viernes, 5 de febrero de 2010

Mercados agroalimentarios e cooperativas

Estamos sumidos nunha situación onde os fortes descensos dos prezos en orixe, combinados cun espectacular incremento dos custes da produción agraria provocan unha brutal falta de rendibilidade dos produtos agroalimentarios, que fan caer as rendas dos agricultores e gandeiros a niveis por debaixo da mera subsistencia. Nestas condicións resulta moi difícil a devolución dos préstamos, a incorporación de mozos que impida o despoboamento do rural e abordar os necesarios investimentos produtivos. A cadea de distribución agroalimentaria preme cara abaixo os prezos ó produtor, retrasa os pagos no tempo, forza as importacións, devolve inxustificadamente produtos,... favorecendo marxes abusivas ó longo da cadea agroalimentaria. En definitiva, a distribución agroalimentaria impón as súas condicións de oligopolio organizado e impide o normal desenvolvemento do mercado.

Estes abusos de posición dominante da gran distribución e dalgunha agroindustria de corte capitalista (especialmente no sector lácteo) provoca un clamoroso desequilibrio da competencia. A maioría dos agricultores e gandeiros encóntranse nunha situación de desequilibrio negociador fronte ós compradores e a gran distribución. Este desequilibrio do poder de negociación non tería importancia se a colleita estivese en mans de cooperativas fortes con peso negociador (como sucede no norte de Europa), o que significa que se terían en conta os intereses dos produtores. Pero aquí non temos grandes cooperativas e a colleita está en mans da industria capitalista ou pequenas cooperativas con escasa profesionalización e capacidade de negociación.

No mes de xullo acadouse en Madrid un acordo de prezos no leite entre produtores, cooperativas, industria e distribución cuxa finalidade era loitar contra a crise do sector. Este acordo tomaba como referencia os prezos pactados en Francia máis o transporte, como prezo indicativo para o leite producido en España. Só con contratos a medio/longo prazo, definindo volumes, primas, prezo e condicións de calidade, deberiamos dar a relevancia necesaria ós produtores, cooperativas, pequenos comercializadores e industria transformadora para que poidan ter maior previsibilidade dos seus ingresos, dos seus subministros e dos seus custos, fronte á gran distribución. Se un acordo de prezos de cotización de todos os actores a nivel nacional é contraria ó dereito da competencia, o extremo oposto, é dicir, a negociación de cada transformador con cada produtor limita brutalmente os beneficios agardados da contratación en termos de restauración do poder de negociación dos mesmos.

O lóxico é que as negociacións coa industria e coa distribución sexan levadas a cabo por medio dunha oferta conxunta das organizacións produtoras baixo un modelo cooperativo que inclúa a transferencia do produto e a orde de ser comercializado. Pero, o pequeno tamaño das cooperativas impide esta negociación entre iguais. Por tanto, urxe introducir cambios normativos no dereito da competencia que posibiliten contratos sectoriais para estabilizar os prezos de produción e limitar a volatilidade, apuntalando o poder no mercado dos produtores con contratos que fixen volume, prezo, primas e calidades.

Con ou sen cambios na normativa, é de interese dos produtores agruparse en cooperativas o suficientemente fortes -incluso ata a fase de procesamento-, comprendendo a transformación no desenvolvemento de produtos de calidade ou marcas de distribución que estean menos suxeitos á competencia internacional. O apoio e potenciación das cooperativas debe ser unha medida de política de desenvolvemento rural imprescindible para reforzar a posición negociadora dos agricultores e gandeiros. A Comisión Europea así o sinala en comunicacións dirixidas aos estados membros, pero seguimos agardando apoios económicos e políticos firmes e decididos nesta dirección.