viernes, 9 de enero de 2015

Valor engadido

O Valor Engadido é a diferenza entre o que os compradores/clientes pagan por un ben ou servizo e o que custan os recursos necesarios para producilo: basicamente é a suma dos salarios, beneficio empresarial e impostos pagados.

Un sector agrario que xera moito valor engadido é un sector avanzado en tecnoloxía e capital humano. Necesitamos que a economía do noso agro sexa dinámica, equilibrada e progresiva, tecnoloxicamente avanzada, baseada no capital humano, innovadora e que fomente a investigación e o desenvolvemento permitíndonos gañar a carreira da competitividade.

É de interese para o agro galego e as cooperativas ter bos produtos primarios (leite, carne, horta, etc.), pero o maior reto é o valor engadido que podemos xerar cos mesmos.

Se lles damos valor engadido aos produtores a través das cooperativas, podemos ter a oportunidade de mellorar os prezos, xa que vender leite cru e animais vivos nunca vai estar ben recompensado.

Necesitamos o impulso das administración para abordar eficientemente a transformación dos principais produtos do noso agro, como xa se está a facer —con moito acerto empresarial— no sector vitivinícola galego. Galicia necesita xerar condicións que incentiven a toma de decisións para executar emprendementos con investimento público/ privado ou cooperativo, reinvestindo os recursos xerados polo sector primario, posibilitando que o capital da terra sexa mellor aproveitado e multiplicando varias veces o valor da produción primaria antes de que saia da nosa Autonomía de cara á distribución e ao consumo.

Calquera transformación en orixe xera movementos na economía, rendas e postos de traballo. Por tanto, xorde a necesidade de deseñar estratexias de integración de innovacións tecnolóxicas na transformación dos produtos agroalimentarios que melloren a realidade actual.

Temos que deixar de ser espectadores, pasar a ser protagonistas dos cambios que debemos impulsar e debater, e elaborar proxectos concretos que se transformen en produtos de maior valor
engadido. Isto require participación e alto compromiso social e tamén empresarial das nosas cooperativas.

A realidade é que a cadea agroalimentaria galega ten que crecer en produtividade, valor agregado e sustentabilidade. É necesario medrar en procesos de industrialización con calidade e trazabilidade, identificando a orixe, pero sempre, baixo estruturas empresariais manexadas dende Galicia.

Hoxe existen exemplos de éxito de grandes complexos agroindustriais —o máis salientable é Coren—, pero tamén é real que o groso da produción láctea galega está constituído por leite líquido (cru ou envasado), case unha “commodity”, polo que necesitamos que ningún produto primario viaxe fóra de Galicia sen recibir o axeitado incremento de valor.

A produción agrogandeira é un negocio que deixa un valor económico clave para moitas comarcas rurais galegas, pero necesitamos algo máis: que os beneficios non os leven as multinacionais que transforman esa materia prima, que lles engaden valor aos alimentos producidos noutros países e usan os galegos como reguladores neste mercado alimentario volátil e global que nos toca vivir.

Con orzamento, planificación e consenso deberiamos chegar, a medio prazo, a un cambio do modelo produtivo, especialmente no lácteo, baseado na innovación, a investigación e o desenvolvemento empresarial para xerar máis valor engadido.



No hay comentarios: