viernes, 9 de enero de 2015

Valor engadido

O Valor Engadido é a diferenza entre o que os compradores/clientes pagan por un ben ou servizo e o que custan os recursos necesarios para producilo: basicamente é a suma dos salarios, beneficio empresarial e impostos pagados.

Un sector agrario que xera moito valor engadido é un sector avanzado en tecnoloxía e capital humano. Necesitamos que a economía do noso agro sexa dinámica, equilibrada e progresiva, tecnoloxicamente avanzada, baseada no capital humano, innovadora e que fomente a investigación e o desenvolvemento permitíndonos gañar a carreira da competitividade.

É de interese para o agro galego e as cooperativas ter bos produtos primarios (leite, carne, horta, etc.), pero o maior reto é o valor engadido que podemos xerar cos mesmos.

Se lles damos valor engadido aos produtores a través das cooperativas, podemos ter a oportunidade de mellorar os prezos, xa que vender leite cru e animais vivos nunca vai estar ben recompensado.

Necesitamos o impulso das administración para abordar eficientemente a transformación dos principais produtos do noso agro, como xa se está a facer —con moito acerto empresarial— no sector vitivinícola galego. Galicia necesita xerar condicións que incentiven a toma de decisións para executar emprendementos con investimento público/ privado ou cooperativo, reinvestindo os recursos xerados polo sector primario, posibilitando que o capital da terra sexa mellor aproveitado e multiplicando varias veces o valor da produción primaria antes de que saia da nosa Autonomía de cara á distribución e ao consumo.

Calquera transformación en orixe xera movementos na economía, rendas e postos de traballo. Por tanto, xorde a necesidade de deseñar estratexias de integración de innovacións tecnolóxicas na transformación dos produtos agroalimentarios que melloren a realidade actual.

Temos que deixar de ser espectadores, pasar a ser protagonistas dos cambios que debemos impulsar e debater, e elaborar proxectos concretos que se transformen en produtos de maior valor
engadido. Isto require participación e alto compromiso social e tamén empresarial das nosas cooperativas.

A realidade é que a cadea agroalimentaria galega ten que crecer en produtividade, valor agregado e sustentabilidade. É necesario medrar en procesos de industrialización con calidade e trazabilidade, identificando a orixe, pero sempre, baixo estruturas empresariais manexadas dende Galicia.

Hoxe existen exemplos de éxito de grandes complexos agroindustriais —o máis salientable é Coren—, pero tamén é real que o groso da produción láctea galega está constituído por leite líquido (cru ou envasado), case unha “commodity”, polo que necesitamos que ningún produto primario viaxe fóra de Galicia sen recibir o axeitado incremento de valor.

A produción agrogandeira é un negocio que deixa un valor económico clave para moitas comarcas rurais galegas, pero necesitamos algo máis: que os beneficios non os leven as multinacionais que transforman esa materia prima, que lles engaden valor aos alimentos producidos noutros países e usan os galegos como reguladores neste mercado alimentario volátil e global que nos toca vivir.

Con orzamento, planificación e consenso deberiamos chegar, a medio prazo, a un cambio do modelo produtivo, especialmente no lácteo, baseado na innovación, a investigación e o desenvolvemento empresarial para xerar máis valor engadido.



lunes, 9 de junio de 2014

Impulso ao emprego


Segundo a estatística oficial do Estado, á cabeza de todas as ocupacións que están a xerar emprego sitúanse a agricultura, a gandería e a caza. O sector primario consolídase como o que mellor resistiu a crise, dado que apenas perdeu un 7% dos seus afiliados dende 2008. O agro é a reserva económica e social que acolle aos expulsados doutros sectores, e por iso tamén recupera traballadores, mesmo nos inicios do ano 2014. Segundo as estatísticas, a industria da alimentación tamén arrancou 2014 con forza e sitúase á cabeza do sector manufactureiro, por volume de contratación neto.

