lunes, 30 de diciembre de 2013

Non esquezamos ao vacún de carne


As organizacións, as institucións e as persoas tendemos a centrarnos naquelo que reclama a nosa atención no cotián empurrando á nosa memoria, a esquecer aqueloutras que non están no quefacer diario. Ven isto a conto da importancia que historicamente tivo para Galicia, o vacún de carne.

Hai máis de medio século, Galicia xa tiña longa experiencia cooperativa na comercialización dos xatos vivos das explotacións dos seus socios mediante o tren (dispoñendo incluso de fincas propias en Castela para alimentar o gando na súa viaxe de varios días de cara ao Centro e ao Levante), ou mediante vía marítima (chegando a realizarse exportacións de animais vivos a Gran Bretaña, entre outros lugares).

Un fito histórico para o vacún de carne foi a posta en marcha da IXP Ternera Gallega, a finais dos anos oitenta, unha marca de calidade que viña a restaurar e recuperar, para o agro, a imaxe dun sector renovado e punteiro que ofrece e garante calidade ao consumidor final. Chegamos á IXP despois de que moitos gandeiros de vacún de carne abandonaran —nos anos sesenta e setenta—, este subsector por unha produción láctea máis rendible e competitiva. Na súa gran maioría, as explotacións lácteas naceron como consecuencia da transformación de explotacións de vacún de carne en explotacións de leite; incluso durante moitos anos, compartindo ambas dedicacións.

Os estudos oficiais sobre as tendencias da demanda dos alimentos aseguran que en Europa e no resto do mundo hai unha demanda crecente de carne de vacún a cubrir. De confirmarse esta previsión, parece axeitado que os gandeiros galegos, as súas organizacións, industrias, cooperativas e institucións públicas impulsemos máis esta produción. Nesta tarefa, os gandeiros de leite teñen un importante papel realizando, sempre que poidan, cruce industrial con razas de aptitude cárnica contempladas na IXP Ternera Gallega e impulsando a comercialización organizada dos xatos mediante as cooperativas (tanto de cara a cebadeiros, coma de cara ao matadoiro, segundo sexa o caso). Non parece lóxico que os gandeiros de vacún de leite viren as costas a este sector realizando cruces con razas non contempladas no Regulamento da IXP.  

Non cabe dúbida de que é un esforzo moi necesario a realizar por todos; intentar que ningún produtor de vacún de carne quede sen acollerse á IXP Ternera Gallega por estar “protexido” por un único cliente para o seu gando. Pero iso, tamén é labor das cooperativas de vacún de leite que deberían reincorporar e prestar servizos cooperativos aos gandeiros que abandonaron a produción láctea. As cooperativas necesitan repensar e redefinir servizos para estes novos gandeiros de vacún, organizar a produción e a comercialización para buscar os máximos rendementos posibles das explotacións, asesorando ás mesmas na produción de vacún de carne, facilitando xovencas e xenética axeitada, aconsellando e orientando.

Contemplando como medra, desenvolve e compite co sector lácteo galego, cometeriamos un erro enorme ao esquecer ao vacún de carne, e ás complementariedades e sinerxías que entrambos poden desenvolverse e beneficiarse.

Esquecer, esquecémonos rápido. Pero, sería grave que algún día lembremos o que puido ser e non foi, polo abandono de todos: gandeiros, cooperativas, administracións públicas...
Editorial Cooperación Galega, nº 116 Decembro 2013