viernes, 6 de agosto de 2010

A comercialización das cooperativas a debate

Xa no final desta primeira década do século XXI e inmersos nunha dura crise económica, as cooperativas agroalimentarias afánanse no deseño de novas estratexias de comercialización. Vivimos sometidos a fortes tensións provocadas pola globalización mundial fronte á deslocalización, pola falta de definición da Política Agraria Comunitaria (PAC), condicionados pola conservación do medioambiente fronte ao desenvolvemento do medio rural, pola alta concentración da demanda e unha endémica atomización da oferta, coa necesidade de equilibrar o valor da produción agraria fronte ao proceso industrializador e ante a gran distribución agroalimentaria, que fixa as marxes comerciais quedándose coa súa maior parte.

Neste contorno convulso as empresas enfróntanse a enormes retos. O primeiro é a redución do consumo familiar, polo aumento do paro e a falta de confianza do consumidor. O segundo, son os prazos e os problemas de cobro aos que se enfronta a cooperativa, difíciles de abordar nun sector onde os ciclos de produción son moi longos (fase agrícola ou gandeira, industrial e comercial con stocks) e aos que se unen os problemas de cobro polas rebaixas dos límites de riscos que aplican as compañías aseguradoras. Finalmente, enfrontámonos a outro reto enorme: os prezos moi baixos, tanto agrícolas como gandeiros, algúns ao mesmo nivel que hai 30 anos.

Neste intre de dificultades somos máis conscientes de que os clientes das cooperativas están en procesos de concentración en empresas de tamaño monstruoso. Pero tamén o están os nosos principais provedores de adubos, sementes, carburantes... e sobre todo, presenciamos a enorme concentración dos nosos competidores internacionais. Basta con saber que unha soa cooperativa concentra a industrialización e comercialización da maior parte do leite de que se produce en Dinamarca e Suecia. Un proxecto de concentración semellante no noso contorno é impensable en termos políticos, sociais e empresariais. Porén, debemos traballar nese obxectivo.

Ante este contorno comercial caben varias estratexias: o control ou redución dos custes, a diversificación de actividades, as alianzas para acadar tamaño, o peche de ciclos produtivos (produción, industrialización, consumo), o investimento en I+D+I e a apertura de tendas. A verticalización da cadea prolongándose dende os produtos dos agricultores e gandeiros ata os consumidores é clave para deixar todo o valor engadido na cooperativa e nos socios, e ofrecer ao mercado produtos innovadores e diferenciados. Por outra banda, imponse a necesidade de integrar cooperativas en proxectos viables coa finalidade de concentrar oferta e reducir custes. En definitiva, gañar tamaño.

Pola nosa experiencia, consideramos que a integración e/ou fusión de cooperativas é o medio máis eficaz e barato. Si, hai que facer esforzos para superar os conflitos persoais, os medos e as diferenzas de cultura, pero a integración xera sinerxías de mercado e presenza nel, aforro en compras e economías de escala para implantar tecnoloxías, masa crítica para especializar persoal e realizar políticas de xestión de recursos humanos acordes cos tempos actuais, e poñer coñecementos en común. Dende AGACA seguimos apostando pola formación e fomento do espírito da cooperación, tanto dos directivos das empresas coma dos seus socios e agardando a que o contorno político e social acabe abrindo as mentes a esta realidade e nos apoie con decisión.