viernes, 14 de noviembre de 2008

Cando perdemos as referencias
É habitual que momentos de fortes cambios económicos e sociais, e de elevadísima volatilidade dos mercados agroalimentarios e de insumos, como os que estamos a vivir, deixen desconcertados e confusos a moitos cooperativistas e aos seus directivos. A xestión do día a día duns mercados agroalimentarios completamente volubles e imprevisibles fai que se extreme a análise dos mesmos e que poidan xurdir propostas de traballo para enfrontarse aos mesmos que, ás veces, están distantes do obxectivo fundacional das empresas cooperativas. Cando sucede así, convén botar unha ollada aos principios cooperativos das nosas entidades co fin de que sirvan como brúxula que oriente novamente a toma diaria de decisións.

As cooperativas somos empresas de persoas, ao servizo das persoas e, por tanto, non só debemos centrarnos no beneficio económico, xa que tamén debemos ter presente os obxectivos sociais que nos axudan a apuntalar a nosa estrutura organizativa. Os compromisos sociais deben axudarnos a incrementar a confianza de todos os socios no proxecto empresarial da entidade. Precisamente estes dous ámbitos de actuación das cooperativas esixen aos nosos equipos directivos dispoñer, por un lado, dun bo equipo de xestión empresarial, e por outro, dun líder que dispoña de reitores comprometidos para dirixir -con principios cooperativos claros-, a toma de decisións que contribúa o benestar profesional dos socios. Basicamente solo sobre estes valores e principios podemos incrementar a capacidade competitiva da nosa empresa no mercado.

Nestes tempos de crise existen máis probabilidades de que algunhas cooperativas, no medio do desconcerto e da desorientación, atravesen dificultades empresariais. Agora convén facer esforzos na procura da eficiencia empresarial, afondar no coñecemento das necesidades e intereses dos nosos clientes e consumidores, reorientar a produción dos socios de cara a esas novas necesidades, e todo, cun liderado claro e comunicativo asentado nunha estratexia completamente asumida e na que, socios e todo o equipo directivo deben involucrarse. Como calquera outro proxecto empresarial, as cooperativas necesitamos líderes, xente con capacidade de asumir riscos, de rodearse de bos profesionais da xestión e velando sempre polos principios cooperativos. Agora coa crise necesitamos emprendedores con ideas, con capacidade de deseñar plans de cambio e mellora e de facelos cumprir.

Dende AGACA gústanos traballar apoiando aos cooperativistas e dirixentes que saben cara onde queren ir, que teñen unha ruta empresarial e social definida e marcada, colaborar para que poidan desenvolver os seus proxectos e aptitudes en toda a súa amplitude e dimensión. Necesitamos dispoñer de dirixentes cooperativos con ilusión e con capacidade de ilusionar, capaces de crear e rodearse de bos equipos de profesionais, que teñan presente os principios cooperativos e con disposición para conducir con éxito as empresas nun sector tan complicado como o agroalimentario.

Desgraciadamente, non andamos sobrados de líderes incansables e apaixonados das empresas cooperativas. Neste intre, temos no recordo a dolorosa perda do cooperativista José Joaquín Pérez de Obanos, presidente da Confederación de Cooperativas de España que nos deixou no accidente aéreo de Barajas este mes de agosto. Vaia para José Joaquín o noso recoñecemento cooperativo, e para todos os nosos líderes cooperativos galegos, moitas veces altruístas e vocacionais, o noso ánimo para afrontar con éxito a lectura dos cambios que a economía e os mercados actuais nos presentan.

viernes, 8 de agosto de 2008

A Agrupación Láctea Cooperativa

Dende fai tempo, rolda polas cabezas dos dirixentes cooperativos a idea de poñer en marcha unha actuación empresarial conxunta das cooperativas leiteiras galegas encamiñada a acadar unha mellor posición no mercado do leite producido polos gandeiros socios. Ninguén quere apresurarse e avalíase en cada alternativa empresarial a viabilidade dunha actuación conxunta. Todos acordan pactar que calquera decisión sexa baseada en planificacións empresariais e sociais realistas e viables.

