e por ende, a todos os cooperativistas socios das mesmas, a nosa razón de ser e existir.  Máis que  nunca,  necesítase xuntar forzas, compartir proxectos máis ambiciosos na transformación e comercialización de produtos agrícolas e gandeiros, medrar na cadea de valor neste intre de grandes cambios, pero tamén de oportunidades empresariais. Vivir continuamente  na borracheira de egocentrismo e narcisismo non permite avanzar e desenvolver ás cooperativas. Por iso, só con humildade,  empatía  e comprensión as cooperativas galegas podemos dar pasos de xigante e ser máis  eficientes  para  o  conxunto  dos nosos socios, agricultores e gandeiros.

martes, 20 de agosto de 2013

Cooperativismo integrador

Cando se comeza unha nova etapa tendemos a planificar corrixindo erros, se os houbo, adaptándonos á nova realidade, se é o caso, ou pensando en avanzar con sentido positivo para mellorar na fidelización e nos resultados.

Somos dos que pensamos que non se trata dunha disxuntiva, ou isto ou aquilo, senón de compaxinar as tres posibles actitudes: non todo  se fai sempre ben; a realidade cambia constantemente, e nestes tempos máis aínda; nun mundo tan competitivo, innovador e creativo, non hai outra cousa máis positiva que avanzar.

Por tanto, revisar, reflexionar e programar son tres etapas dunha mesma realidade. Pero  isto non  sae  dun  cerebro máxico senón dun esforzo colectivo, nunca é resultado dunhas eleccións estatutarias, senón, máis ben, dun equipo humano que poña moito empeño en mellorar apoiándose en todas as sinerxías e forzas que conflúen nese momento, sen esquecer a ninguén, aproveitando todas as oportunidades e fortalezas que se presenten.

Deterse ou laiarse non achega nada.

En AGACA estamos ante unha realidade nova, pero non o digo porque o equipo que conforma o Consello Reitor sexa, en parte novo, porque aínda que os que chegan novos ou con responsabilidades diferentes, deban achegar  o  mellor  de  si mesmos, tamén  sufrimos  a  perda  dos  veteranos que se foron, tres persoas entrañables, cada cal mellor, que deron o mellor de si mesmos para acadar importantes retos. Por iso, para eles o noso recoñecemento e agradecemento, pero tamén lles pedimos que sigan axudando a construír este cooperativismo que se fixa novas metas.

Os que quedamos, os que seguimos, debemos propoñernos avanzar con entusiasmo para construír un cooperativismo con vocación integradora. Temos que caer na conta de que somos moi pequenos e de que perdemos moito tempo en “reparacións” e no camiño, e analizar en profundidade que a agresividade dos mercados, o intento de monopolizar da gran distribución, a falta de creatividade que agora se di “innovación”, afóganos na monotonía conservadora de subsistencia, no mellor dos casos.

Non podemos permitir que as cooperativas que están integradas con nós perdan forza ou se debiliten arrastrando a moitos socios que tanto loitaron e tanto sacrificaron por manterse vivos.

O noso minifundismo  cooperativo  debilítanos, as nosas estruturas pesadas en proporción á nosa facturación e produción, arruínannos.

Temos exemplos claros nestes últimos tempos, exemplos claros da nosa capacidade integradora e creativa: aí está a compra de CLESA por 10 cooperativas socias, ACOLACT, que xa produce  sobremesas e derivados lácteos que poñen valor engadido ao produto dos nosos socios; tamén UCOGA, unha correduría de seguros que aínda nos seus albores xa promete optimismo  para as sete cooperativas que a constituíron e que se propón integrar inmediatamente algunhas máis; igualmente  important o  proxecto  comercial de HORTA, que xa se ve desbordado para poder subministrar produtos de máxima calidade e cumprir os compromisos adquiridos coa gran distribución que apostou por nós; agora  APROLACT, S. Coop. Galega, a OPL das cooperativas, unha Organización de Produtores constituída por nove cooperativas que reúnen unhas 360.000 toneladas de leite, pero que segue traballando en avanzar de cara a unha dimensión  supraautonómica.

