viernes, 14 de noviembre de 2008

Cando perdemos as referencias
É habitual que momentos de fortes cambios económicos e sociais, e de elevadísima volatilidade dos mercados agroalimentarios e de insumos, como os que estamos a vivir, deixen desconcertados e confusos a moitos cooperativistas e aos seus directivos. A xestión do día a día duns mercados agroalimentarios completamente volubles e imprevisibles fai que se extreme a análise dos mesmos e que poidan xurdir propostas de traballo para enfrontarse aos mesmos que, ás veces, están distantes do obxectivo fundacional das empresas cooperativas. Cando sucede así, convén botar unha ollada aos principios cooperativos das nosas entidades co fin de que sirvan como brúxula que oriente novamente a toma diaria de decisións.

As cooperativas somos empresas de persoas, ao servizo das persoas e, por tanto, non só debemos centrarnos no beneficio económico, xa que tamén debemos ter presente os obxectivos sociais que nos axudan a apuntalar a nosa estrutura organizativa. Os compromisos sociais deben axudarnos a incrementar a confianza de todos os socios no proxecto empresarial da entidade. Precisamente estes dous ámbitos de actuación das cooperativas esixen aos nosos equipos directivos dispoñer, por un lado, dun bo equipo de xestión empresarial, e por outro, dun líder que dispoña de reitores comprometidos para dirixir -con principios cooperativos claros-, a toma de decisións que contribúa o benestar profesional dos socios. Basicamente solo sobre estes valores e principios podemos incrementar a capacidade competitiva da nosa empresa no mercado.

Nestes tempos de crise existen máis probabilidades de que algunhas cooperativas, no medio do desconcerto e da desorientación, atravesen dificultades empresariais. Agora convén facer esforzos na procura da eficiencia empresarial, afondar no coñecemento das necesidades e intereses dos nosos clientes e consumidores, reorientar a produción dos socios de cara a esas novas necesidades, e todo, cun liderado claro e comunicativo asentado nunha estratexia completamente asumida e na que, socios e todo o equipo directivo deben involucrarse. Como calquera outro proxecto empresarial, as cooperativas necesitamos líderes, xente con capacidade de asumir riscos, de rodearse de bos profesionais da xestión e velando sempre polos principios cooperativos. Agora coa crise necesitamos emprendedores con ideas, con capacidade de deseñar plans de cambio e mellora e de facelos cumprir.

Dende AGACA gústanos traballar apoiando aos cooperativistas e dirixentes que saben cara onde queren ir, que teñen unha ruta empresarial e social definida e marcada, colaborar para que poidan desenvolver os seus proxectos e aptitudes en toda a súa amplitude e dimensión. Necesitamos dispoñer de dirixentes cooperativos con ilusión e con capacidade de ilusionar, capaces de crear e rodearse de bos equipos de profesionais, que teñan presente os principios cooperativos e con disposición para conducir con éxito as empresas nun sector tan complicado como o agroalimentario.

Desgraciadamente, non andamos sobrados de líderes incansables e apaixonados das empresas cooperativas. Neste intre, temos no recordo a dolorosa perda do cooperativista José Joaquín Pérez de Obanos, presidente da Confederación de Cooperativas de España que nos deixou no accidente aéreo de Barajas este mes de agosto. Vaia para José Joaquín o noso recoñecemento cooperativo, e para todos os nosos líderes cooperativos galegos, moitas veces altruístas e vocacionais, o noso ánimo para afrontar con éxito a lectura dos cambios que a economía e os mercados actuais nos presentan.