Despois de debates e reunións púxose en marcha a creación da Agrupación Láctea Cooperativa que referendaron as asembleas xerais de socios do pasado mes de xuño. Sería desexable que os autonomeados defensores do cooperativismo respectaran a iniciativa e a deixaran á marxe de intereses oportunistas de todo tipo. Non existen os facedores de cooperativas esóxenos, xa que ninguén mellor que os propios interesados poden comprometerse na solución empresarial e social dos problemas que lles afectan. Todos debemos estar alerta para vixiar e procurar que así sexa.

Nos últimos tempos os cambios producidos na comercialización dos derivados lácteos fan crer que a actual estrutura transformadora industrial vai tender a mudar. Non podemos someter aos produtores e consumidores de derivados lácteos a unha constante “montaña rusa” de prezos e variacións, case que mensual, sen que a demanda e oferta se resinta. Vivir no conflito permanente, no medio de mensaxes contraditorias, con altas doses de manipulación interesada non conduce a unha necesaria estabilidade para o desenvolvemento económico do sector. Mentres, nalgúns mercados, os consumidores xa mercan habitualmente leite líquido francés, á parte de todo tipo de derivados lácteos do mesmo país. O sector leiteiro de España estase a quedar sen valor engadido no proceso transformador e dando “paus de cego” no mercado lácteo, só preocupado por manter as marxes de rendibilidade aínda que sexa a costa doutros elos da cadea.

¿Alguén cre que o sector leiteiro deixará pronto de estar tan desorganizado? Para albiscar un sector leiteiro con futuro necesitamos acordos e pactos sectoriais que na práctica o racionalicen, cousa improbable a medio prazo. As cooperativas demandan rigor nas relacións no sector, maior transparencia e maior confianza e compromiso entre os operadores. Pero non chega con que as cooperativas queiran implantar estes valores cando, coa lei da selva e sen transparencia, hai unha parte do sector que parece estar acomodada. Esta actitude é a que anima ás cooperativas a acadar unha maior capacidade para decidir e ter algo que pintar no sector leiteiro.

A Agrupación Láctea Cooperativa está encamiñada a buscar pactos e acordos baixo un comercio libre e xusto coa industria, polo que pode xerar maior estabilidade e seguridade ao sector. Isto permitiría aos gandeiros unha planificación e orientación na xestión técnico-económica das explotacións na busca de mellorar as reducidas marxes de rendibilidade dos mesmos.

Non é fácil chegar a un comercio transparente que estabilice ao sector. Na medida en que a industria rexeite transparencia e acordos, a Agrupación Láctea Cooperativa verase obrigada a incrementar a súa capacidade empresarial e de negociación, ata que se logre un certo equilibrio no mercado. ¿Vai supoñer asumir novos sacrificios?. Os reitores, os directivos e socios non deben ver na Agrupación Láctea Cooperativa un sacrificio, senón un apoio empresarial do que agora non dispoñen. Saben que o máis importante é xerar confianza entre todas as cooperativas implicadas, que é necesario comprometerse pouco a pouco, dando pasos firmes, seguros, sen erros, creando mecanismos que estreiten as relacións entre todos. Só nun momento de déficit de leite, ou de medo a perder o abastecemento, a industria achegouse ás cooperativas.

As cooperativas non poden, nin deben estar no mercado para recibir educadamente os comunicados de prezos mensuais da industria. Hai que recuperar capacidade de negociación para as cooperativas no mercado do leite. Só sen inxerencias externas, con criterio empresarial e profesionalidade, autonomía, valentía e determinación, os gandeiros e as cooperativas leiteiras lograremos unha relación comercial moderna e transparente que recoñeza o papel de todos os compoñentes deste sector.

miércoles, 28 de mayo de 2008

A completa liberalización da PAC


Por suposto que compartimos a idea de que o sector agrario debe ser máis competitivo no marco dun desenvolvemento sostible, colmando as aspiracións sociais e garantindo unha produción san, de calidade e que respecte o medio ambiente, tal como manifesta a Comisión na proposta da reforma da PAC. Con moita máis convicción os agricultores e gandeiros galegos que sempre nos mantivemos preto dunha agricultura biolóxica. Pero, ¿realmente a Comisión propón medidas realistas que contribúan á competitividade do sector e satisfagan as necesidades dos consumidores?. En primeiro lugar, ¿como pode ser competitivo un sector económico que cada pouco tempo cambia o marco legal?. A Comisión debe ser consciente que para traballar en favor dunha maior competitividade e responder ás esixencias da sociedade, os produtores e as cooperativas deben contar con unha estabilidade legal que permita unha programación da actividade e unha seguridade nos seus investimentos.

