miércoles, 1 de junio de 2011

A voltas coa PAC- Editorial revista Cooperación Galega Nº 103

Cos grandes acontecementos económicos dos últimos anos, o escenario mundial para o sector agroalimentario mudou, pois a suba dos prezos das materias primas de alimentación animal e o crecemento da demanda de alimentos debido a un maior consumo dos países emerxentes configuran un novo panorama. A volatilidade nos mercados das materias primas, animada pola especulación financeira, trouxo pánico ó desabastecemento, dados os reducidos stocks mundiais, e nalgúns países non van poder pagar os alimentos para toda a poboación. O aumento previsto da poboación mundial, xunto coas melloras económicas dos que hoxe pasan fame e están en desenvolvemento, fai que se prevea un incremento enorme da necesidade de alimentos, especialmente nos países emerxentes.

Todo apunta a que as novas necesidades de alimentos van ter que ser cubertas con maiores rendementos, máis produtividade e novas tecnoloxías e estruturas. Por iso, sendo agricultores e gandeiros parecería que non deberíamos ter medo a estes incrementos da demanda. Algunhas consecuencias desta presión xa as estamos sufrindo coa presencia dos especuladores no mercados dos cereais. Pero, un dos cambio que debe producirse é de carácter político, xa que a actual Política Agraria Común (PAC) está orientada de cara ó obxectivo de que non haxa excedentes na Unión Europea (UE). Porén, se a demanda crece, os prezos tamén deberán crecer. Por iso, debe deseñarse unha PAC que incentive a produtividade e non consolide referencias históricas de produción que non garantan as rendas aos agricultores e gandeiros.

¿Como podemos abordar o futuro?. Hai que mellorar a competitividade, as estruturas agroindustriais, que acheguen innovación, diferenciación, eficiencia e innovación. Neste contorno as cooperativas imos ter as nosas oportunidades, a pesar de que todo indica que nos enfrontamos a forte recortes presupuestarios da PAC. Non deberían desaparecer os mecanismos de regulación dos mercados agroalimentarios, por iso, máis que falar de axudas directas na PAC, deberíamos falar máis de mercado. Se as axudas son altas pero perdemos competitividade, baixarán as rendas, xa que é a demanda a que ten forza, non a oferta, e ó final as axudas son descontadas polo mercado.

Por tanto, cando falamos do futuro da PAC primeiro deberíamos estar falando de equilibrar a cadea alimentaria, concentrando a oferta, e despois das axudas, porque se nón, as vai descontar o mercado e as axudas serán para os consumidores, non para os produtores de alimentos. A redución do prezo no mercado prodúcese porque a distribución xa fixo as contas e desconta a axuda dos produtores ó consumidor. As actuais axudas non son para o agricultor senón para o consumidor, que paga menos, nos lineais, por un litro de leite que por un litro de auga. Actualmente, a práctica totalidade da renda (por encima do 80%), está configurada polo mercado, polo que é aí onde temos que actuar. A PAC debe ser coherente coa globalización e a UE non debe pechar as portas á biotecnoloxía que os seus competidores están desenvolvendo mentres que as abre a eses produtos que aquí prohibe, sen reciprocidade nas esixencias.

Por tanto, hai que reequilibrar a cadea alimentaria, xa que non se fixan os prezos en orixe senón en destino. Actualmente, os produtores non teñen forza: por iso, teñen que crecer, facerse máis fortes, máis grandes para facerse interlocutores coa mesma forza que os noso clientes. Para reequilibrar a cadea temos que pensar en cooperativas dimensionadas, que concentren a oferta e avancen na cadea. Con máis do 60% da produción final agraria en agricultores individuais é imposible defender a renda destes agricultores que entregan o produto sen prezo. As Organizacións de Produtores (OPs) deben ser empresas cunha estrutura empresarial forte, en propiedade dos agricultores.

As interprofesionais non van fixar prezos porque o dereito comunitario non o permite. O único xeito de defender os prezos é dende estruturas económicas poderosas que traten de ti a ti a demanda. Hai que axudar ós agricultores e gandeiros integrados en cooperativas porque con elas tamén defenden os prezos dos que están fóra. Por iso, a PAC debe contemplar axudas para mellorar a competitividade das nosas cooperativas dando incentivos á concentración da oferta. Algún día os nosos gandeiros, representantes sociais e políticos deberían fixarse nas fusións que están realizando as cooperativas lácteas no norte de Europa, onde xa non existen fronteiras estatais ou nacionais ó unirse líderes de países distintos para crecer en facturación, en volume, mantendo o mesmo número de socios e aumentando o emprego debido á internacionalización. Os gandeiros deses países teñen o futuro nas súas mans.