En conclusión, teremos que facer un esforzo especial por integrarnos entre nós e dar pasos para integrarnos con outras cooperativas coas que coincidamos en obxectivos. Xa se ve que o tema é importante e que merece a pena dedicarlle un tempo para considerar alternativas, pero haberá que comezar a construír un ambiente favorable colaborando e integrándonos en todo o que sexa posible: comercialización, persoal téc- nico, programación, órganos de dirección, etc. Por algo se empeza, mellor dito, hai que seguir avanzando.


Axúdanos a caer na conta da importancia de facer  cooperativas  fortes,  a  nova Lei de Integración  Cooperativa  que se acaba de aprobar no Congreso, que podería ser obxecto doutro debate.

lunes, 3 de junio de 2013

Camiña ou reventa

Así de duro parece que é o futuro que nos marcan as empresas agroalimentarias. Neste intre estamos ante unha demanda interna de consumo de alimentos estancada, ou en claro retroceso nos alimentos que precisan dun maior nivel adquisitivo, polo que parece que a única alternativa que nos queda é intentar vender os nosos produtos nos mercados exteriores. Por tanto, para as cooperativas con produtos alimentarios no mercado, a exportación non é unha virtude, converteuse nunha obriga para sobrevivir. Resulta que o medio rural non só é un refuxio para momentos de crise, senón unha das principais ou a principal, baza exportadora da nosa deteriorada economía, xa que está a xerar superávits comerciais ano tras ano.

Coma sucedeu con outras melloras competitivas, achegámonos á exportación de alimentos obrigados polas circunstancias, con escasa formación, planificación, programación e recursos. Ademais, séguenos custando moito cooperar entre as propias empresas cooperativas de xeito que as sinerxías posibiliten unha redución de custes e unha potenciación e aproveitamento das oportunidades. Pero, por outra banda, as cooperativas comproban como non resulta imposible acadar maiores cotas de desenvolvemento comercial consolidando e ampliando logros en novos mercados. Cremos que é posible incrementar os produtos a exportar e os países de destino das nosas exportacións, pois dispoñemos de alimentos de calidade contrastada: produtos de horta de primor, queixos de interese para o consumidor entendido, leites especiais, meles con derivados de prestixio, viños de gran calidade e variedade, carnes de todo tipo (coello, polo, vacún e porcino).

Dende AGACA levamos anos apoiando e animando a cooperar na exportación ás cooperativas socias. Tratamos de impulsar un pequeno cambio de mentalidade nas mesmas, xa que para competir nestes novos mercados con certas garantías resulta imprescindible acadar dimensión, que podemos lograr agrupando ás cooperativas e ofrecendo calidade e trazabilidade. Hoxe os mercados exteriores poden ofrecernos unha boa diversificación do risco de operar nun único mercado, mellorar a imaxe empresarial, compensar a crise do mercado interno e continuar crecendo, a pesar da situación de crise económica na que vivimos.

Neste intre en que a xestación nas Cortes da Lei de Mellora do Funcionamento da Cadea Alimentaria parece deixar de lado a dotación de ferramentas áxiles e útiles para defender os custes de produción dos agricultores e gandeiros fronte ós grandes e poderosos oligopolios da Gran Distribución, fortemente protexidos pola Comisión Nacional da Competencia baixo unha mal entendida liberdade de mercado, poucos camiños quedan que non sexa a exportación. Ó leite, engádese a carne de polo coma produto reclamo dos supermercados, afundindo as granxas de polos nunha profunda crise que empuxa ó abandono a moitos granxeiros empobrecidos por estas prácticas. Os criadores de polos están a vender a carne ó oligopolio con perdas alarmantes, menos para os señores da Comisión Nacional da Competencia. Probablemente algún día a sociedade e os consumidores botarán de menos a estes gandeiros de polo e de leite.