A Comisión non adopta na proposta medidas favorables á competitividade máis aló do que é unha simple apertura total de mercados e o desmantelamento dos apoios ós produtores. É dicir, para o que aguante o libre mercado será competitivo e os demais deberán abandonar a actividade agrario e/ou gandeira.

A eliminación dos mecanismos de intervención, a eliminación das cotas lácteas no 2015 e a desregularización xeral que propón a Comisión acentuarán os problemas de volatilidade dos prezos e inseguridade dos investimentos agrarios, dos gandeiros e das cooperativas. Si eliminamos a cero a maioría dos mecanismos de intervención sen prever alternativamente outros mecanismos de xestión de crises de mercado, ímonos atopar con que situacións coma a actual sen cereais en stocks serán habituais noutras materias primas agrarias e na especulación das turbulencias dos mercados estará o único negocio que nunca será agrario nin para os agricultores. De feito, esta tendencia a eliminar a intervención en Europa é un dos principais motivos por que non existan reserva de cereais para a alimentación animal que tanto afecta a nosa gandería. A reforma nos sinala que os galegos debemos afrontar a desaparición das cotas lácteas no 2015, despois dos enormes investimentos feitos. Tamén nos indica que ou implantamos rapidamente unha cultura do acordo e do pacto sectorial que nos permita autoregularnos e ordenar o sector leiteiro en Galicia e España, ou senón comezaremos lentamente a desaparecer, tanto os produtores coma a nosa industria transformadora baixo o dominio doutros máis fortes e organizados.

¿Como lle fai fronte a proposta da Comisión a un sector produtor moi atomizado, mal dimensionado e con grande debilidade nas relacións comerciais?. Apenas quedan medidas na PAC para corrixir este enorme desequilibrio comercial. ¿Que propón a nova PAC para facerlle fronte a unha gran concentración dos principais inputs (adubos, carburantes,..) dun lado, e a gran distribución alimentaria doutro?. Que saibamos, nada.

Por outra banda, a posibilidade de facer un pago horizontal igual para todas as hectáreas é un paso claro e definitivo para converter a PAC nunha política medioambiental e totalmente afastada da produtividade agraria e gandeira. Por iso, a inclusión dos novos retos que a reforma propón para a PAC serán financiados mediante a modulación (redución) das axudas actuais, polo que é un xeito directo de reducir as axudas ó agro, eliminando a viabilidade de moitas explotacións. Que despois ninguén se sorprenda que o abandono da actividade agraria e do campo non para de medrar en Galicia.

Dende AGACA consideramos que a Comisión debe propoñer medidas que permitan ó sector produtor organizarse para poder facer fronte ás flutuacións dos mercados e amortiguar as situacións de inestabilidade. AGACA sempre apostou e aposta por un impulso e apoio á estruturación da oferta que anteriormente se facía mediante as Agrupacións de Produtores Agrarios (APAs), constituídas principalmente en cooperativas e que deberían xogar un papel fundamental nos diferentes sectores. Terían como finalidade regular as producións en cantidade e calidade para facerlle fronte ás crises de mercado, reequilibrar a relación cos provedores e clientes e establecer estratexias de mercado que permitan os socios a rendibilidade das súas producións vía o mercado. Toda decisión que vaia por este camiño será apoiada polas cooperativas. Soamente con incentivos as cooperativas agrarias poderán asegurar a viabilidade do negocio agrario e o axeitado abastecemento de materias primas nun mercado globalizado.