En Galicia atopamos varios eidos agrarios e gandeiros onde emprender é posible. Neste número de Cooperación Galega quixemos recoller algúns dos mesmos. Xa falamos meses atrás das amplas posibilidades de futuro que os organismos oficiais auguran á produción de carne de vacún, que no caso galego pode acollerse a potente marca de ampla implantación no mercado: “I.X.P. Ternera Gallega”. Pero, non só os sectores gandeiros teñen percorrido. A horta galega é cada día máis demandada polos nosos consumidores e tamén é apreciada nos meses de verán noutros mercados de fóra:  as froitas autóctonas, a produción ecolóxica, a transformación tradicional agroalimentaria…

Ben é certo que ao medio rural non pode achegarse ningún emprendedor con pretensión de facer negocio rápido, de dar “pelotazos” coma nos tempos da especulación inmobiliaria. Pola propia natureza das producións agrarias e gandeiras, necesítase que o tempo pase para que a colleita chegue; ás veces, con sobresaltos e perdas xeradas polo clima, polas enfermidades e pragas, polos elementos alleos aos que se expoñen sempre, agricultores e gandeiros. Pero, con sobresaltos e atrancos, se algo poden confesar é a enorme satisfacción que xera ver medrar un animal, ver como nace e crece un cultivo, … en definitiva, ver o enorme potencial da natureza agraria e gandeira de Galicia.

Neste retorno ao campo, pasa a xogar un papel clave a organización da produción para dar servizo de produto en calidade e cantidade pactada cos clientes: hai que evitar os rexeitamentos por problemas de calidade, e procurar cumprir os compromisos de entrega de produtos demandados polos clientes, evitando faltas puntuais de volume necesario. Pero, tamén é fundamental a organización da produción para prestar servizos aos produtores, para comercializar os produtos e para que sexan o máis eficientes posibles producindo nas súas explotacións agrarias, recibindo formación, asesoramento e consellos prácticos. E nesta función ningunha organización se adapta mellor aos emprendedores coma unha cooperativa. A cooperativa posibilita aos novos emprendedores sentirse arroupados e acollidos na nova actividade en de igualdade. Fai sentir aos emprendedores acollidos, que forman parte dun novo clan, dun novo clube onde poden sentirse identificados e arroupados.

As cooperativas ofrecemos valores á nova sociedade que está a xurdir desta crise. Valores demandados por uns consumidores cada vez máis reflexivos, conscientes e responsables no seu acto de consumo. A sociedade sabe que as cooperativas desenvolven un control democrático da actividade e que todos os anos renden contas da xestión feita. Que hai unha participación económica na actividade en función do esforzo individual de cada socio nun marco solidario e de apoio mutuo. Que a educación, a promoción e a formación forman parte do seu xeito de estar na sociedade. Que moitas cooperativas están comprometidas coa comunidade, sendo o sustento de tradicións, manifestacións culturais, do patrimonio social do seu contorno... Por iso, a cooperativa é a organización clave para o apoio aos emprendedores rurais.

lunes, 31 de marzo de 2014

Consumo, cooperativismo e calidade


 
Hai 30 anos, os produtos das cooperativas agrarias no mercado non eran valorados polos consumidores como produtos de calidade. As cooperativas arrastraban imaxe de teren un produto pouco renovado ou anticuado, de seren entidades falsamente protexidas nun mercado moi intervido polo Estado. Isto provocaba que estiveran distanciadas dos intereses dos seus socios, e por ende, moi criticadas polos mesmos, con hábitos de xestión pouco acordes cos novos movementos sociais da incipiente democracia e con prácticas de xestión pouco transparentes que proviñan de períodos predemocráticos.

Moitos agricultores e gandeiros xa comprendían daquela a necesidade de transformar e comercializar os produtos dos seus socios para captar valor dos mercados e distribuílo entre os mesmos. Pero, precisamente pola mala imaxe das cooperativas cara ao mercado e mesmo cara aos socios, houbo nesa época unha enorme proliferación de sociedades agrarias de transformación (SATs), asociacións ou mesmo sociedades limitadas con reparto igualitario das participacións societarias, sociedades anónimas, etc. Daquela, sacar unha marca dun alimento calquera e resaltar o nome cooperativo era pouco comercial, xeraba mala imaxe para o produto e restaba valor de mercado aos alimentos a vender.

