jueves, 1 de septiembre de 2011


GALICIA, O SABOR DA ORIXE

Recentemente a Unión de Cooperativas AGACA presentou o catálogo de produtos agroalimentarios de cooperativas de Galicia, “Galicia, o sabor da orixe”, achegando o mesmo ás principais distribuidoras de alimentos de Galicia e do Estado. No mesmo sinálase que se algo poden garantir as cooperativas agrarias galegas é, ademais da calidade da súa produción, a orixe dos seus produtos, vinculados ao 100% a esta terra. Sabor e orixe fúndense coa calidade e sitúan estes produtos como referente en cada subsector. Coñecedores desta tendencia, AGACA, coa colaboración do IGAPE, elaborou este catálogo onde se recolle unha escollida escolma dos mellores produtos das súas cooperativas socias, facendo obrigada redución debido a que algunhas delas contan con varias decenas máis de referencias comerciais.

¿Que sería dos nosos agricultores e gandeiros sen as cooperativas? ¿Como houberan participado nos beneficios que se xeran coa transformación dos seus produtos? ¿Cal sería o poder de negociación no intre de comercializar ou de mercar subministros que necesitan nas súas explotacións? ¿Como se atoparían moitas aldeas, parroquias e concellos se non tivesen a presenza das cooperativas? Nos últimos anos, as cooperativas agroalimentarias galegas contribuímos de xeito decisivo, non só á transformación dos produtos agropecuarios galegos, senón tamén a que o valor engadido xerado por esta transformación quedase no sector primario, quedase no rural. Cada vez son máis as cooperativas que se inician no proceso de transformación dos seus produtos, a pesar de que o leite e a carne son produtos agroalimentarios que a día de hoxe necesitan de grandes estruturas empresariais moi ben financiadas e orientadas cara o mercado para triunfar nestes difíciles mercados alimentarios moi globalizados.

Vendo o contido de “Galicia, o sabor da orixe” xorden parellos varios sentimentos e reflexións. O primeiro é o importante camiño percorrido nos últimos anos cara a transformación dos produtos agroalimentarios galegos, con innegables grandes éxitos no subsector dos viños cooperativos galegos, exemplo a seguir e admirar para outros subsectores. Sen lugar a dúbidas, vendo as cooperativas e produtos presentes no catálogo, comprobamos o importante camiño que queda por percorrer no subsector lácteo, aínda moi lonxe de comercializar e poñer no mercado unha parte importante da produción do leite galego. Por tanto, as cooperativas deben recibir o agradecemento e felicitación de miles de agricultores e gandeiros de Galicia que se benefician das súas actuacións comerciais no mercado. En xeral, todo o medio rural onde se sitúan as cooperativas resulta beneficiado pola súa presenza e actividade.

Pero, “Galicia, o sabor da orixe” ten un destinatario directo, o conxunto da sociedade galega que pode dispor de alimentos de calidade e pode gozar dese medio rural, grazas a xeración de emprego e riqueza propiciado dende as entidades cooperativas. Por tanto, debemos demandar da nosa sociedade unha mellor acollida traducida en simpatía e prioridade cara os alimentos producidos e transformados en Galicia, xa que non so están comendo un alimento orixinal e de sabor galego, senón que contribúen a xerar riqueza e conservación do noso medio rural. Debemos procurar que nas tendas e supermercados das nosas cidades e pobos se consuman produtos galegos e de cooperativas, por que se coñece a súa orixe, por que se sabe da súa calidade, e por que a súa venda contribúe a soster vivos aos nosos pobos rurais.

Por tanto, non preguntemos máis qué podemos facer polo noso medio rural e fomentemos todos o consumo de alimentos producidos en Galicia, especialmente nos actos e eventos nos que dende diferentes institucións e organizacións participamos moitos dos que lemos esta revista. Consumo de produtos galegos e, por suposto, elaborados polas empresas cooperativas, que aseguran que o valor engadido queda nas mans dos agricultores e gandeiros. E, antes que ninguén, impulsemos todos inmediatamente o consumo de produtos cooperativos de Galicia dende as propias tendas, supermercados e economatos propiedade das nosas cooperativas. Por que, unha vez máis, “en casa do ferreiro, coitelos de pau”.