Higinio Mougán Bouzón

viernes, 16 de mayo de 2008

Necesitamos un sector máis organizado


A ninguén lle pasa desapercibido que, dende fai uns meses, os medios de comunicación están a publicar numerosos artigos agrarios e alimentarios falando de crise global no ámbito agroalimentario: alza de prezos, desabastecemento, carestía dos carburantes e materias primas básicas “comodities” (cereais, soia,...), efectos da crise e/ou especulación financeira nos mercados de comoditis, o papel dos biocombustibles neste contorno, o incremento do consumo en Asia...
Algo está a pasar na economía mundial que nos está a afectar directamente aos agricultores e gandeiros, ás súas cooperativas e empresas de transformación. Non vamos a dedicarnos a avaliar qué está a pasar (xa se encargan outros), pero estamos ante unhas condicións altamente cambiantes dos mercados mundiais dos alimentos que inflúen en todos os actores económicos do sector agroalimentario e mostra con crueza a capacidade organizativa do mesmo.

Estas turbulencias están a afectar con tremenda dureza, aos subsectores cárnicos de Galicia (porcino, vacún de carne, coellos, ovino, cabrún,...) facendo que moitas explotacións leven meses literalmente “perdendo cartos”. O subsector lácteo, de enorme interese económico e social en Galicia, pasou dunha situación cómoda de finais do 2007 a unha forte redución de subsector lácteo, de gran importancia en Galiciaingresos que coloca ás explotacións gandeiras en situación económica delicada. ¿Pódese facer algo para que un subsector non viva inmerso nunha continua “montaña rusa” ante as fluctuacións dos mercados?, ¿por que non somos capaces de evitar caer nas operacións especulativas dos mercados internacionais?. Lamentablemente, pese aos esforzos de moita xente e administracións, non cabe outra resposta que a de que nos atopamos ante un subsector moi desorganizado, sen capacidade de compromiso e nin tan sequera, vontade para comprometerse, instalado comodamente no curto prazo, incluso no día a día.

No pasado outono o subsector lácteo galego, e tamén podemos dicir o mesmo do español, enfrontouse a unha suba de certos comodities lácteos do mercado mundial do único xeito que soubo facelo: inmerso no máis absoluto confusionismo, desorganización, engano e “subasteo” constante. Esta situación xerou un escenario certamente excepcional, no que, por primeira vez, a captación de leite polos operadores oportunistas marcaba os prezos a toda a produción e empuxaban á suba os prezos ao consumo, sen que preocuparan os efectos sobre a demanda de derivados lácteos. A industria láctea non soubo, e nin tan sequera quixo, compartir unha situación transitoria coas cooperativas e produtores, pasando a inicios do presente ano 2008 a realizar un axuste inicialmente lóxico con características de converterse en desproporcionado pero, iso si, novamente dun xeito completamente desorganizado e confuso. ¿Cal é a razón para que todo un subsector agroalimentario como o lácteo non saiba o prezo dun produto que xa leva días entregado para transformar e comercializar?. Só cabe unha resposta: a completa desorganización do mesmo por falta de interese e capacidade de compromiso de case todos.

Ante a crise global dos mercados agroalimentarios, os gobernos deben ocuparse e preocuparse máis da soberanía alimentaria da poboación protexendo a produción de alimentos. Os gobernos non poden fixar como único obxectivo económico o control da inflación e a vixilancia da suba da cesta dos alimentos. Sen lugar a dúbidas, cremos que nas enormes fluctuacións dos mercados alimentarios e dos prezos ao consumidor, os gobernos deberán extremar a vixilancia das marxes comerciais dos distribuidores, principais e poderosísimos intermediarios situados entre os produtores e os consumidores. Hoxe, cinco ou seis grandes centrais de compras de distribución deciden qué marcas e produtos comemos máis do 50% da poboación, xa que é aí onde facemos habitualmente a compra. Urxe que nos organicemos todos os subsectores alimentarios e fagamos de inmediato unha labor didáctica, explicando a importancia dun sector agrario e gandeiro forte e organizado cara un consumidor confundido e preocupado polo custe dos alimentos. Temos que transmitirlle aos consumidores o enorme esforzo que facemos na seguridade alimentaria, na conservación do espazo rural, na conservación dos sabores tradicionais e da cultura ligados aos mesmos e na conservación e mellora do medioambiente, entre outros.