Pouco ou nada queda daquel cooperativismo nado no anterior réxime. A entrada na Unión Europea, a liberación e desprotección dos mercados agroalimentarios, a competencia feroz polo beneplácito dos consumidores, a profesionalización e modernización da xestión, mesmo a globalización que nos empurra cara á crecente internalización das empresas fixo que as cooperativas que sobreviviron ou naceron mudaran co mercado e coas esixencias do consumidor. Neste intre, moitas cooperativas usan e destacan o seu xeito de organización cooperativo coma un valor positivo para captar o interese e a aprobación dos seus clientes e consumidores.

Un alimento transformado e comercializado por unha cooperativa é produto “veciño como os de quilómetro cero, próximo, fresco por ser próximo, con orixe garantida”; pero, en xeral, con marca pouco coñecida polos consumidores. Por iso, cremos que algunhas tendas de distribución poden chegar a usar “stopper” ou banderolas coa finalidade de identificar o produto cooperativo no lineal, para que o consumidor atope o produto na zona da tenda onde habitualmente se dirixe a buscalo. Sabemos que están moi ben valorados por parte do consumidor produtos cooperativos nos que a rexión de orixe ten fama, como as laranxas de Valencia, o leite de Galicia, o aceite de Andalucía, a carne de Galicia, ...

Queda moito camiño por percorrer neste campo da promoción dos produtos cooperativos de cara ao consumidor e no punto de venda. Pero, é un camiño que as cooperativas deberían facer unidas baixo criterios de complementariedade e sinerxías de esforzos, tratando de trasladar os valores sociais e mesmo esenciais do propio cooperativismo (a ligazón co produtor, a trazabilidade do produto, a reversión do beneficio no agricultor e na sociedade rural, o funcionamento democrático, a solidariedade,...). Pero, sempre tendo presente que o consumidor nos vai esixir unha calidade, unhas garantías, unha solvencia empresarial que avalen ó produto que merca para consumo propio ou da súa familia.

Temos que esforzarnos en dar a coñecer os produtos que comercializan as cooperativas mediante campañas de promoción cara o consumidor e na distribución. Por iso é importante impulsar a presenza en feiras e eventos de tipo comercial trasladando o papel social importante que desenvolven as cooperativas. Comprometémonos a impulsar sinerxías entre as empresas evitando localismos e protagonismos excluíntes, e animando a mentalización de cara a colaboración entre todos nesta inxente tarefa de reconquista dos mercados.
Editorial Cooperación Galega, nº 117 Marzo 2014

lunes, 30 de diciembre de 2013

Non esquezamos ao vacún de carne


As organizacións, as institucións e as persoas tendemos a centrarnos naquelo que reclama a nosa atención no cotián empurrando á nosa memoria, a esquecer aqueloutras que non están no quefacer diario. Ven isto a conto da importancia que historicamente tivo para Galicia, o vacún de carne.

Hai máis de medio século, Galicia xa tiña longa experiencia cooperativa na comercialización dos xatos vivos das explotacións dos seus socios mediante o tren (dispoñendo incluso de fincas propias en Castela para alimentar o gando na súa viaxe de varios días de cara ao Centro e ao Levante), ou mediante vía marítima (chegando a realizarse exportacións de animais vivos a Gran Bretaña, entre outros lugares).

Un fito histórico para o vacún de carne foi a posta en marcha da IXP Ternera Gallega, a finais dos anos oitenta, unha marca de calidade que viña a restaurar e recuperar, para o agro, a imaxe dun sector renovado e punteiro que ofrece e garante calidade ao consumidor final. Chegamos á IXP despois de que moitos gandeiros de vacún de carne abandonaran —nos anos sesenta e setenta—, este subsector por unha produción láctea máis rendible e competitiva. Na súa gran maioría, as explotacións lácteas naceron como consecuencia da transformación de explotacións de vacún de carne en explotacións de leite; incluso durante moitos anos, compartindo ambas dedicacións.

Os estudos oficiais sobre as tendencias da demanda dos alimentos aseguran que en Europa e no resto do mundo hai unha demanda crecente de carne de vacún a cubrir. De confirmarse esta previsión, parece axeitado que os gandeiros galegos, as súas organizacións, industrias, cooperativas e institucións públicas impulsemos máis esta produción. Nesta tarefa, os gandeiros de leite teñen un importante papel realizando, sempre que poidan, cruce industrial con razas de aptitude cárnica contempladas na IXP Ternera Gallega e impulsando a comercialización organizada dos xatos mediante as cooperativas (tanto de cara a cebadeiros, coma de cara ao matadoiro, segundo sexa o caso). Non parece lóxico que os gandeiros de vacún de leite viren as costas a este sector realizando cruces con razas non contempladas no Regulamento da IXP.  

