lunes, 6 de agosto de 2012

Unirse ou desaparecer


O sector lácteo está sometido a unha crise de prezos e de mercados dende hai catro anos, que provoca que a renda real dos gandeiros sexa semellante  á de mediados dos anos 90. A perda de renda ten a súa orixe no desequilibrio  da cadea de valor e na alta volatilidade  dos prezos das materias primas, sen que existan mecanismos de regulamentación públicos que corrixan as tensións do mercado.

A cadea de valor está caracterizada pola atomización do sector produtor e a con- centración da gran distribución.  (Exemplo: 12.000 gandeiros galegos producindo,
50 cooperativas gandeiras galegas que agrupan o 40% do leite, 10 industrias importantes que operan en Galicia e 5 grandes da distribución  que concentran o
62% do comercio minorista ¡de España!). Ante este desequilibrio, desestrutura- ción e desorganización do sector, os gandeiros e cooperativas non son capaces de defender o prezo e unhas condicións de contratación  rendibles. En épocas de crise, como a actual, a distribución concentra toda a súa estratexia comercial na oferta de prezos baixos, trasladando a presión á industria e ó elo máis prexudi- cado, o produtor.

A desregulación dos mercados desenvolvida ao longo das sucesivas reformas da PAC fixo que as axudas directas  desvinculadas por si soas sexan insuficientes. A falta de rendibilidade provoca a falta de relevo xeracional e pon en perigo un sector estratéxico para Galicia. Ante esta situación, os 12.000 gandeiros deben ser capaces de estruturarse e organizarse, concentrando a oferta e mellorando a comercialización para reequilibrar así a cadea de valor, que resultará clave para defender as rendas actualmente e, sobre todo, no futuro.

Por iso, dende AGACA solicitamos  e apoiamos a posta en marcha dun plan de integración cooperativa e a concentración da oferta que axude a mellorar a posición negociadora dos produtores e a reequilibrar  a cadea de valor sectorial. As Organizacións de Produtores contempladas na lexislación poden ser unha ferramenta de integración comercial da produción sempre que estean formadas por produtores e controladas por eles, teñan apoios suficientes e se promovan coma figuras empresariais profesionais e eficientes, con dimensión relevante no mercado, en condicións de defender prezos e contratos dos socios.

As administracións deben usar todas as ferramentas posibles, comunitarias, estatais e autonómicas para impulsar un plan de integración e concentración a través de medidas incentivadoras para os gandeiros, eliminando aquelas que van en sentido contrario. No sector agroalimentario, en xeral, e no sector leiteiro, en particular, urxen programas deste tipo para afrontar unha restruturación que lle permita facer fronte aos mercados actuais e para cumprir coas demandas que a sociedade nos esixe en termos de seguridade alimentaria,  calidade, medioambiente e mantemento da actividade económica nas comarcas rurais.