jueves, 3 de noviembre de 2011

Unha proposta chea de contradicións

Presentouse a proposta lexislativa da Comisión da UE para a Reforma da Política Agraria Común (PAC) que deberá ser aprobada no 2012, ou inicios do 2013, para ser aplicada dende o 2014 ata o 2020. Sen lugar a dúbidas, estamos ante un dos documentos clave que predeterminará aspectos fundamentais para o desenvolvemento do noso agro a medio prazo. ¿Que se fixo mal para que, coa Reforma da PAC do ano 2003, teñamos a día de hoxe a mesma renda que no ano 1995?. Todas as análises coinciden en que a clave está na existencia dun grave desequilibrio na cadea agroalimentaria debido a unha atomizada oferta, a concentración da gran distribución alimentaria, á globalización dos mercados e á desaparición das ferramentas de regulación dos mercados na PAC.

Segundo a Comisión, a proposta trata de reequilibrar a cadea agroalimentaria, reducir o impacto da volatilidade dos mesmos, ser máis sensible cos pequenos produtores reforzando aos que están en activo, e preservando o medio ambiente. Para iso, propón potenciar as Organizacións de Produtores (OPs), Organizacións Interprofesionais (OIAs), eximindo a ambos da aplicación do dereito da competencia baixo certas condicións. Manteñen as ferramentas de regulación de mercados actuais incorporando a posibilidade de xestión da oferta ás OPs e outras pequenas variacións. Tras a lectura da proposta, a realidade dinos que non estamos ante unha proposta decidida a favor da concentración da oferta ao non esixir ás OPs a comercialización conxunta. Se non hai comercialización conxunta, ¿como se pode concentrar a oferta? De ningún xeito.

A flexibilidade nos criterios de recoñecemento das OPs podería provocar o efecto contrario á concentración en cooperativas que se estaba levando a cabo, freando os procesos de integración e concentración da oferta. A proposta xera unha enorme confusión entre OPs e OIAs, tanto na súa composición como nas súas atribucións. E, ademais, na práctica, tanto as OPs como as OIAs, non quedan eximidas da aplicación do dereito da competencia.

Necesitamos unha definición clara dos criterios de recoñecemento das OPs, de xeito que sexan empresas formadas, controladas por e á iniciativa dos agricultores, con estrutura suficiente e dimensión relevante en función do mercado no que operan, e que realicen a comercialización conxunta. Necesitamos que as OIAs non se dediquen á comercialización, pero orienten a súa función a mellorar a transparencia e funcionamento da cadea agroalimentaria complementando a actuación das OPs.

Estimado lector, unha vez feita pública a proposta de normativa da PAC 2014/2020, a discusión de moitos dos nosos representantes políticos, organizacións sectoriais, e analistas económicos será se España, ou Galicia, gañará ou perderá axudas, ou cómo nos afecta aos agricultores galegos a escasa superficie agraria útil que dispoñemos, ou qué debemos entender por agricultor activo, ou... Sexamos sinceros, ¿de qué nos serven máis axudas directas aos agricultores se non se posibilita a organización e estruturación empresarial dos mesmos para evitar que a industria e a distribución sigan a baixar os prezos e as rendas dos produtores a retroceder? ¿Cando seremos conscientes de que vale máis un sector produtor ben organizado e estruturado que reequilibre o poder da distribución de alimentos, que cobrar uns euros a maiores de axuda PAC que inmediatamente descontará do prezo a industria?. Nos vindeiros meses discutirase o futuro da PAC, e só se logramos concentrar, organizar e dimensionar aos produtores agrarios no mercado poderemos facer fronte á globalización e volatilidade do mesmo que actualmente está a quedarse coa renda agraria. Cómo reequilibrar a cadea agroalimentaria é o auténtico debate.