Non cabe dúbida de que é un esforzo moi necesario a realizar por todos; intentar que ningún produtor de vacún de carne quede sen acollerse á IXP Ternera Gallega por estar “protexido” por un único cliente para o seu gando. Pero iso, tamén é labor das cooperativas de vacún de leite que deberían reincorporar e prestar servizos cooperativos aos gandeiros que abandonaron a produción láctea. As cooperativas necesitan repensar e redefinir servizos para estes novos gandeiros de vacún, organizar a produción e a comercialización para buscar os máximos rendementos posibles das explotacións, asesorando ás mesmas na produción de vacún de carne, facilitando xovencas e xenética axeitada, aconsellando e orientando.

Contemplando como medra, desenvolve e compite co sector lácteo galego, cometeriamos un erro enorme ao esquecer ao vacún de carne, e ás complementariedades e sinerxías que entrambos poden desenvolverse e beneficiarse.

Esquecer, esquecémonos rápido. Pero, sería grave que algún día lembremos o que puido ser e non foi, polo abandono de todos: gandeiros, cooperativas, administracións públicas...
Editorial Cooperación Galega, nº 116 Decembro 2013

lunes, 28 de octubre de 2013

Unha actitude a mellorar

No Libro Branco do Cooperativismo en Galicia maniféstase que “nos tempos de  recesión  económica,  nos  tempos de crise e reestruturacións empresariais, a tendencia das cooperativas é xustamente a contraria e rexístranse significativas cifras porcentuais de crecemento do emprego cooperativo”. Defínese  á  cooperativa  coma un modelo de empresa “anticíclico”, que navega mellor que outras formas empresariais en épocas de crise, que destaca pola súa adaptabilidade ás novas condicións económicas e sociais. É certo que, na súa gran maioría, a crise colleu ás cooperativas operando na “economía real”, tal como manifestou un destacado dirixente cooperativo galego, lonxe das economías virtuais que moveron a moitas empresas nos dez primeiros anos deste século.
Pero, temos que recoñecer que as cooperativas poderiamos facer máis nestes tempos convulsos, e non podemos dar mostras de satisfacción mentres non logremos progresar a maior ritmo, con criterios  de  máxima eficiencia,  baixo os principios de profesionalidade e rigor.  Podemos caer na soberbia, que pode converterse nunha verdadeira, destrutiva e persistente enfermidade contaxiosa entre os cadros dirixentes das nosas empresas. Nos acontecementos cooperativos dos últimos anos, vemos como a soberbia se apodera de dirixentes cooperativos, pero tamén de partidos políticos e gobernos nas súas actuacións coas cooperativas e cos seus proxectos.
A soberbia, “pecado capital”  emparellado dende tempos remotos coa ira, a gula, a luxuria, a avaricia, a preguiza e a envexa, móstrase baixo unha máscara de retórica de sinxeleza e de modestia. Non  só  é  un  “pecado  capital”   para os cristiáns, senón que nas cooperativas os soberbios amósanse coma servidores do colectivo social, pero resultan sumamente individualistas,  a veces, ata a paranoia. Hai dirixentes que descoñecen a humildade, saben pouco do respecto ós seus propios socios, ós seus propios compañeiros de responsabilidades directivas.

