lunes, 18 de mayo de 2009

As desfeitas do lobo e o xabaril

As desfeitas do lobo e o xabaril

Os reiterados ataques que especies como o xabaril e o lobo están a exercer sobre o gando e os cultivos sitúan a estes animais no punto de mira continuo de ecoloxistas, agricultores, gandeiros, cazadores, administración, etc.

Hai un debate xerado en torno á excesiva e incontrolada poboación de ambas especies que provoca malestar en todos os sectores. Parece lóxico pensar que calquera gandeiro ou agricultor é un amante da natureza, convive con ela, vive dela, coida dela, polo tanto aí non hai espazo para a dúbida. Como tal, non ten nada en contra da proliferación de lobos ou xabarís. É doado contemplar con benevolencia dende a distancia. Porén, a situación cambia cando un esperta pola mañá e se atopa cunha vaca estragada , ou unha ovella, ou toda unha finca esnaquizada despois dunha visita salvaxe nocturna. Aí cómpre tomar medidas.

Non hai moito dicíase que o porco bravo se asustaba do home, de feito, colocar unha radio a todo volume transmitindo seguido, empregar lanternas, espantallos, ou o ladrar dos cans parecían ser artimañas efectivas no intento de mantelo afastado das fincas, agora nin radios, nin sequera valados, por non dicir que nin a propia presenza do home preto, desanima a este animal na procura de alimento.

Trátase dun animal robusto, cun sentido do oído e o olfacto altamente desenvolvidos, descansa de día, amósase activo pola noite e está dotado dunha extraordinaria capacidade reprodutiva: a xestación dura catro meses e a femia pare entre dúas e dez crías. Estas circunstancias, xunto coa práctica inexistencia de depredadores naturais e o afán por buscarse un alimento fácil, introducíndose no medio das plantacións e arrasando co que atopa ó seu paso, lévao a converterse nun inimigo para o home, polo menos do home que vive do traballo na terra.

Outro tanto acontece co lobo. De acordo en que se trata dun elemento de importancia no patrimonio natural de Galicia, pero está a atacar ó gando. Actualmente non figura no catálogo de especies ameazadas e a normativa é rigorosa: só se autoriza a súa caza unha vez constatados os danos. En 2008, a Xunta tramitou 382 expedientes por danos ocasionados polo lobo e 1.482 expedientes relacionados co xabaril; máis de 109.000 euros e preto de 700.000, respectivamente, en axudas. Cantidades que non cobren as perdas reais. De feito, o importe máximo nas axudas por danos do xabaril é de 1.500 euros e só se admite unha denuncia por ano.

¿Somos culpables os gandeiros ou os agricultores dos danos ocasionados polos animais en liberdade? ¿por que sempre temos que tragar con todo o que nos pase? ¿tomaríanse as mesmas medidas se estes animais, ou outros, fosen quen de entrar nas oficinas e desfixesen en anacos os informes, resumos, artigos, etc. elaborados nos meses pasados polos seus empregados, botándose a perder todo o traballo realizado durante horas e horas?, ¿vale menos o traballo do produtor que inviste horas, días e meses en obter produtos de calidade que se converterán no noso sustento? Administración, sociedade, cazadores, seguros, afectados, todos temos que tomar parte na solución. É o xusto.