miércoles 17 de noviembre de 2010

COOPERACIÓN GALEGA, imos polo número 100



EDITORIAL

Cooperación Galega, imos polo número 100

100 números. Centos de artigos, reportaxes, entrevistas… Como xa terán comprobado, este é un número un tanto especial, de celebración. E non podía ser doutro xeito, xa que para unha publicación como a nosa, entregada ao contorno rural e agrogandeiro e aos valores do cooperativismo, o 100 é un número simbólico, de consolidación, de garantía de que o noso esforzo resulta de interese para moitos lectores.

Xa pasaron 20 anos dende que aparecía impreso o número 0. Saía con ilusión, con esperanzas de asentarse no medio e coa incerteza do que deparaba o futuro, un futuro que agora xa é presente e que confirmou o acertado da iniciativa.

Cooperación Galega pretende achegar á sociedade o cooperativismo, unha forma distinta de facer empresa, de facer país, asentada en valores como a solidariedade, a transparencia, a axuda mutua, con perspectiva comercial e mercantil. Amparando ao primeiro elo da cadea produtiva, fomentando a formación, o investimento en investigación e innovación, procurando mostrar unha imaxe digna, dun agro sen complexos, capaz de competir nun mercado capitalista dende unha base responsable e de compromiso.

Número a número tratamos de promover a interrelación entre as cooperativas, a conveniencia de procurar unións, fusións e colaboracións estreitas que favorezan un equipo máis forte, con maior capacidade de negociación e de expansión. Sinxelamente cremos nas cooperativas.

E posto que de celebración estamos falando, sería inxusto non lembrar a cantos teñen estado ao noso lado ao longo de todos estes anos. Ante todo, aos nosos lectores, pola súa fidelidade dende o mesmo momento da nosa aparición, alá polo mes de maio de 1990; aos nosos colaboradores e investigadores, polas súas suxestións e axuda; a todos os que nos teñen informado e conducido polo apaixonante mundo do cooperativismo; aos anunciantes por confiar nunha revista como a nosa; aos numerosos técnicos que teñen pasado e aos que aínda seguen na Asociación; aos directivos que apostaron pola promoción do cooperativismo, aos xornalistas que traballaron e puxeron as bases para conseguir facer de Cooperación Galega unha publicación de referencia no sector e, en definitiva, a todos aqueles que estiveron e seguen vinculados dalgún xeito a AGACA.

Agardamos contar co voso apoio e seguir atopándovos a todos número a número, ano tras ano.