Vivimos tempos difíciles nos ámbitos económicos, sociais e agrarios, onde miles   de   persoas   e   de   empresas o  pasan  mal  ou  desaparecen.  Non son momentos de egocentrismo e narcisismo,    senón    de    compaixón e comprensión. Non son épocas de autoloanzas, vaidade e desprezo polos que  non  souberon/puideron   superar as  dificultades.   Pero,  tampouco  é  o intre axeitado  para  agardar sentado. Son tempos para poñerse en contacto cos dirixentes doutras cooperativas irmáns (do contorno, do sector, de valores,...), dialogar, intercambiar perspectivas  e proxectos, mirar  cómo se pode potenciar e fortalecer ás cooperativas conxuntamente, e por ende, a todos os cooperativistas socios das mesmas, a nosa razón de ser e existir.  Máis que  nunca,  necesítase xuntar forzas, compartir proxectos máis ambiciosos na transformación e comercialización de produtos agrícolas e gandeiros, medrar na cadea de valor neste intre de grandes cambios, pero tamén de oportunidades empresariais. Vivir continuamente  na borracheira de egocentrismo e narcisismo non permite avanzar e desenvolver ás cooperativas. Por iso, só con humildade,  empatía  e comprensión as cooperativas galegas podemos dar pasos de xigante e ser máis  eficientes  para  o  conxunto  dos nosos socios, agricultores e gandeiros.

martes, 20 de agosto de 2013

Cooperativismo integrador

Cando se comeza unha nova etapa tendemos a planificar corrixindo erros, se os houbo, adaptándonos á nova realidade, se é o caso, ou pensando en avanzar con sentido positivo para mellorar na fidelización e nos resultados.

Somos dos que pensamos que non se trata dunha disxuntiva, ou isto ou aquilo, senón de compaxinar as tres posibles actitudes: non todo  se fai sempre ben; a realidade cambia constantemente, e nestes tempos máis aínda; nun mundo tan competitivo, innovador e creativo, non hai outra cousa máis positiva que avanzar.

Por tanto, revisar, reflexionar e programar son tres etapas dunha mesma realidade. Pero  isto non  sae  dun  cerebro máxico senón dun esforzo colectivo, nunca é resultado dunhas eleccións estatutarias, senón, máis ben, dun equipo humano que poña moito empeño en mellorar apoiándose en todas as sinerxías e forzas que conflúen nese momento, sen esquecer a ninguén, aproveitando todas as oportunidades e fortalezas que se presenten.

Deterse ou laiarse non achega nada.

En AGACA estamos ante unha realidade nova, pero non o digo porque o equipo que conforma o Consello Reitor sexa, en parte novo, porque aínda que os que chegan novos ou con responsabilidades diferentes, deban achegar  o  mellor  de  si mesmos, tamén  sufrimos  a  perda  dos  veteranos que se foron, tres persoas entrañables, cada cal mellor, que deron o mellor de si mesmos para acadar importantes retos. Por iso, para eles o noso recoñecemento e agradecemento, pero tamén lles pedimos que sigan axudando a construír este cooperativismo que se fixa novas metas.

Os que quedamos, os que seguimos, debemos propoñernos avanzar con entusiasmo para construír un cooperativismo con vocación integradora. Temos que caer na conta de que somos moi pequenos e de que perdemos moito tempo en “reparacións” e no camiño, e analizar en profundidade que a agresividade dos mercados, o intento de monopolizar da gran distribución, a falta de creatividade que agora se di “innovación”, afóganos na monotonía conservadora de subsistencia, no mellor dos casos.

Non podemos permitir que as cooperativas que están integradas con nós perdan forza ou se debiliten arrastrando a moitos socios que tanto loitaron e tanto sacrificaron por manterse vivos.

O noso minifundismo  cooperativo  debilítanos, as nosas estruturas pesadas en proporción á nosa facturación e produción, arruínannos.

Temos exemplos claros nestes últimos tempos, exemplos claros da nosa capacidade integradora e creativa: aí está a compra de CLESA por 10 cooperativas socias, ACOLACT, que xa produce  sobremesas e derivados lácteos que poñen valor engadido ao produto dos nosos socios; tamén UCOGA, unha correduría de seguros que aínda nos seus albores xa promete optimismo  para as sete cooperativas que a constituíron e que se propón integrar inmediatamente algunhas máis; igualmente  important o  proxecto  comercial de HORTA, que xa se ve desbordado para poder subministrar produtos de máxima calidade e cumprir os compromisos adquiridos coa gran distribución que apostou por nós; agora  APROLACT, S. Coop. Galega, a OPL das cooperativas, unha Organización de Produtores constituída por nove cooperativas que reúnen unhas 360.000 toneladas de leite, pero que segue traballando en avanzar de cara a unha dimensión  supraautonómica.