martes, 1 de abril de 2008

AGACA cumpre XX anos

Xa o apunta o dito: volver a vista atrás só para coller impulso. Todos os esforzos que está a desenvolver AGACA, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, van orientados de cara ao futuro, ao desenvolvemento dun cooperativismo agrario innovador, actualizado, fresco, con iniciativa…un cooperativismo que se sitúe como eixo de referencia. Por iso non adoita a mirar para atrás, ao pasado, senón de cara a adiante. Somos partidarios de mirar ao futuro, aínda que nesta ocasión procede mirar para atrás e avaliar o conseguido. Este ano 2008 AGACA cumpre 20 anos. É unha entidade aínda nova, aínda con moitas esperanzas e propostas de futuro pero xa cun bagaxe propio, cunha mochila cargada de experiencias.
O 12 de febreiro de 1988 un grupo de directivos de cooperativas, a maioría agricultores e gandeiros, celebran a Asemblea Constituínte de AGACA. Atrás quedan xa numerosas reunións entre promotores e impulsores da idea coa finalidade de definir obxectivos, sumar vontades, coñecerse e coñecer as potencialidades das cooperativas, evitar suspicacias, unir esforzos e limar diferenzas. Once cooperativas de viño, horta, flor, leite, abastecementos e servizos son as que, previo acordo dos seus Consellos Reitores, deciden emprender o camiño. Páctase o obxecto social de AGACA: representar e defender os intereses comúns do movemento cooperativo agrario de Galicia de todos os sectores e actividades, así como o fomento e promoción do cooperativismo agrario, para o que prestaría todo tipo de servizos técnicos e especializados que as cooperativas poidan necesitar.
Pasaron 20 anos e nada hai que cambiar do obxecto social da Unión. Unha boa mostra do pleno acerto que os cooperativistas constituíntes tiveron é a plena actualidade desa visión sobre a organización que creaban.
AGACA nace coa vontade de representar, defender e dar o soporte necesario ás entidades socias, nun intre en que os efectos da incorporación do noso campo á Unión Europea comezaban a pasar factura a un agro cada vez máis empobrecido e avellentado. A pesar dos múltiples avatares empresariais, políticos e sociais, o cooperativismo consolida o seu valor fundamental como redistribuidor do valor engadido e dos recursos xerados na actividade agraria, así como unha eficaz ferramenta de carácter social. Pasado o reto da incorporación á Unión Europea, atopámonos en plena inmersión no mercado global que volve a obrigarnos a un maior esforzo cooperativo. Neste contexto, as cooperativas están obrigadas a captar o valor engadido xerado nos procesos de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios vinculando a produción directamente ao consumo, ante un consumidor esixente en prezos, calidades e seguridade alimentaria.
Cómpre seguir mirando ao futuro, adiantarnos á demanda e acadar novos retos, Farémolo xuntos e festexarémolo xuntos. Para nós, este é ano de conmemorar. Estamos de aniversario e como todo aniversario, merece unha celebración e habémola de facer.
Estades convidados.

martes, 25 de marzo de 2008

AGACA declárase en contra de que a Industria fixe unilateralmente os prezos e condicións do mercado lácteo e demanda un entendemento plural no sector

Na reunión da Mesa do Leite, na que xunto aos Sindicatos, Industria e Administración, tamén estará presente AGACA como a organización representativa do cooperativismo agrario de Galicia, a Asociación porá de manifesto a súa postura contraria ao feito de que os prezos e condicións do mercado lácteo sexan fixados unilateralmente pola Industria, circunstancia que provoca situacións de desigualdade, inxustiza e un forte debilitamento económico de multitude de produtores de leite.

As cooperativas optamos por un entendemento no sector que promova a estabilización do mesmo, dos mercados e do consumo, obxectivos aos que contribúen medidas como o emprego de contratos homologados que, dende o cooperativismo, apoiamos e potenciamos.