Desprotexidos nos nosos mercados tradicionais ante a espiral suicida de loita de prezos da Gran Distribución que diante dos constantes reclamos comerciais ó consumidor final destrúe o valor engadido do sector agroalimentario, básico para calquera economía moderna, queda esforzarnos en vender fóra das nosas fronteiras e dar valor á produción agraria e gandeira, agrupándonos e complementándonos para ser eficientes e competitivos.

viernes, 5 de abril de 2013

Perseguidos pola Distribución

A costa de ser pesados, é necesario facerse eco da situación económica tan complexa que están a vivir os gandeiros galegos. Posiblemente sexan as producións gandeiras galegas e, xunto ás mesmas, as súas cooperativas, as que están a sufrir un ataque máis forte dos abusos de poder que mostra a distribución moderna de España. Esta gran distribución está a facer un amplo despregue de “prácticas” destinadas a quedarse coa maior parte do valor engadido xerado na cadea alimentaria, empurrando á quebra ás ganderías e ó abandono da produción e do medio rural galego.
Diferentes organismos e especialistas recoñecen que o encarecemento dos carburantes, das enerxías e das materias primas de alimentación animal (en máis dun 70% de media nos últimos anos) supón un incremento dos custes da produción de entre un 25%-35% na produción de leite e máis do 40% nas producións de carne, facendo de todo imposible remunerar axeitadamente os custes de produción, mantendo os prezos dos alimentos estables. Esta situación evidencia a indefensión do elo percibido coma o máis débil da cadea, pola súa nula capacidade de manobra e favorecida por unha histórica incapacidade de organización unitaria e polo poderío dunha Distribución “hiperconcentrada”.
Pero, sexa cal sexa o tamaño da cooperativa, todas están a sufrir o comportamento nada moderno da distribución. Así, son habituais os cobros irregulares, a carga a conta do provedor das roturas sufridas nas propias instalacións da distribución, a carga a conta do provedor dos roubos na distribución, dos custes das campañas de promoción non pactadas, dos cobros á marxe dos contratos, as vendas a perdas, modificación unilateral de contratos... En definitiva, imposición total e unilateral das condicións de negocio entre os dous elos da cadea.
Así, expertos do sector agroalimentario e institucións internacionais de recoñecido prestixio, afirman que existe un claro desequilibrio no poder negociador dos diferentes elos que forman parte da cadea agroalimentaria. Os máis débiles son aqueles que están máis fragmentados e atomizados, os agricultores e gandeiros, e supón que moitas veces as súas marxes comerciais sexan moi baixas, e incluso, sexan insuficientes para cubrir os custes produtivos. Esta situación tende a acentuarse en mercados onde a atomización dos produtores combínase cunha forte concentración da distribución que usa produtos, o leite e as carnes, coma reclamo, e onde a presenza das marcas brancas ou marcas da distribución é moi elevada.
O grado de concentración da produción en cooperativas é baixa en Galicia, en relación ós niveis de concentración que hai noutras zonas produtoras de España. Por iso, é habitual que as rutas de recollida de diferentes empresas lácteas e cárnicas se mesturen ou solapen (en zonas de Galicia chéganse a contar máis de 10 camións de recollida de leite que diariamente se cruzan nunha mesma ruta). O normal sería que houbese unha ordenación da recollida para reducir os custes de transporte, pero, o habitual é que as empresas transformadoras, mediante primeiros compradores, recollan o leite ás explotacións gandeiras que as subministran, independentemente da optimización da ruta. Outro fenómeno que afecta á fase transformadora é o forte incremento da cota de mercado dos produtos con marca de distribuidor ou "marca branca", que na industria que opera en Galicia acada valores moi elevados.
A existencia destes desequilibrios nas relacións comerciais dos diferentes elos da cadea provocan un problema de reparto do valor engadido e un problema de eficiencia económica. A debilidade do sector no elo da produción como resultado do uso do poder de mercado na distribución leva a unha inevitable redución da cantidade, a diversidade ou a calidade da oferta, poñendo en perigo a subsistencia do sector gandeiro a medio e longo prazo. A longo prazo, a eliminación dos produtores en España levaría a uns prezos superiores, tanto do leite coma da carne que compran os consumidores finais. Sobre todo, se estes produtos teñen que percorrer centos de quilómetros dende o centro de Europa ata os fogares ibéricos.

