martes, 3 de noviembre de 2009

E agora qué facemos

Plenamente mergullados nunha profunda crise económica e do sector agroalimentario, xorden repetidas preguntas dos dirixentes das cooperativas sobre cómo saír deste pozo económico no que temos ó sector. Pois ben, en AGACA e dende a perspectiva cooperativa, cremos que as cooperativas agroalimentarias constitúen unha ferramenta fundamental no sector e unha engrenaxe básica para o desenvolvemento da actividade económica nas comarcas rurais galegas. Porén, as cooperativas agroalimentarias, ó igual que outras empresas do sector, atravesan un período moi complexo, non só pola conxuntura económica actual, senón pola existencia dun mercado cada día máis globalizado, concentrado e menos regulamentado e, por tanto, moito máis liberalizado.

A volatilidade dos prezos, ante a total ausencia dos mecanismos de intervención pública, convértese en algo habitual, polo que debemos prepararnos para iso. Como exemplo, en 2007 o leite chegaba a liquidarse a máis de 0,46 €/litro ó gandeiro e dous anos despois, moitos gandeiros recibían liquidacións inferiores ós 0,23 €/litro. A dimensión é un dos retos máis importantes da industria agroalimentaria e das cooperativas, non só condicionado pola concentración dos nosos provedores e clientes, senón pola necesidade de realizar investimentos que precisan economías de escala para poder ser viables.

As alianzas estratéxicas entre empresas cobran especial importancia para aproveitar as oportunidades dun mercado cada día máis globalizado, sempre que estas empresas compartan obxectivos e modelos de negocio compatibles. Por outra banda, debemos ver a globalización como un proceso irreversible, o que nos obrigará a tomar posicións máis ofensivas e non limitarnos a defender un mercado que, hoxe por hoxe, xa se encontra practicamente aberto.

Sen lugar a dúbidas, debemos aproveitar as marxes de manobra que contempla a actual Política Agrícola Comunitaria (PAC) para deseñar unha política estatal que complemente á autonómica e que permita o desenvolvemento de grandes proxectos e iniciativas de gran dimensión e impacto. Temos que abrirnos máis aló dos límites autonómicos porque necesitamos que a capacidade exportadora das cooperativas (que hoxe desenvolven varias cooperativas de viño, Coren, Cogal,…) aínda sendo importante, estea concentrada en poucos sectores e poucos países. Temos necesidade de ampliar os nosos destinos e non limitarnos á especialización para conseguir unha verdadeira implantación.

Temos que orientar a estratexia cara á excelencia, tanto nos procesos coma nos produtos, cuestión que deberá ser convenientemente valorada polos consumidores e acompañada por unha mellora dos controis cualitativos das importacións de terceiros países. Finalmente, está claro que en varios sectores, especialmente no lácteo, as cooperativas deberán facer un esforzo para mellorar a súa posición no mercado. Neste senso, o bo aproveitamento das oportunidades de integración e articulación empresarial a través de iniciativas para a transformación industrial do leite das cooperativas debería orientar as decisión tanto das cooperativas como das administracións.