viernes, 2 de enero de 2009

Tempos de Crise

Fai tempo que existían voces de alarma sobre a situación xeral da economía, baseada, no caso de España, na especulación inmobiliaria. Ante esta nova situación está demostrado que o medo non é o mellor compañeiro para procurar a eficacia e a produtividade da empresa. Ben é certo que a crise tamén xera novas demandas por parte das empresas e consumidores que debemos tentar aproveitar. Temos que intuír estas novas necesidades e saber crear produtos e servizos para satisfacelas. En grande medida, unha crise económica é como un gran temporal: ó seu paso haberá barcos fundidos, outros que perderon o mastro e o temón, e outros moitos que se ven obrigados a abrigarse en porto seguro. Por tanto, parece cousa de saber navegar ante a nova situación e coñecer o rumbo axeitado facilita moito as cousas nas augas revoltas.

Os prognósticos dos expertos falan dunha caída xeneralizada de prezos no 2009. Se a poboación asume a austeridade e se lanza a comprar produtos baratos, estamos ante unha caída de prezos descoñecida no noso contorno. Ademais, todo parece indicar que os cidadáns reducen o consumo e os investimentos pola expectativa de que os prezos poidan baixar. Algúns afirman que é cuestión de tempo que vexamos taxas do Índice de Prezos ó Consumo (IPC) moi reducidas. Co espectacular incremento de consumo das marcas brancas nestes últimos meses, abandónase o consumo de produtos máis luxosos, ou de maior prezo, e incluso podemos comezar a importar alimentos baratos de terceiros países, algúns de moi dubidosa seguridade alimentaria.

Ante esta situación, hai que instaurar unha nova cultura de xestión empresarial nas cooperativas. Os directivos deben pensar na prosperidade da empresa a longo prazo, e abandonar a miras a curto. Nestes tempos, vai a ser difícil que un Consello Reitor sensato aprobe novos gastos e investimentos, obrigando a que o autofinanciamento sexa a clave para abordar novas iniciativas na cooperativa. En épocas de crise é necesario, sobre todo, eliminar os erros do pasado e evitar males maiores. É preciso que os directivos identifiquen os problemas fundamentais da empresa para cambiar o comportamento en consonancia coa análise feita e tomar decisións rápidas.

A maioría de cooperativas comprenderá a imperiosa necesidade que temos de gañar competitividade, isto é, producir máis calidade a menor custo. A clave é actuar rapidamente eliminando o que non sexa rendible, abandonar as políticas tendentes a incrementar as vendas a toda costa e aumentar a eficiencia en todos os aspectos da actividade para asegurar liquidez a curto prazo. É un erro grave ser lentos na toma de decisións. Ás veces hai que reducir a capacidade operativa da empresa na medida en que baixan as vendas facendo aquilo que se sabe facer e abandonando o resto, no que non somos competitivos. O talento, a formación e a experiencia continuarán sendo reclamados polas empresas que desexen facerse máis competitivas nestes tempos de dificultades.

Sen lugar a dúbidas, ningún directivo de cooperativas debe esquecer cales son os principais factores detectados que inflúen na competitividade da mesma. Temos que dispoñer do persoal máis cualificado e mellor formado posible, polo que é necesario captar ós mellores e dispoñer de recursos para poder facelo. Todos sabemos que temos unhas cooperativas demasiado pequenas en relación coas empresas coas que nos relacionamos comercialmente e competimos, e tamén, coas cooperativas doutros países da Unión Europea. É necesario incrementar o tamaño empresarial das mesmas se queremos competir. Necesítanse, xa, procesos de integración e fusión de cooperativas para acadar dimensión e tamaño empresarial competitivo. Por último, todos sabemos que as cooperativas deben investir máis en tecnoloxía e innovación. Estes son os consellos básicos para saír fortalecidos desta crise a que nos enfrontamos.