Para lograr unha axeitada implantación dos contratos homologados é preciso que todos os que integramos o sector realicemos unha labor pedagóxica, a través da que tanto as Cooperativas como a Industria e os Produtores, sexamos capaces de explicar a todos os operadores a vantaxe de operar a longo prazo, atenuando ao mesmo tempo, a situación de preponderancia dunha parte sobre as outras.

Dende AGACA apoiaremos aquelas iniciativas que contribúan á consolidación dun sector profesionalizado como é o caso do recibo do leite ou o Observatorio Lácteo e solicitamos da Industria un tratamento e relación profesional coas cooperativas e produtores.

lunes, 7 de enero de 2008

Voces intencionadas pretenden relacionar a subida do prezo dos cereais cun excesivo incremento nos prezos finais ao consumidor

Ante as múltiples noticias e comentarios alarmantes que se están a producir ultimamente por causa da subida dos cereais e as consecuencias deste incremento no consumidor, ofrecendo unha visión distorsionada e incluso manipulada da realidade na que o principal prexudicado está a ser o agricultor/gandeiro, as cooperativas agrarias consideramos pertinente aclarar cal é a orixe da actual situación e de como está a afectar, en realidade, aos agricultores e consumidores.

A modo de aclaración, un exemplo ben sinxelo: un hipotético incremento do trigo panadeiro do 40% supón 0,1 €/kg de trigo. Se temos en conta que cun quilo de trigo prodúcense 5 barras de pan, o efecto sería de 2 céntimos de € por barra, unha cifra moi distante da que se está anunciando ante os medios de comunicación.

Outro dos argumentos que se está a empregar ata a saciedade como causa fundamental da situación actual é o emprego de cereais e oleaxinosas para a produción de biocombustibles. Esta circunstancia estase a producir, pero as cantidades manexadas non permiten considerala unha causa principal, pode considerarse un elemento adicional pero, se temos en conta que na UE la produción total de cereais ascendeu a 280 millóns de T en 2006 e o consumo de biocombustibles apenas alcanzou os tres millóns, a conclusión é que o emprego de cereais para este destino representa unicamente o 1%.

Con estes exemplos preténdese aclarar que se están a aproveitar determinadas circunstancias do mercado internacional para aplicar unhas subidas de prezos excesivas e innecesarias, en determinados sectores, que afectan directamente ao consumidor, colocando ao agricultor e ao gandeiro como mampara e escusa de decisións partidistas e particulares nas que en absoluto, intervén este colectivo.

Na nosa Comunidade Autónoma, basicamente consumidora de cereal, estamos a ver como os denominados “gandeiros sen terra”, produtores de porcino, polos de engorde ou coellos están a sufrir o incremento dos prezos dos cereais chegando a límites difíciles de soportar. Se temos en conta que os cereais supoñen arredor do 75% do custe da alimentación deste gando e que os pensos subiron nun 40%, queda patente a dificultade de moitas granxas galegas para poder sobrevivir. Unha subida dos cereais como a que se está a producir deberá favorecer, por supervivencia, un incremento nos custes do prezo destas carnes.

É real a subida no prezo dos cereais pero as consecuencias son diferentes para o consumidor e para o gandeiro, este dobremente prexudicado: polo incremento que está a percibir na materia prima e pola campaña negativa intencionada que se está a facer sobre a súa imaxe mediante a traslación dunha influenza directa entre esta subida e un incremento desproporcionado e irreal no prezo final ao consumidor nos que dita subida non está xustificada, por irresponsable, en detrimento da urxente situación denunciada polos gandeiros.

Os factores que teñen derivado na subida do prezo do cereal son varios e veñen marcados por múltiples circunstancias, a nivel mundial, como o incremento da demanda, a redución da oferta e, sobre todo, a causa principal desta situación, polas erráticas e continuas decisións tomadas no ámbito da PAC, a Política Agraria Comunitaria.

Incremento da demanda

Se observamos os índices de demanda de materias primas no continente asiático, nas últimas campañas, detectamos un incremento sostido da demanda de cereais, sobre todo en China e India, lugares nos que as granxas de porcino e de aves están a manifestar un alto crecemento, co que esto implica en canto á necesidade de consumir máis materias primas. Estas circunstancias xa xustifican un incremento nos prezos dos cereais, tendo en conta a globalización dos mercados e a conseguinte influenza exercida na oferta e demanda no resto do Planeta.

Redución da oferta e a PAC

Ademais do aumento da demanda de materias primas en Asia, constátase unha redución da produción no Este de Europa e no hemisferio Sur, froito dunha climatoloxía adversa e sobre todo, da aplicación da PAC (Política Agraria Común), obsesionada coa xestión dos excedentes dos anos oitenta e cos custes derivados da aplicación dos instrumentos de regulación de mercado.

O obxectivo primeiro desta política era a contención da produción comunitaria, elemento que aínda continúa en vigor nalgúns sectores, como é o leiteiro, coa aplicación das cotas lácteas, que limitan a produción dos gandeiros co perigo de aplicación de multas en caso de exceso de produción. Un perigo que en Galicia temos moi presente xa que, segundo o informe de produción do FEGA do mes de xullo, a produción de leite na campaña actual é menor que na campaña 2006/2007 excepto no caso de Galicia, onde aumentou. En caso de supertaxa, pasarse supón, para o gandeiro, pagar 27,83 € por cada 100 litros.

Aínda que a UE propón abrir un debate a finais de ano sobre a desaparición das cotas lácteas mediante o incremento de cota ou a redución da supertaxa, en principio, non se adoptará ningunha destas medidas antes do 2015 aínda que se produza unha falta de leite, circunstancia que parece que xa está acontecendo a nivel mundial coa falta de reservas de leite en po e manteiga.
Por outro lado, o desacoplamento das axudas, aprobado na última reforma da PAC, supuxo o abandono da política de prezos por unha política de rendas que ademais de desincentivar a produción, implantaba a retirada obrigatoria de superficies de cultivo para poder percibir os pagos compensatorios. Estas e outras circunstancias aumentaron os custes adicionais e contribuíron ao abandono por parte de moitos produtores que non se viu reforzado polo relevo xeracional. Como exemplo, en España, dende 1986, desapareceron 172.000 explotacións leiteiras.
Esta política, centrada na contención da produción e na liberalización dos mercados, deixou aos produtores e consumidores á disposición destes mercados, abandonando unha práctica fundamental, a garantía de abastecemento.
Ademais do incremento da demanda e da redución da oferta hai que destacar o aumento dos prezos nos principais inputs agrarios, o que se traduce no aumento dos custes de produción. Reiterar, neste senso, os efectos derivados do incremento do prezo do petróleo, e en consecuencia, dos carburantes, fertilizantes, plásticos…
Momento de actuar
As cooperativas agrarias consideramos que é o momento de revisar as decisións adoptadas e estudar a conveniencia de reorientar a PAC de cara a contemplación das novas necesidades mundiais, xa que a política seguida ata o de agora, de contención de produción e liberalización de mercados, deixou de lado unha práctica fundamental, a garantía de abastecemento.
Cómpre unha maior atención, unhas políticas máis coidadosas e eficientes co contorno agrario, base de moitas economías, tanto galegas como do resto do Planeta que permitan o desenvolvemento dunha agricultura consecuente, previsora e con capacidade de manobra, inmune as continuas oscilacións políticas e atenta ás necesidades dos produtores e dos consumidores, castigando as manobras interesadas que favorecen a uns poucos intermediarios en detrimento da imaxe do agricultor e do gandeiro.
O que está a pasar recorda ao conto de Pedro e o Lobo, estase a prestar máis atención ás voces que berran intencionadamente un innecesario, un desfasado aumento no prezo de certos produtos, provocando unha alarma inexistente e irresponsable a costa de non asumir a realidade noutros verdadeiramente necesarios e manchar a imaxe dos principais prexudicados: os gandeiros/ agricultores.
É responsabilidade de todos nós cambiarlle o final ao conto.


Para máis información contactar con Higinio Mougán, director -xerente de AGACA no tfno: 981 584783 ou 609 052510.