¡Benvido 2013!

Son tan malas as perspectivas económicas para o 2013 que desexaríamos todos dar un salto no tempo para aforrarnos moitos problemas que previsiblemente se verán agravados neste novo ano. Pero isto non é posible, e debemos afrontar o futuro coa mente aberta ó cambio e á mellora da competitividade. A principios de 2013, os Xefes de Goberno da UE probablemente pecharán o acordo sobre o orzamento anual 2014/2020 con duros recortes de recursos para a Política Agraria Común (PAC). Discútese este orzamento no medio da peor crise económica da historia da UE. Aínda que a economía da UE mellore nos vindeiros anos, os orzamentos agrarios veranse duramente castigados para todo o período.
No 2013 deberá quedar perfilada a Reforma da PAC a aplicar nos vindeiros anos. A proposta da PAC feita polos organismos da UE é moi esixente cos agricultores e gandeiros, xa que lles pide maiores sacrificios cos pagos verdes (greening) directos. Os agricultores e gandeiros non teñen prexuízos de cara a medidas que melloren a sostibilidade da produción agrícola. Pero, o mecanismo proposto pola UE non é un mecanismo de incentivación senón de penalización, cuns beneficios medioambientais difíciles de cuantificar, e cun incremento dos custes de produción que ademais fará multiplicar a burocracia. Dada a estrutura de propiedade da terra en Galicia, esta medida vai a supoñer unha dura penalización suplementaria para o noso agro.
Non todos os retos do 2013 veñen de fóra. Cos debates do anteproxecto de lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria púxose en marcha un recoñecemento desta iniciativa longamente agardado, que trata de resolver as carencias constatadas na cadea alimentaria.  A constatación de prácticas abusivas e anticompetitivas é unha evidencia a nivel nacional i europeo; non só poñen en perigo a sostibilidade económica do sector senón que son prexudiciais, tanto para os operadores como para o consumidor, provocando custes e riscos excesivos aos provedores, limitando a súa capacidade de planificación, investimento e innovación. Por tanto, agardamos por medidas efectivas que redunden en beneficio dos produtores mediante o solicitado reequilibrio da cadea de valor.
Outro anteproxecto que xerou moitas expectativas nos ámbitos cooperativos foi o anteproxecto de lei de fomento da integración de cooperativas e doutras entidades de carácter agroalimentario. Dado o mapa cooperativo presente en España, necesitamos de medidas motivadoras para que os agricultores e gandeiros se xunten en cooperativas prioritarias, non necesariamente mediante longos procesos de fusión. Do bo desenlace lexislativo deste texto dependerá a posibilidade dunha agricultura e gandería estruturada e organizada que compita axeitadamente nos mercados globais.

Nun territorio como o noso, con clara vocación gandeira, a gran dependencia de materias primas exteriores e dos mercados internacionais evidencia que non nos encontramos ante unha crise conxuntural, senón estrutural, que fai necesaria unha aposta firme polo abastecemento de materias primas a un sector gandeiro que dispón dun gran potencial e que hoxe é o principal motor económico de Galicia, xunto coa industria alimentaria. Actualmente, os consumidores teñen fácil acceso a unha carne e leite autóctono de incuestionable calidade a baixos prezos. ¿Estará todo isto garantido se dependemos das importacións de materias primas, continuamos cos abusos da distribución e seguimos totalmente desorganizados no sector? ¡Benvido 2013!