As organizacións, as institucións
e as persoas tendemos a centrarnos naquelo que reclama a nosa atención no
cotián empurrando á nosa memoria, a esquecer aqueloutras que non están no
quefacer diario. Ven isto a conto da importancia que historicamente tivo para
Galicia, o vacún de carne.
Hai máis de medio século, Galicia
xa tiña longa experiencia cooperativa na comercialización dos xatos vivos das
explotacións dos seus socios mediante o tren (dispoñendo incluso de fincas
propias en Castela para alimentar o gando na súa viaxe de varios días de cara ao
Centro e ao Levante), ou mediante vía marítima (chegando a realizarse
exportacións de animais vivos a Gran Bretaña, entre outros lugares).
Un fito histórico para o vacún de
carne foi a posta en marcha da IXP
Ternera Gallega, a finais dos anos oitenta, unha marca de calidade
que viña a restaurar e recuperar, para o agro, a imaxe dun sector renovado e
punteiro que ofrece e garante calidade ao consumidor final. Chegamos á IXP despois de que moitos gandeiros de
vacún de carne abandonaran —nos anos sesenta e setenta—, este subsector por
unha produción láctea máis rendible e competitiva. Na súa gran maioría, as
explotacións lácteas naceron como consecuencia da transformación de explotacións
de vacún de carne en explotacións de leite; incluso durante moitos anos, compartindo
ambas dedicacións.
Os estudos oficiais sobre as
tendencias da demanda dos alimentos aseguran que en Europa e no resto do mundo
hai unha demanda crecente de carne de vacún a cubrir. De confirmarse esta
previsión, parece axeitado que os gandeiros galegos, as súas organizacións,
industrias, cooperativas e institucións públicas impulsemos máis esta
produción. Nesta tarefa, os gandeiros de leite teñen un importante papel realizando,
sempre que poidan, cruce industrial con razas de aptitude cárnica contempladas
na IXP Ternera Gallega e impulsando a
comercialización organizada dos xatos mediante as cooperativas (tanto de cara a
cebadeiros, coma de cara ao matadoiro, segundo sexa o caso). Non parece lóxico
que os gandeiros de vacún de leite viren as costas a este sector realizando
cruces con razas non contempladas no Regulamento da IXP.
Non cabe dúbida de que é un
esforzo moi necesario a realizar por todos; intentar que ningún produtor de
vacún de carne quede sen acollerse á IXP
Ternera Gallega por estar “protexido” por un único cliente para o seu
gando. Pero iso, tamén é labor das cooperativas de vacún de leite que deberían
reincorporar e prestar servizos cooperativos aos gandeiros que abandonaron a
produción láctea. As cooperativas necesitan repensar e redefinir servizos para
estes novos gandeiros de vacún, organizar a produción e a comercialización para
buscar os máximos rendementos posibles das explotacións, asesorando ás mesmas
na produción de vacún de carne, facilitando xovencas e xenética axeitada, aconsellando
e orientando.
Contemplando como medra,
desenvolve e compite co sector lácteo galego, cometeriamos un erro enorme ao esquecer
ao vacún de carne, e ás complementariedades e sinerxías que entrambos poden
desenvolverse e beneficiarse.
Esquecer, esquecémonos rápido.
Pero, sería grave que algún día lembremos o que puido ser e non foi, polo abandono
de todos: gandeiros, cooperativas, administracións públicas...
Editorial Cooperación Galega, nº 116 Decembro 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario