miércoles, 7 de abril de 2010

O paradoxo do ano 2010

Por un lado, parece que neste ano imos albiscar o final do túnel, con probable crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) no segundo semestre. Pero, por outra parte, este ano vai ser o ano máis difícil da crise: o paradoxo do ano 2010. A capacidade de resistencia das empresas comeza a esgotarse. A morosidade seguirá crecendo, marcando tendencias máis lentas. O paro vai seguir aumentando e enfrontámonos a menores volumes económicos en xeral. Esta crise está a requirir das empresas unha forte reconversión no tecido produtivo, ata acadar empresas eficientes e innovadoras para poder sobrevivir.

Como principal efecto da crise apréciase unha quebra xeral de valores: a corrupción, a fraude, o abuso, a desigualdade, a inxustiza e a desconfianza son de tal magnitude que teremos que reconstruír unha política do ben común que reduza as desigualdades, fomente a fraternidade e o sentimento de xustiza e sirva de ligazón entre os que teñen e os que non teñen. Mentres o lado “chanchulleiro” do sector financeiro (especulación en bolsa) volve ser enormemente lucrativo, a parte da banca que realmente importa (os préstamos que alimentan os investimentos e a creación de emprego) segue totalmente estancada. A reactivación económica será lenta porque a crise financeira non se resolveu tan satisfactoriamente como se supón.

Máis da metade dos activos agregados do sistema bancario español están vinculados directa ou indirectamente aos de natureza inmobiliaria, quedando as empresas e os sectores produtivos sen o correspondente soporte de financiamento. E o que é peor, nunca foi tan explícita a vinculación entre a saúde do sistema bancario e a do emprego. En medio de todo isto, a tesourería das empresas treme a causa da negativa a renovar as liñas de crédito por parte das entidades financeiras. Pero, non sempre denegan o crédito, senón que limitan o financiamento ó aplicar os seguintes ingredientes: encarecen os créditos, recortan o seu importe e aumentan as garantías. En definitiva, pola burbulla inmobiliaria, as familias e as empresas están altamente endebedadas co seu sistema bancario, e este, a súa vez, co exterior: xeramos un sobre-endebedamento insostible que agora temos que reducir.

Por outra banda, o consumidor é máis racional ca nunca: pasamos da economía do benestar á compra vencellada ó aforro e á limitación argumentada na razón. O consumidor pasou de pensar en abundancia a pensar en necesidades. Nesta situación, todos saben que é moito máis difícil recuperar a un cliente perdido que mantelo con rebaixas. O reto é lograr que o consumidor entre no supermercado e aproveite as promocións. Dende a perspectiva das empresas, a realidade implica prudencia e orde interna como vías para superar con éxito esta crise. Sen lugar a dúbidas, aquelas empresas que conten coa internacionalización, a innovación, a flexibilidade e as contas saneadas serán as mellor preparadas para afrontar estes anos de dificultades. Na medida do posible é recomendable non ter tódolos ovos na mesma cesta, buscar novos mercados ou innovar nos modelos de vendas e aluguer, así como atopar novas fontes alternativas de financiamento mediante novos socios ou sistemas de franquías.

Necesitamos que as cooperativas innoven, xa que a innovación ten que ser un puntal do cambio de modelo produtivo. Diante nosa temos a revolución verde, á que temos que facerlle fronte, que vai dende o cambio climático ata o desenvolvemento sostible, englobando áreas como as enerxías renovables, a xestión medioambiental, e a administración eficiente e responsable da biodiversidade. Temos que preparar aos directivos e socios para medrar ante a adversidade, vendo os problemas e conflitos como oportunidades de aprendizaxe e mellora. Hai que mellorar moito o traballo en equipo, o traballo cooperativo, deixando ó lado o individualismo, promovendo a cooperación e a sinerxía. Esta crise devolve o protagonismo á persoa, e precisamente as cooperativas somos sociedades de persoas.