En conclusión, teremos que facer un esforzo especial por integrarnos entre nós e dar pasos para integrarnos con outras cooperativas coas que coincidamos en obxectivos. Xa se ve que o tema é importante e que merece a pena dedicarlle un tempo para considerar alternativas, pero haberá que comezar a construír un ambiente favorable colaborando e integrándonos en todo o que sexa posible: comercialización, persoal téc- nico, programación, órganos de dirección, etc. Por algo se empeza, mellor dito, hai que seguir avanzando.


Axúdanos a caer na conta da importancia de facer  cooperativas  fortes,  a  nova Lei de Integración  Cooperativa  que se acaba de aprobar no Congreso, que podería ser obxecto doutro debate.

lunes, 3 de junio de 2013

Camiña ou reventa

Así de duro parece que é o futuro que nos marcan as empresas agroalimentarias. Neste intre estamos ante unha demanda interna de consumo de alimentos estancada, ou en claro retroceso nos alimentos que precisan dun maior nivel adquisitivo, polo que parece que a única alternativa que nos queda é intentar vender os nosos produtos nos mercados exteriores. Por tanto, para as cooperativas con produtos alimentarios no mercado, a exportación non é unha virtude, converteuse nunha obriga para sobrevivir. Resulta que o medio rural non só é un refuxio para momentos de crise, senón unha das principais ou a principal, baza exportadora da nosa deteriorada economía, xa que está a xerar superávits comerciais ano tras ano.

Coma sucedeu con outras melloras competitivas, achegámonos á exportación de alimentos obrigados polas circunstancias, con escasa formación, planificación, programación e recursos. Ademais, séguenos custando moito cooperar entre as propias empresas cooperativas de xeito que as sinerxías posibiliten unha redución de custes e unha potenciación e aproveitamento das oportunidades. Pero, por outra banda, as cooperativas comproban como non resulta imposible acadar maiores cotas de desenvolvemento comercial consolidando e ampliando logros en novos mercados. Cremos que é posible incrementar os produtos a exportar e os países de destino das nosas exportacións, pois dispoñemos de alimentos de calidade contrastada: produtos de horta de primor, queixos de interese para o consumidor entendido, leites especiais, meles con derivados de prestixio, viños de gran calidade e variedade, carnes de todo tipo (coello, polo, vacún e porcino).

Dende AGACA levamos anos apoiando e animando a cooperar na exportación ás cooperativas socias. Tratamos de impulsar un pequeno cambio de mentalidade nas mesmas, xa que para competir nestes novos mercados con certas garantías resulta imprescindible acadar dimensión, que podemos lograr agrupando ás cooperativas e ofrecendo calidade e trazabilidade. Hoxe os mercados exteriores poden ofrecernos unha boa diversificación do risco de operar nun único mercado, mellorar a imaxe empresarial, compensar a crise do mercado interno e continuar crecendo, a pesar da situación de crise económica na que vivimos.

Neste intre en que a xestación nas Cortes da Lei de Mellora do Funcionamento da Cadea Alimentaria parece deixar de lado a dotación de ferramentas áxiles e útiles para defender os custes de produción dos agricultores e gandeiros fronte ós grandes e poderosos oligopolios da Gran Distribución, fortemente protexidos pola Comisión Nacional da Competencia baixo unha mal entendida liberdade de mercado, poucos camiños quedan que non sexa a exportación. Ó leite, engádese a carne de polo coma produto reclamo dos supermercados, afundindo as granxas de polos nunha profunda crise que empuxa ó abandono a moitos granxeiros empobrecidos por estas prácticas. Os criadores de polos están a vender a carne ó oligopolio con perdas alarmantes, menos para os señores da Comisión Nacional da Competencia. Probablemente algún día a sociedade e os consumidores botarán de menos a estes gandeiros de polo e de leite.


Desprotexidos nos nosos mercados tradicionais ante a espiral suicida de loita de prezos da Gran Distribución que diante dos constantes reclamos comerciais ó consumidor final destrúe o valor engadido do sector agroalimentario, básico para calquera economía moderna, queda esforzarnos en vender fóra das nosas fronteiras e dar valor á produción agraria e gandeira, agrupándonos e complementándonos para ser eficientes e competitivos.