lunes, 28 de marzo de 2011

A PAC do futuro

A PAC DO FUTURO O Comisario de Agricultura da Unión Europea presentou a Comunicación para a Reforma da Política Agraria Común (PAC). Esta presentación veu acompañada da confesión dos fracasos da actual PAC: a Comisión recoñece que o sector agrario está sumido dende hai varios anos nunha profunda crise que provocou que a renda real dos produtores estivese, en 2009, ó mesmo nivel que en 1995. Neste intre están ó descuberto todas as carencias dunha mala PAC: non dispoñemos de stocks, de reservas suficientes para poder intervir no mercado dos cereais, levando á ruína ás explotacións gandeiras ante a volatilidade dos mercados causada pola entrada dos especuladores no mesmo. Fala da agricultura coma un sector estratéxico, da necesidade de proporcionar unha alimentación segura e viable, pero os subsectores gandeiro e de horta levan anos afundíndose porque non poden competir con produtos que entran nos lineais da UE sen trabas e con moitas menos esixencias produtivas de tipo medioambiental e de benestar animal. Tal como amosaron numerosos estudos, a cadea alimentaria está totalmente descompensada en favor da distribución que fixa os prezos, e só se coñecen actuacións institucionais coma a da Comisión Nacional da Competencia, cando os produtores, os máis débiles, intentan agruparse para defenderse ou non ter que vender os seus produtos a perdas. Todo isto sucede no marco dunha crise xeneralizada que retrae o consumo e leva aos consumidores a mirar o prezo, xa que en moitas familias chegar ó final de mes é unha tarefa complicada . A UE está obrigada a cambiar moitas das súas vellas e fracasadas propostas se non quere cargarse un sector que achega alimento diario a millóns de persoas. As ferramentas que se poñen a disposición do sector coa nova PAC deben ser coherentes co diagnóstico que fixo o Comisario de Agricultura, e para iso, debemos aproveitar as estruturas xa creadas, como son as cooperativas, para concentrar a oferta e fortalecer o produto agrario fronte á gran distribución. Pois non todos os males veñen de Bruxelas. Os produtores teñen que dar moitos pasos, agrupando a atomizada oferta para defenderse en termos de igualdade na mesa de negociación, xa que os interlocutores son poucos e moi fortes. Só así poderemos evitar que Galicia siga sendo unha das zonas onde está o leite máis barato de Europa. Ademais de concentrar a oferta, hai que transformar con industrias propias e abordar a diferenciación do produto, a innovación, a competitividade e a comercialización para deixar valor engadido nas mans dos gandeiros e gañar mercados. AGACA propón que a definición de agricultor activo propicie a integración dos agricultores con dimensión insuficiente en Organizacións Empresariais de Produtores (OEPs), para acadar dita categoría e poder acceder ás axudas da PAC. A Reforma da PAC é unha oportunidade para recuperar o horizonte e os retos definidos e perdidos coa actual PAC, articulada case exclusivamente en axudas directas, que ó substituír ás medidas de mercado provocaron unha caída das rendas de agricultores e gandeiros. A nova PAC ten que contribuír a mellorar a posición do produtor no mercado a través da concentración da oferta para competir coa gran distribución mediante a creación de grandes grupos cooperativos que agrupen a produción dos seus agricultores. Deste xeito, as axudas directas, no seu novo formato, serán coherentes coa necesaria recuperación e axilización dalgunhas ferramentas de regulación de mercados; que se activen en momentos de crise e se volvan establecer stocks estratéxicos e intervencións de alimentos en momentos críticos, tanto públicas como privadas. A Unión Europea non debería nunca desinhibirse da xestión de existencias de materia prima de primeira necesidade.