jueves, 25 de octubre de 2012

O cooperativismo, un modelo de futuro


Cremos que hoxe case  ninguén dubida da importancia estratéxica da estrutura cooperativa agraria de Galicia de cara a un desenvolvemento económico e territorial equilibrado do noso país. 

Segundo o Informe de Síntese 2007 da Consellería de Traballo, hai en Galicia 340 cooperativas agrarias, con máis de 44.768 socios que facturan 1.397 millóns de euros. Como é lóxico, cinco anos despois, coa crise económica, estes datos quedaron obsoletos. Ademais, nestas cifras non se recollen a importancia económica das sociedades de tipo mercantil, a maioría de tipo agroalimentario transformador (adegas, matadoiros, lácteas,...), que son propiedade patrimonial maioritario das cooperativas e que posiblemente acheguen este dato de facturación aos 2.000 millóns de euros.

Noutros informes complementarios ponse de manifesto o peso económico e social que as cooperativas teñen en diferentes ámbitos da produción agroalimentaria, especialmente no ámbito das carnes de producións intensivas e vacún de carne, no viño, no leite, na horta profesional e nos abastecementos e servizo ás explotacións agrarias e gandeiras. Hoxe as cooperativas e as súas empresas mercantís comezan a ser unha referencia en relación ao comercio exterior. Cada día que pasa, as cooperativas participan máis na venda por internet e na diversificación agraria tradicional.

Despois de varios anos de crise, se algo poñen de manifesto os datos reais é que o número de socios e de empregados das cooperativas está resistindo mellor que o da maioría das empresas mercantís, e que outros sectores de actividade. Segundo os datos estatísticos que manexamos en AGACA, o número medio de socios das cooperativas, o número de traballadores e a facturación retrocederon pola crise, especialmente no 2009 e 2010. Pero, nos exercicios 2011 e 2012 percibimos e agardamos unha tendencia á estabilización previa a unha recuperación  dos niveis anteriores á crise, que todos agardamos que suceda nos vindeiros anos.

Sen lugar a dúbidas, as cooperativas agrarias son un modelo de futuro que leva a manter vivos económica e socialmente a moitos concellos do noso medio rural; sen ameaza de que en calquera momento se deslocalicen; que axudan a diversificar as actividades do territorio onde se asentan xerando riqueza; que producen alimentos de calidade con orixe asegurada; e que camiñan a paso firme na exportación de alimentos cara a mercados exteriores. Ademais, nestes intres, moitas cooperativas gandeiras están a converterse nunha ferramenta clave para o financiamento dun sector gandeiro en dificultades extremas.

Estamos ante un modelo empresarial que reverte os beneficios en rendas para moitos dos nosos socios, agricultores ou gandeiros.

Pero, hoxe máis que nunca, necesitamos que os nosos socios e as administracións públicas aposten con convencemento polo noso modelo empresarial. Precisamente agora, as cooperativas necesitamos a sensación de sentirnos arroupados, reforzados, de xeito que se faga remarcar a pertenza e a identidade do noso colectivo. Pois, se as cooperativas agrarias non fosemos unha segura e potente realidade, estamos convencidos que tería que crearse. Por iso, é neste intre difícil cando necesitamos sacar o sentimento e a sensación de orgullo  e de unidade.