viernes, 21 de mayo de 2010

Tendencias agro-alimentarias

A situación económica provoca desconfianza e medo no consumidor, xerando necesidade de seguridade. Hoxe, afórrase máis e contrólase o gasto incrementando o consumo no fogar con moita maior sensibilidade aos prezos e con cambios nos hábitos de compra (máis pequena, establecementos de proximidade en supermercados e discount). Isto fai que as marcas líderes aguanten mellor a crise pero, avanzan as marcas brancas a forte ritmo asociadas a prezos baixos, mentres que as demais marcas son as que máis sofren (algunhas marcas de fabricante teñen os prezos máis baixos do mercado). En definitiva, o consumidor é moito máis racional, consume menos alegremente e intenta optimizar ao máximo os recursos dos que dispón.

Só un de cada dous consumidores considera que as marcas de fabricante son mellores que as marcas de distribución. Unha vez pasada a crise, agardamos que o consumidor estea disposto a pagar un diferencial polas marcas de fabricante, que son as que xeran emprego, innovación e riqueza. É previsible que, como xa ocorreu con anterioridade, a maioría dos consumidores volveremos a comportamentos de compra habitual pero, posiblemente, máis racionais que en anos anteriores. Algúns descubriron o consumo optimizando rendas e seguirán mercando produtos baratos. Por iso, para o sector primario, só a dimensión, a diferenciación ou a internacionalización poden dar competitividade ao noso sector.

A distribución reaccionou marcándose como obxectivo ser os máis baratos para atraer ao consumidor, o que xerou unha enorme tensión cos fabricantes e entre eles. Baixaron todos os prezos dos produtos e incrementaron as promocións, desenvolveron marcas brancas, ampliaron e transformaron os formatos comerciais de baixo custe, cambiaron envases e embalaxes,… ata desencadear guerras de prezos entre elas que acaban afectando directamente ao produtor primario. O gran problema do sector agro-alimentario é que por moito que se baixen os prezos non vai animarse máis o consumo nin reequilibrarse a demanda e a oferta. A distribución traslada a crise a outros elos da cadea. Para as cooperativas é interesante traballar coas cadeas que queiran promocionar e potenciar os nosos produtos e que permitan elixir e servir ao consumidor.

A industria agro-alimentaria repercutiu inmediatamente as reducións de prezos ao sector primario, xerando unha situación de enorme gravidade, especialmente no lácteo e no cárnico. Só as cooperativas sólidas poden obter vantaxes competitivas ante unha crise coma esta. Por iso é necesario avanzar nos procesos de diferenciación de produtos, en alianzas e no desenvolvemento de tecnoloxías propias apoiándose no I+D+I. As cooperativas fallamos claramente na comercialización, mentres mantemos moitos debates de tipo persoal, territorial,... Temos que ser capaces de crear empresas dimensionadas, capaces de responder a retos que van dende a forza na comercialización, á promoción e á innovación.

¿Que podemos facer? De xeito resumido, as cooperativas deberán mirar máis cara ao mercado, coñecer aos clientes e consumidores; temos que xestionar de forma competitiva ás empresas, con sensibilidade cara aos custes, innovación e recursos humanos; dotemos aos nosos produtos da máxima seguridade alimentaria, certificacións, trazabilidade e diferenciación. Busquemos dende a diferenciación e a dimensión unha maior colaboración e entendemento coa distribución abordando unha negociación das marxes comerciais máis racionais cos apoios das administracións; e, finalmente, para facer todo isto, debemos dispoñer de reitores implicados e formados que gobernen a cooperativa e motiven e impliquen aos socios, xunto con profesionais moi formados e motivados que xestionen eficientemente a cooperativa. E se unha cooperativa non pode ter bos profesionais por falta de tamaño, que se fusione ou chegue a acordos de colaboración con outras cooperativas ata dispoñer dunha boa xestión.