miércoles, 28 de diciembre de 2011

Unha resposta diferente

Unha resposta diferente

Hai tres anos, decembro do 2008, nestas mesmas páxinas de Cooperación Galega, emitimos a voz de alarma sobre a crise que se aveciñaba no mundo económico e social en xeral, e que xa se intuía no eido agroalimentario. Adiantabamos a posibilidade de caída xeral dos prezos agrarios, auténtico desastre en 2009 e 2010; a importancia de ter pensada a prosperidade da cooperativa a medio/longo prazo; a necesidade de gañar competitividade; de aumentar en eficiencia; de ser máis áxiles... Rematabamos destacando a enorme importancia de dispoñer de talento e do persoal máis cualificado e mellor formado posible e faciamos unha chamada a incrementar o tamaño empresarial das cooperativas.

Hoxe cremos que dende o cooperativismo debemos impulsar unha resposta diferente á dada ata o de agora, como consecuencia dos cambios producidos no mundo e no mercado. O gran número de empresas cooperativas que existe fai que teñan un tamaño demasiado pequeno cunha resposta insuficiente en relación ós interlocutores comerciais cos que temos que negociar. A sempre magnífica resposta local que sempre deron as cooperativas forma parte xa do pasado. Estamos ante mercados globais, onde o local queda nun segundo termo, se é que queda. Hai que fusionar ou concentrar cooperativas que permitan acadar unha masa crítica mínima para optimizar a produtividade das mesmas. Se non se fai unha fusión xurídica, polo menos si a empresarial. Son necesarios líderes que crean na idea e que fixen plans de cara ó longo prazo.

Se non damos pasos nesta dirección,gra a tendencia das pequenas cooperativas é a desaparición, porque non son capaces de dar resposta ó mercado. Tamén podemos agrupar cooperativas que traballen en diferentes mercados con estratexias comúns, como xa se está a facer nalgunhas partes do mundo. Temos a obriga de mellorar a produtividade mediante a modificación e mellora dos modelos organizativos das empresas e ser máis competitivos. Se algo está demostrando esta crise é que o tecido empresarial diminúe e as empresas de pequena dimensión (máis áxiles e de máis rápida adaptación ós cambios) tamén están a desaparecer xerando un enorme desemprego.

A crise está forzando ós directivos e xestores a facer unha reflexión sobre a capacidade competitiva das cooperativas. Posiblemente esta reflexión de cara a gañar competitividade debe axudar a abordar o inxente número de cooperativas agrarias que temos en Galicia dedicándose á mesma actividade e no mesmo mercado. En 2005, Dinamarca tiña 14 cooperativas cunha media de case 6.000 socios, 2.500 empregados, e 1.350 millóns de euros de facturación anual por cooperativa. Con estas dimensións e estruturas empresariais as cooperativas danesas poden competir en calquera tipo de mercados. Situación semellante á danesa vívese noutros países da UE. Segundo datos do ano 2005, Suecia só ten 34 cooperativas de gran tamaño, Holanda 44, Finlandia 48, Irlanda 99... As cooperativas galegas estamos moi lonxe destes estándares de dimensión e de competitividade

A cooperativa agraria ten que estruturarse e organizarse ata permitir e facilitar que o agricultor aumente realmente o seu peso e poder negociación na cadea alimentaria, mediante empresas eficaces con dimensión relevante. Detrás dunha cooperativa eficiente hai unha garantía de que a produción se planifica con axuste á demanda (tanto en calidade coma en cantidade), que concentra a oferta e a comercialización da produción dos seus socios, e que presta asistencia técnica ós mesmos. Son empresas que asumen responsabilidades económicas confiadas polos socios, e xogando un papel clave na comercialización das produción dos mesmos. Pero, a dura crise que padecemos non agarda a que nos acomodemos ou mentalicemos socio a socio, directivo a directivo. Urxen acordos e pactos empresariais entre cooperativas semellantes que traballan en mercados semellantes para facerse un oco nos mesmos.